14 ene 2014

Cronica da XIV Marcha a Prisión de Teixeiro e da posterior concentración en Compostela

Outro ano máis, e xa van 14, un cento de solidari@s vidos de todas partes de galiza percorrimos a pé a distancia que separa a gasolinera do polígono industrial do infausto cemiterio de seres vivos da prisión de Teixeiro. Un ano máis desafiamos a intimidación e o acoso co que o poder nos agasalla en cada nova ocasión desta xa lonxeva marcha solidaria (multas por participar ou por infraccións de trafico inventadas, ameazas, xuízos penais, pinchazos das rodas dos nosos coches...) para achegarlles ás persoas presas un pouquiño de cariño e esperanza a través dos nosos berros libertarios. Afortunadamente este ano non tivemos tamén que desafiar as inclemencias meteorolóxicas, como xa temos por costume, posto que o tempo se mantivo apracible durante toda a xornada. Pedirlle o mesmo á picoletada xa tería sido demasiado, así que soportamos outro ano máis interminables controis e rexistros dos coches de tod@s @s que nos achegamos. Con todo, a súa actitude foi bastante máis tranquila que en anos pretéritos e, salvo por algunha incidencia concreta, deixáronnos bastante á nosa bóla.

As presas do pavillón de mulleres, as únicas que aínda poden ver algo dende que a dirección do penal decidiu plantar piñeiros cos que ocultar as nosas marchas do ollar d@s intern@s, responderon con berros e ondeando bandeiras ás consignas coreadas dende o exterior, iniciando un curioso pero apaixonado diálogo entre pres@s e manifestantes.

Malia o férreo rexistro efectuado polos verdosos esbirros do estado, e malia a tallante prohibición de lanzamento de calquera tipo de artefactos pirotécnicos, un surtido caudal de foguetes lanzados dende un monte próximo amenizou co seu alegre estoupiudo a nosa protesta. Este foi o motivo de varias identificacións (que ao parecer derivarán en propostas de sanción) para algunhas persoas que casualmente se atopaban polo monte. Un gran globo de papel cunha "A" circulada pintada despegou tamén dende a protesta en dirección ao ceo, para que o viran dende o máis recóndito rincón do presidio, introducindo así un chisco de liberdade nos corazóns d@s intern@s.

Rematada a Marcha, e tras dunha "opípara" comida na biblioteca anarquista "A Ghavilla" de Compostela, chegoulle o turno á protesta prevista para esa tarde na céntrica praza do Toural de Santiago. A idea era que, ademais de solidarizarnos c@s pres@s, levásemos o noso liberador mensaxe ás rúas da cidade, para enfrontar o común do cidadán cunha realidade deliberadamente oculta en localizacións illadas. Á cita acudiron unhas setenta persoas, dedicadas durante os primeiros minutos a repartir panfletos tranquilamente e corear consignas anticarcerarias. Pero a cousa truncouse ao pouco de comezar, pois un tropel de antidisturbios, pertrechados como para comezar unha guerra, se abalanzaron sobre a protesta, rodeando a todos os participantes e impedíndolles saír do cerco. Foron identificando un a un aos participantes, separandolos unha vez filiados e cacheados en dous grupos diferenciados. Algo parecido ao acontecido xa o ano anterior, só que esta vez sen saír en mani.

Unha vez rematado o concienzudo glosario de disidentes por parte da desproporcionada piara de represores uniformados, e sendo xa todos os manifestantes un só grupo ben escudriñado nos seus petos, mochilas e demais recónditos lugares corporales, escoltáronnos ata fóra da zona vella onde por fin nos deixaron en paz. Malia o humillante de todo este asunto, o certo é que dificilmente se podería evidenciar mellor a represión inherente a este nauseabundo estado policial; pois os transeúntes composteláns deberon de flipar por cores con tan desmedido dispositivo, que nada tería que envexar ao da máis despótica das repúblicas bananeiras.

Rematada a protesta, e coas gorxas secas de tanto berrar consignas de protesta, fómonos a remollarnos en cervexa (ou auga sen gas aquel que así o preferiu) ao frenético ritmo das "Transxenéricas" na okupa compostelá "A Casa do Vento".

E con isto e un "bizcocho"... ata o ano que vén.

Por C.R. que andou por alí.

2 comentarios:

  1. http://pt.contrainfo.espiv.net/2014/01/20/galiza-cronica-da-xiv-marcha-a-prisao-de-teixeiro-e-da-concentracao-em-compostela/

    ResponderEliminar
  2. Alterada a fonte na tradução de Contra Info (pt)
    Abraços!

    ResponderEliminar