Colamos este artigo da revista "La Burxa", periódic de comunicació popular de Sants i barrïes veins, asinado por Acció Llibertària de Sants e que recollimos e traducimos da versión en castelán publicada na web de AlasBarricadas:
A nova Lei de Seguridade cidadá ten de entenderse, pois, como un complemento de todas estas reformas penais, en especial a do Código Penal, que elimina a figura das "faltas", infraccións que, ou ben son asimiladas como delitos leves, ou ben son reguladas como sancións administrativas nesta nova lei. O que a simple vista podería verse como unha atenuación (sempre soa máis laxo unha multa que un xuízo e unha pena) desaparece ao considerar o contido da norma: a desproporción das súas sancións, a politización das condutas infractoras e a falta de rigor xurídico que trae aparellada a discrecionalidade da Administración, co correspondente perigo dunha interpretación extensiva da norma, xa de por si restritiva cos dereitos fundamentais.
Así, habemos de ter claro que os procedementos administrativos son moito máis trapalleiros, xa que á hora de recorrer unha multa, se ha de facer, en primeira instancia, ante a propia Administración que cha pon e, unha vez rematada esa vía, poderemos recorrer ante o xuíz contencioso-administrativo, co correspondente pagamento (mínimo 200 euros) da taxa xudicial (a xurisdición penal está exenta da devandita taxa). Ademais do sangrante recurso contencioso, habemos de recordar que a Administración ostenta unha posición dominante neste tipo de procedementos, a saber: por un lado a súa capacidade á hora de dispoñer do teu diñeiro (facilidade de embargo) e, por outro e máis importante é que a Administración ostenta a presunción de veracidade (ou, o que é o mesmo: a presunción de culpabilidade do infractor) polo que, a diferenza do procedemento penal, non é o acusador o que ten que probar a culpabilidade do infractor, senón que este terá que demostrar que a Administración se equivoca, e todo o mundo sabe o difícil que é probar algo cando está a policía de por medio.
Por outro lado, a Lei de Seguridade Cidadá vén a regularizar prácticas que xa se viñan levando a cabo por parte da policía: a restrición de accesos a zonas públicas, os controis de identificación e cacheos por asociación a unha protesta ou opción ideolóxica, e, quizais o máis grave de todo, a creación formal dun ficheiro de infractores para controlar (entre outras cousas) a reincidencia. E tendo en conta que nesta lei se sanciona explicitamente e de forma xeneralizada a protesta social, este ficheiro terá un carácter determinante á hora de sinalar, criminalizar e prexulgar os individuos en función da súa opción e práctica política. Porque máis alá da problemática do carácter público ou interno dese ficheiro, a avalancha de infraccións (administrativas e penais) vai darlle un papel crucial á hora de seleccionar os individuos penal e administrativamente responsables. Como agora se penaliza todo, pero todo non pode ser castigado debido á masificación de condutas punibles que colapsarían os procedementos penais e sancionadores (a pesar de prevelo, aumentando o prazo de caducidade da acción para ter máis tempo para sancionala), o ficheiro pode servir de filtro (como xa se vén facendo de forma velada) para castigar a un sector social concreto, máis politizado, organizado ou con maior conciencia social.
En definitiva, esta volta de rosca represiva permítenos ver que o Estado nunca poderá solucionar os problemas da xente. Non pode levar a cabo reformas de ningún tipo, porque a función de calquera poder é asegurar a súa supervivencia, a súa perpetuación, algo incompatible coa liberdade e a xustiza social. Ante o dramático da situación social, o goberno correspondente formúlanos a única opción viable para defender os seus intereses: a política do medo e a represión. Coñecemos o seu olor e non nos asusta, porque temos do noso lado armas moito máis profundas e consolidadas pola experiencia histórica: a solidariedade, o apoio mutuo e a acción directa contra toda dominación.
Acció Llibertària de Sants
No hay comentarios:
Publicar un comentario