29 nov 2013

Sobre o desafiuzamento de Elisabeth (Coruña)

Bastante temos escrito, mesmo neste blogue, sobre o desafiuzamento de Elisabeth Sanles hai un par de días no barrio coruñés do Castrillón. Aparentemente un feito sen importancia nunha cidade onde se producen dous desafiuzamentos ao día, pero que cobra relevancia pola resistencia popular que non só conseguiu frustralo no primeiro intento, se non que case o conseguiu nunha segunda ocasión e permitiu, polo menos, volver poñer na palestra a eiva social resultante do sistema capitalista. Non é un feito propiamente anarquista (ainda que varios anarquistas participasen moi activamente da resistencia) pero sí utilizou a Acción Directa, o asamblearismo e a desobediencia premeditada da lexislación e dos mandatos xudiciais como medios de actuación. E é por todo iso que queremos adicarlle unhas poucas liñas máis ao xa dito ata agora.

Por iso e porque este non é o típico caso de persoa hipotecada, atrapada nas cobizosas poutas das sucursais bancarias,se non simplemente unha muller sen traballo que xa non puido pagar o aluguer. Aquí non se cuestiona a lexitimidade da banca para impoñer abusivas cláusulas hipotecarias, nin se pide a dación en pagamento como remendo da inxustiza social, se non que se aborda o dereito mesmo á vivenda máis aló de se se pode ou non se pode pagar.

Primeiro un repaso dos sucesos visto dende o activismo de pé de rúa e non dende os medios comerciais:

Tras do frustrado primeiro intento de desafiuzar a Elisabeth hai xa máis dun mes, as autoridades xudiciais aseguraran aos avogados da plataforma Stop Desafiuzamentos que notificarían oportunamente a seguinte data de lanzamento. Esta notificación produciuse o pasado martes pola tarde, menos de doce horas antes da hora fixada, as 10 a.m do día seguinte. Ás sete da mañá unha furgoneta camuflada descargaba en marcha un tropel de antidisturbios que tomaban sen complicacións o portal do edificio sen que os poucos activistas alí apostados apenas puidesen reaccionar.

Non tiveron tanta sorte coa porta da casa, onde unha eficaz barricada os mantivo ocupados durante horas, incapaces de facela ceder ata que o olor de metal quente producido por numerosos discos de radial queimados inundaron as rúas de todo o barrio.

A demora permitiu que media centena de solidarios se concentrasen ante os valos cos que un centenar de policías acordoaron a rúa. Máis de dez furgóns policiais ocupaban o longo enteiro da rúa Antonio Noche, nunha imaxe tan desproporcionada que debería encher de orgullo aos anti desafiuzamentos coruñeses (tan pouca cousa en realidade e tan perigosos a ollos do poder). Elisabeth e Ainoa, a súa sobriña, encadéanse entre dúas ventás da que aínda é a súa vivenda. Mentres que os solidarios, dende o piso e dende a rúa, corean consignas de resistencia, apoiados por algúns veciños que berran dende as súas respectivas ventás.

Media hora antes do momento fixado xudicialmente para o desafiuzamento, as hostes policíacas entran en tropel a través dos restos da porta esnaquizada e, pouco máis tarde, conseguen cortar as cadeas que unían a Elisabeth coa súa sobriña. Non sen escatimar en sufrimentos para as dúas resistentes no seu intento de evitar o tubo de PVC que protexe a cadea.

Os cinco activistas de Stop Desafiuzamentos que se encontraban no piso e a sobriña de Elisabeth son detidos e conducido esposados a comisaría. O trato en dependencias policiais, de tan correcto, sorprende os detidos, afeitos aos desmandos dos esbirros do poder e tratados agora con inusitada cortesía. Malia que foron apresados baixo o cargo de "resistencia a un mandato xudicial", son liberados ás poucas horas cos máis leves cargos de "desordenes públicos".

Elisabeth, pola súa banda, é conducida a un refuxio cristián, onde o concello pretende internala durante un tempo (logo, cando a cousa sexa menos mediática, xa a poderán botala oportunamente á rúa). Malia as presións, pois é ameazada con que se se vai "cos okupas" lle quitarán aos seus fillos, ela négase; pois non quere verse sometida a unha disciplina de colexio nunha institución privada dependente da igrexa, con horas de saída e de chegada e a consecuente infantilización que iso leva consigo.

Así que finalmente Elisabeth se vai "cos okupas" ao C.S.O. Palavea. E non porque ela sexa unha anti-sistema, nin moito menos, se non porque tras meses pedindo solución en todas as institucións estatais para o seu caso (unha solución que lle permita ser autónoma e conservar aos seus fillos), tras loitar incansablemente cos Servizos Sociais para que poñan remedio á situación de desamparao que ata o xuíz recoñece; tras todo iso e moito máis, son unicamente os "anti-sistema" os que poñen unha solución efectiva, por moi ilegal que sexa, aos problemas estruturais dos que ela é vítima. Aínda que de forma transitoria e ata conseguirlle un fogar mellor, son os okupas o último refuxio dos oprimidos ante a criminal indiferenza do poder.

Seguramente isto dea argumentos a aqueles que agora a critican inundando as redes sociais con mentiras e medias verdades sobre a súa situación persoal. Á fin e ao cabo moita xente goza sendo xuíz das vidas axenas: se os dereitos do propietario, se é boa ou mala persoa, se merece ou non axuda. Pero a crua realidade é que ninguén merece durmir na rúa nin perder aos seus fillos. E aquí nunca tratouse de que Elisabeth quedase nesta casa para sempre, se non de conseguirlle unha solución aos seus problemas (que, desenganemonos, non son persoais se non sociais) e de buscarlle un fogar onde poder vivir xunto coa súa familia. Ao final, como sempre, as precarias solucións nunca veñen das institucións e as suas legalidades, se non moi ao seu pesar e a través do pobo autoorganizado.

A falta dunha solución mellor, que podedes estar seguros que acabaremos atopando, Elisabeth polo menos durme libre e quente nunha casa do seu agrado. Aínda que, curiosamente, sobre ela xa pende a inmisericorde espada do poder. Como no conto dos tres porquiños, da casa de palla pasou a refuxiarse na de madeira. Agora falta construír entre todxs a de pedra, para poder poñernos a salvo dos voraces dentes do capitalismo feroz.

C.R.

1 comentario:

  1. Agradecida a todos aqueles que me apoiaron e apoian. As persoas que tan amablemente e de forma totalmente desinteresada abrironos as suas portas (c.s.o.palabea) non son sa extranos pramin....SON A MIÑA FAMILIA !!!! xa que eles brindaronos un apoio (inda mais se cabe ) que non tiñamos da propia.GRACIAS DE CORAZON

    ResponderEliminar