21 nov 2013

Aplazado o xuizo contra o C.S.O. Palavea (A Coruña)

Onte, 20 de novembro, foi a simbólica data escollida polo xulgado coruñes para celebrar o xuizo civil contra o Centro Social Okupado de Palavea. Non obstante, ante a falta de notificación efectiva do auto xudicial aos okupantes do inmoble, a vista quedou suspendida ata o vindeiro 12 de decembro.

Máis dun centenar de solidarios concentráronse ás portas do infausto edificio coreando consignas a favor da okupación e contrarias ao desaloxo tras dunha pancarta que rezaba: "Contra o desaloxo do C.S.O. Palavea. En defensa dos espazos liberados". Pese a unha discreta vixilancia policial a protesta non rexistrou incidentes.

Mentres tanto, no interior dos xulgados, a xuíza aprazaba a vista e negábase a atender as alegacións de dous dos imputados porque non depositaron a fianza de 70.000 euros que lles esixiu para poder opoñerse ao proceso. Deste xeito quedan sen posibilidade dunha defensa efectiva por estar evidentemente imposibilitados para facer fronte a semellante contía, aínda que é de supoñer que a defensa de ambos os dous continuará recorrendo este despropósito legal alá onde sexa necesario.

Dáse o caso de que os dous procesados foron identificados pola policía xa hai máis de dous anos e ningún deles ten vinculación efectiva coa okupa dende hai moito tempo. Por outra banda, os okupas que xestionan o Centro Social non foron notificados debidamente, razón pola que se suspende agora o xuízo.

Continuaremos informando e publicando as máis que seguras vindeiras convocatorias solidarias.

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario