Reproducimos esta carta publicada no diario "La Comarca de Puertollano" e que recollimos de Tokata:
Son a nai de Emanuel Gómez Patiño, quen con 15 anos de idade, se encontraba internado dende o mes de agosto pasado no Centro de Menores Albaidel, en Albacete, cumprindo unha medida de internamento de seis meses imposta polo Xulgado de Menores de Ciudad Real.
Encontrándose o meu fillo nesas circunstancias, o pasado 11 de setembro de 2013, recibimos chamada telefónica da Comisaría de Policía de Puertollano pola que se nos comunicaba que o meu fillo aparecera aforcado no seu cuarto do devandito centro de menores, sen que nada puidese facerse pola súa vida. Ao meu fillo enterrámolo o pasado día 13 de setembro.
Pois ben, pasaron xa máis de dous meses e medio dende a morte do meu fillo e aínda non sabemos a concreta razón desta. Non sabemos se o meu fillo se suicidou -iso é o que nos din- ou se alguén rematou coa súa vida, porque no Xulgado de Instrución n.º 3 de Albacete no que se segue procedemento xudicial pola morte do meu fillo, nin consta informe da autopsia, nin consta acta de levantamento de cadáver, nin consta un atestado policial, nin consta declaración de ningún responsable do centro, nin tan sequera dos vixilantes de seguridade e técnico que, ao parecer, descubriron a situación.
Esta incerteza, descoñecer a verdadeira causa da morte do meu fillo estanos a esnaquizar a toda a familia. Non damos crédito ao que se nos di de que o meu fillo se suicidase, cando unha hora e media antes da súa morte estiven falando por teléfono con el con absoluta normalidade.
A familia temos a sensación de que a ninguén interesa esclarecer o acontecido co noso fillo, ningunha noticia do feito apareceu en ningún medio de comunicación (salvo unha pequena nota nun xornal dixital de Ciudad Real) non alcanzando a comprender como un suceso como o descrito, acontecido a un menor nun centro de menores dependente da "Consejería de Sanidad y Asuntos Sociales de la Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha", non transcendeu a ningún medio de comunicación de Albacete.
E esa sensación de que a ninguén interesa esclarecer o acontecido co noso fillo acrecentase cando nos decatamos de que no ano 2009 o "Defensor del Pueblo de Castilla-La Mancha" xa iniciara unha investigación do centro Albaidel por exercerse violencia sobre os menores, ou cando no "Informe anual 2011 do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura" elaborado polo "Defensor del Pueblo", non o da nosa comunidade -xa desaparecido- senón a institución dirixida por Dª Soledad Becerril, se denunciaban múltiples deficiencias existentes no Centro de Menores Albaidel.
Acudo en definitiva a vostede e ao seu medio de comunicación porque non encontro mellor vía para denunciar a miña situación e a da miña familia, e porque non entendemos como as circunstancias da tráxica morte da nena de Santiago de Compostela poden estar tan aclaradas, e no caso do noso fillo non teñamos a máis mínima noticia distinta do dito, que apareceu aforcado no cuarto da institución pública que estaba obrigada a velar pola súa vida e pola súa integridade física.
Moitas grazas. Esperanza Patiño
No hay comentarios:
Publicar un comentario