Cantas familias na rúa precisa o Concello para facer dunha vez por todas o seu traballo?
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña desexamos informarvos e trasladarvos as nosas reflexións ao respeito das últimas novas no caso de Elisabeth Sanlés.
Como sabedes, o pasado mércores 27 despregábase na Coruña un dos dispositivos policiais máis complexos e custosos desenrolados na nosa cidade. O obxecto? Desafiuzar a unha muller que, coma tantas outras familias, non ten traballo e, polo tanto, non pode facer fronte ao prezo que o sistema capitalista nos cobra por vivir.
Sorprendentemente, ao mesmo tempo que se militarizaba a periferia da cidade para deixar a esta muller na rúa, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) recibía o informe de Servizos Sociais da Coruña para avanzar na adxudicación dunha vivenda directa para esta persoa.
Sen embargo, o director técnico desta área, Xose Luis Quintela, dixéralle á afectada en repetidas ocasións –a última o pasado venres 22- que o informe xa estaba nas mans do IGVS, xa que fora enviado o día 19.
Cal é a sorpresa de Elisabeth Sanlés no día de hoxe cando dende o Instituto Galego de Vivenda e Solo comunícanlle que dito informe saíra de Servizos Sociais con data do 26 de novembro, sete días máis tarde do afirmado por dita área, chegando á autoridade competente do IGVS na mañán do 27, case ao mesmo tempo que a barbarie do desaloxo estaba a acontecer. Entón, por que mentíu o señor Quintela? Por que xogou ca confianza e esperanzas de Elisabeth?
Como cidadás e cidadáns, nin entendemos nin queremos consentir este comportamento. Agora resulta que non só estamos diante da burocratización discriminatoria dun dereito básico como é o da vivenda, recollido no Artigo 47 da Constitución Española, senón que ademais atopámonos con que os responsábeis dos Servizos Sociais pagados por todas as persoas contribuíntes inhiben a súa responsabilidade nun caso de flagrante emerxencia social adoptando unha actitude despreocupada e preguiceira e, por se fora pouco, míntenlle á cara ás persoas vulnerábeis e en risco de exclusión social que acoden a solicitar a súa xestión.
Neste senso, resulta moi preocupante que os responsábeis dos Servizos Sociais estean a amosar co seu comportamento que descoñecen –ou obvian respectar- a propia Lei que aplican, unha irresponsabilidade administrativa que, como é sabido, está a carrexar importantes repercusións legais e punitivas para a poboación xustamente máis atacada pola actual crise de dereitos e liberdades creada ao abeiro da estafa financieira e a corrupción política.
Fai tan so un par de semanas, o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, fachendeaba do aumento de recursos destinados á “súa” concellaría. Onde están estes recursos? Se cadra na súa énfase marketiniana esquecía sinalar o señor Lorenzo que estes recursos seguen a ser exiguos, e que de tódolos xeitos de nada vale o aumento dos mesmos se recaen en mans de ineptos pra súa xestión e soberbios na súa aplicación.
A realidade a día de hoxe é que Elisabeth Sanlés, ao igual que outras persoas e familias na súa situación –máis do 40% dos fogares galegos subsisten xa a base de prestacións sociais-, non só están a ser privadas do seu dereito a teren cubertas as necesidades básicas, senón que están a ser tratadas con desprezo polas propias institucións que deberían velar pola súa seguridade.
No entanto, malia a que Elisabeth leva buscando dende fai anos unha solución ao seu caso, a alternativa á indixencia prantexada dende os servizos sociais supostamente públicos e aconfesionais foi unha residencia privada e relixiosa onde, ademais de non lle permitir ter aos seus fillos, exísenlle o pago da metade dos seus ingresos mensuais -a día de hoxe 216€- e a asunción de horarios e normas que, dende o propio punto de vista da afectada, limitan na súa dignidade e autonomía coma persoa maior de idade.
Tal é o desaxustado desta opción que apropia Elisabeth –que non se define como “anti-sistema” senón que sinte máis ben que o Sistema é “anti-ela”- decidíu aloxarse temporalmente no Centro Social Autoxestionado de Palavea, onde segundo afirma, foi o único lugar onde lle deron unha solución minimamente aceptábel sen lle pedir nada a cambio.
Dende logo, só unha xestión subrealista dos Servizos Sociais como a realizada polo Concello da Coruña pode dar lugar á paradoxa de que sexan os denominados “okupas” os que oferten as solucións máis aceptábeis para as vítimas da violencia capitalista.
Cantas familias na rúa precisa o Concello da Coruña para facer dunha vez por todas o seu traballo? Canto tempo máis aturaremos que as solucións veñan da solidariedade entre as propias persoas excluídas pola actual orde político-económica en lugar de polos responsábeis políticos da mesma? Que se lle pasa pola cabeza ao señor Quintela cando minte a unha usuaria dos Servizos Sociais para desviar a atención mentras se está a deseñar o seu desafiuzamento a base de ducias de antidisturbios? Cantas vivendas sociais se poderían ter pagado cos cartos que custou este operativo? Teñen Quintela, Lorenzo ou Negreira a saúde mental e emocional requerida para responsabilizarse dos cargos que ocupan?
Desafiuzamentos, multas, ocupación policial dos barrios, detencións, restrición no acceso á educación, no acceso á sanidade, “cuchillas” para desangrar emigrantes, eliminación das axudas á dependencia, asasinatos machistas cada semana, corrupción política, estafa financieira… Cando debido á actuación das institucións públicas a cidadanía enfronta o seu día a día con terror, iso tense que chamar terrorismo institucional.
XUSTIZA SOCIAL PARA UNHA CORUÑA LIBRE DE DESAFIUZAMENTOS!!
Moitas grazas pola vosa atención
Saúdos e moi boa xornada e fin de semana,
STOP Desafiuzamentos A Coruña
--
@desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario