Colamos polo seu interés, esta crónica asinada por María Cappa en "La Marea" ao respecto do feche do medio de comunicación navarro Apurtu.org:
É dicir que, despois de cinco anos investigando, non acharon probas abondo como para levalos a xuízo pola comisión de ningún delito. Segundo explicou a La Marea Miguel Ángel Llamas (Pitu), o único dos acusados ao que encarceraron, nos fixeron seguimentos, entraron nas nosas casas, nos detiveron, colleron os nosos arquivos e discos duros, nos interrogaron, nos mandaron ao cárcere e pecharon un medio. Agora din que non hai probas abondo como para levarnos a xuízo, pero, que probas tiñan cando comezou a operación? O que denunciamos é que hoxe, no Estado español, se pode pechar un medio de comunicación sen ter ningún tipo de probas na súa contra".
Nunha rolda de prensa ofrecida este venres pasado en Iruñea, outra das denuncias que quixeron facer pública os imputados que formaban parte de Apurtu.org ten que ver cos medios de comunicación. Llamas conta que "cando ás 7 da mañá, despois de todo o rexistro que fixeron nas nosas casas, nos levaron detidos, había moitos medios de comunicación, que foran avisados pola policía de que ía haber unha operación. Dixéronlles onde se ía facer, eles acudiron e aí nos gravaron. Despois, publicaron os nosos nomes e acusáronnos do que a policía dixo que fixeramos". Para esta rolda de prensa, enviaron convites expresos aos medios que actuaron deste xeito, entre os que estaban El País, El Mundo, ABC, La Razón, Diario de Navarra, COPE, a Cadea SER, RTVE, a Axencia EFE, Europa Press, Telecinco, Cuatro, La Sexta ou Antena3.
"Fixémoslles un convite especial no que citamos o que no seu día dixeron de nós e os informamos de que a causa se sobresera, polo que considerabamos que deberían rectificar por unha cuestión de rigor xornalístico e, por suposto, porque temos dereito. Todos estes medios -prosegue Llamas- que no seu día publicaron a información que lles pasaba o Ministerio de Interior - é dicir, que eramos o aparato propagandístico de ETA-, hoxe non viñeron". Unha ausencia que a ningún deles os sorprendeu, aínda que consideran que "igualmente hai que denuncialo e deixar en evidencia que papel xogan os medios neste tipo de asuntos".
Cronoloxía do feche de Apurtu.org
2007. Crean esta páxina web, cuxo obxectivo é "evidenciar a vulneración de dereitos humanos, civís e políticos dos presos políticos que se estaban a dar tanto nas prisións como fóra delas". Acoden a roldas de prensa de familiares que denuncian torturas e cobren, ao igual que outros medios, o recibimento que se fai aos presos excarcerados. A Audiencia Nacional, conta Llamas, "comeza a prohibir determinados actos políticos e cítase en varios autos Apurtu.org como unha web do ámbito de ETA".
2009. O diario ABC publica en primeira páxina unha noticia na que afirman que Apurtu.org é unha páxina web orientada a "enaltecer a ETA e reanimar os seus presos". Como consecuencia desta publicación, a web sofre un ciberataque. Os seus membros ofrecen unha rolda de prensa para explicar en que consiste o seu labor e confirmar que seguirían con ela porque non constitúe ningún delito. Ademais, un grupo de profesionais de diversos medios comparece publicamente para mostrar o seu apoio á web.
2010. A Audiencia Nacional ordena unha operación policial unha semana despois do cesamento da violencia de ETA, en xaneiro dese ano. Ademais de a catro xornalistas de Apurtu.org, deteñen outras persoas ás que acusan de pertenza a banda armada con motivo da súa militancia política.
2011. Acusan os membros de Apurtu.org de formar parte do aparato de propaganda de Askatasuna, (a organización de apoio aos presos políticos e aos seus familiares). Segundo conta Llamas, "a policía entrou de madrugada ás nosas casas, requisaron discos duros e dixéronnos que estabamos en réxime de incomunicación" (o que implica a suspensión dalgúns dos dereitos dos detidos como non poder estar cun avogado de confianza ou non ter ningún tipo de contacto con ninguén do exterior que non sexa un policía ou un médico forense durante un máximo de cinco días) .
Tras pasar tres días incomunicados en Madrid, pasan á Audiencia Nacional. Edurne Sancho e Koldo García son postos en liberdade con cargos tras pagar unha fianza de 12.000 euros. O xuíz que instrúe o caso, Francisco Grande-Marlaska, decreta prisión provisional para Llamas sen posibilidade de fianza ao considerar que existía risco de fuga e de destrución de probas. Os membros de Apurtu.org, segundo o informe policial, son acusados de enaltecemento do terrorismo por ir a cubrir o recibimento aos presos que saen do cárcere.
Xullo 2012. A instrución do caso cae nas mans do xuíz Santiago Pedraz, quen ordena a posta en liberdade de Miguel Ángel Llamas, que xa levaba 18 meses no cárcere de Valdemoro. Llamas narra que "como o resto de presos políticos, fun dispersado a máis de 400 km da miña casa. Catalogáronme como preso perigoso, polo que interviñeron todas as miñas comunicacións e non podía realizar as mesmas actividades que os demais". A partir da súa saída de prisión, tivo que acudir quincenalmente a asinar un xulgado e, ao igual que aos seus compañeiros acusados, prohibíuselle saír de España.
Ateak Ireki
Tras o peche de Apurtu.org, un grupo de xornalistas navarros decidiu crear Ateak Ireki (Abrir Portas en éuscaro). Consideraron que o peche desta web fora un "atropelo á liberdade de expresión" e creron necesario abrir outro medio que continuase co seu labor. Ao saír do cárcere, Llamas incorporouse a este medio, ao que se lle deu un contido máis global, de maneira que comezaron a informar sobre as diferentes protestas sociais relacionadas coa crise económica.
En setembro de 2013 lanzouse unha operación policial contra Herrira (un movemento cidadán que defende os dereitos dos presos, refuxiados, exiliados e os seus familiares). Detiveron varios dos seus membros e ordenaron o peche de varias páxinas webs vinculadas con este movemento, así como diversos perfís nas redes sociais. No primeiro listado non incluíron a Ateak Ireki, que si formou parte da ampliación que se fixo desta uns días máis tarde.
O 11 de novembro de 2013 decretaron o peche preventivo deste medio sobre a base dun informe da Garda Civil no que afirmaban que era o sucesor de Apurtu.org e que unha persoa (Miguel Ángel Llamas) traballara en ambas as dúas. Llamas explica que presentaron un recurso nos cinco días posteriores a este auto, aínda que foi rexeitado. Tras a resolución da Audiencia Nacional, o 22 de novembro, na que se nega que haxa probas para considerar que Apurtu.org cometese algún delito, volven presentar un recurso, esta vez de apelación, que a data de hoxe non foi respondido.
Dado que o único cargo no sua contra que consta no informe da Garda Civil é a vinculación de Ateak Ireki con Apurtu.org, cren que o lóxico é que se arquive tamén esta causa, aínda que non teñen demasiada confianza. "Consideramos que a Audiencia Nacional non é un tribunal democrático, senón que ten moito de político. A decisión que tomen, máis que en termos xurídicos, pensamos que será en termos políticos, para ben ou para mal. É dicir, en función de se lles molesta máis que sigamos funcionando ou que esteamos pechados".
Mentres esperan a resposta da Audiencia Nacional, que prevén que obterán unha vez remate o período vacacional, os membros de Ateak Ireki manifestaron a súa intención de seguir traballando, aínda que con certa sensación de "angustia xerada pola incerteza" sobre o seu futuro. "Queremos saber xa que vai pasar co noso medio e se nos van acusar de algo ou se imos ter que volver a Madrid. Non sabemos se nos deterán porque eles consideran que o que facemos é delituoso. O que si che digo é que, se finalmente o fan, sería un escándalo maiúsculo", conclúe Llamas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario