Colamos, depois de traducido, este moi interesante artigo do Diario de Vurgos:
Despois de que se botase por terra a versión elaborada polo Ministerio de Interior coa que se pretendía explicar o estalido social vivido en Gamonal a través da presenza de "grupos violentos itinerantes", declaracións coas que se pretendía xustificar a nova Lei de Seguridade Cidadá e todo o seu paquete de medidas coercitivas encamiñadas a coartar o dereito de manifestación, a Comisaría Provincial de Burgos difundiu unha nova teoría na que as responsabilidade dos feitos pasaría a recaer en colectivos sociais burgaleses.
Mediante un informe difundido polos principais rotativos, a nova versión policial apunta directamente cara a colectivos anarquistas, e outros movementos sociais como a Asemblea de Gamonal 15 M, nunha estratexia deseñada para restar protagonismo á mobilización dun barrio que puxo contra as cordas aos poderes políticos e empresariais burgaleses. Un conflito que grazas ao malestar social se reproduciu en numerosas localidades nun fenómeno denominado Efecto Gamonal.
Resulta canto menos curioso comprobar como ao longo do tempo as diferentes teorías que trataron de explicar os conflitos sociais vividos en Gamonal mudaron de forma sorprendente, pero manténdose lineais nas mesmas teorías acusatorias. Se na loita contra o aparcadoiro de Eladio Perlado en agosto de 2005 se falaba da chegada de "membros da kale borroka", a complexidade dos feitos vividos en xaneiro de 2014 fixo necesario adaptar case sobre a marcha un novo guión no que se pasou do violento itinerante ao inimigo interno local.
Unha estratexia que non é nova e que reproduce en liñas xerais a táctica informativa empregada por Javier Lacalle e o seu equipo de goberno cando en sucesivas comparecencias públicas se empeñaba en declarar as súas intencións de non claudicar ante un "grupo radical". Pero ese "grupo radical" do que falaba o señor Lacalle non era outro que o barrio de Gamonal, onde miles de persoas clamaron pola paralización definitiva das obras e seguen en loita pola absolución do case medio centenar de represaliados.
O informe policial, que verte as súas acusacións sobre determinados movementos sociais e no que se alude a un suposto "dirixismo anarquista", revela a estreiteza de miras de quen, a pesar das súas moitas titulacións universitarias e status de inspector policial, é incapaz de comprender que a poboación poida actuar por conta propia sen que ninguén a dirixa. A literatura policial pon unha vez máis de manifesto que suxeitos afeitos a acatar e recibir ordes non pode ver máis alá dos seus ríxidos esquematismos mentais que reproducen a sociedade que se encargan de defender a través do monopolio da violencia.
Pero se temos que falar de infiltrados, a Brigada Provincial de Información de Burgos, estrutura herdeira da Brigada Político Social franquista, ten moito do que calar. Varios dos seus axentes foron descubertos nunha das asembleas veciñais no conflito contra o aparcadoiro de Eladio Perlado en 2005, e un policía secreta tivo que sair por patas durante os primeiros enfrontamentos na loita contra o bulevar. A súa actuación é a propia dunha policía política destinada a realizar controis ideolóxicos sobre a poboación e os seus métodos inquisitoriais non deixan de recordar a España negra de antano.
Non podemos negar que lles falte intelixencia maquiavélica aos axentes que prestan os seus servizos na Comisaría Provincial de Burgos, como explicar as miles de voces que clamaron diariamente ás portas das súas dependencias contra o Estado de excepción vivido en Gamonal, como salvar a papeleta a un Ministerio de Interior que quixo aproveitar o conflito veciñal para xustificar as súas novas medidas represivas. Fixeron ben o seu traballo e o "comunicado" difundido forma parte da propaganda mediática que dende o inicio do conflito se desatou contra o barrio.
Pero se unha cousa saben e calan a conciencia os redactores do informe policial é que xamais ningún "colectivo radical", tería sido capaz de desatar un conflito de tal intensidade no que os propios veciños foron os seus protagonistas e cuxas causas últimas habería que buscalas no modelo social que coa súa dinámica represiva se encargan de perpetuar.
trad x eDu
No hay comentarios:
Publicar un comentario