STOP DESAFIUZAMENTOS A CORUÑA informa da actual situación do caso de Elisabeth Sanlés:
Tras a paralización do desafiuzamento fixado para o pasado 8 de outubro as diferentes institucións responsábeis de velar polo dereito á vivenda, a día de hoxe non garantido, foron incapaces de xestionar non so unha solución particular no caso concreto de Elisabeth, senón tampouco a posta en marcha de medidas dirixidas a traballar por garantir para a cidadanía este dereito básico conculcado ao abeiro do sistema económico e social existente.
Dende os Servicios Sociais do concello da Coruña, o interese na solución do presente caso vai diminuíndo na mesma medida na que se vai aproximando a fixación dunha nova data de lanzamento, que segundo fontes do SCACE podería ter lugar na última semana do presente mes.
Até o dagora, os supostos servizos sociais que todas e todos sufragamos cos nosos impostos non so están a brillar pola súa ausencia, senón que insisten en tratar un dereito básico como o da vivenda coma se se tratase dun ben caritativo nas mans da Beneficencia. Padre Rubinos e a Casa de Acollida pra mulleres maltratadas son, segundo a corporación local coruñesa, as únicas solucións que a día de hoxe proporcionarían a calquera familia ou persoa que se atopara na mesma situación que Elisabeth, é dicir, estar no paro e carecer de ingresos, co que a Administración obvia irresponsábelmente o feito de que a vivenda á un dereito básico recollido tanto na Constitución coma en múltiples tratados internacionais ratificados polo Estado.
No que respecta á Xunta, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que supostamente é un organismo público responsabilizado de garantir este dereito, terxiversa a súa propia misión establecendo un disuatorio procedemento administrativo interminábel e farragoso, onde o papeleo, a espera e a esixencia burocrática configuran o marco de relacións sociais cas que facer pasar o tempo ata que outros axentes administrativos podan voltar a tentar deixar sen casa ás persoas en risco de desafiuzamento para as que supostamente debería traballar o IGVS.
O titular do Xulgado de Primeira Instancia nº9, pola súa parte, aprecia a vulnerabilidade social de Elisabeth, pero non suspende temporalmente o desafiuzamento. Segue repetindo que "no hay base legal" para algo tan sinxelo e humano como evitar que esta muller quede sen fogar, pero si que atopa base legal para pedir a intervención policial no lanzamento dunha persoa vulnerábel.
Polo tanto, na irresponsabilidade dos Servicios Sociais, no oscurantismo e no silencio do IGVS, así coma na cárcere xurídica onde os xuíces se escudan na "inexistencia de base legal" pra frear o desafiuzamento, pero si se blindan pra súa execución, Elisabeth agarda unha solución ca mesma premura ca que se achega a nova data de lanzamento prevista pra finais deste mes, e que aproveitamos para esixir que desta vez polo menos se notifique coa debida antelación.
Diante desta situación, alertamos á cidadanía que parou o desafiuzamento de Elisabeth o pasado 8 de outubro para que estea pendente dunha nova data de desafiuzamento.
II Asamblea de persoas afectadas
Continuando ca necesidade de artellar redes de apoio e axuda para levar adiante unha loita social contra a barbarie sistémica da privatización das nosas vidas, reflectida na perda de dereitos fundamentais como o da vivenda, a saúde ou a educación, no día de onte tivo lugar a seguda asamblea de persoas afectadas por ameazas de desafiuzamento na Coruña.
A través destas xuntanzas procúrase reforzar o empoderamento das persoas afectadas pola conculcación do dereito á vivenda. Neste espazo dan corpo á súa propia voz e sentir, organizándose e loitando para facer cumprir ás institucións políticas ca súa responsabilidade de garantir un dereito básico como é o da vivenda.
Nesta asamblea expuxéronse unha vintena de casos que, se ben presentaban características diferenciadas, mantiñan en común cuestións como o abuso das cláusulas bancarias, a perda repentina dun emprego remunerado e, ao igual que se está a apreciar a nivel estatal, a confirmación de que a actual situación económica derivada da nefasta praxe financieira e da corrupción política está a afectar dun xeito significativamente máis duro ás mulleres.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario