Hai tempo que Siria ten saído da primeira liña dos mass medias, dende a asunción de Obama da proposta rusa de propoñer ao réxime de Asad poñer o seu arsenal químico baixo supervisión internacional, e a aceptación do dictador sirio a tal proposta, semella , unha outra vez, que non se pasa nada en Siria, cando a realidade é que o pobo sirio segue en pé de guerra contra a tiranía de Asad dende diferentes perspectivas e posicionamentos tácticos e militares.
Nun post anterior intentei explicar, con bastante présa, algúns trazos dos grupos de islamismo combatente sirio. Neste post intentarei ser máis conciso, ademais de intentar explicar quen é a Fronte Al-Nusra, e quen é Da'esh (ISIS, na maioría de medios occidentais).
Antes de nada puntualizar que é de vital importancia diferenciar entre grupos yihadistas de ideoloxía salafista por un lado, e brigadas e grupos máis ou menos locais, formen parte ou non do Exército Libre, que utilizan nomenclatura e linguaxe relixiosa sen chegar a ser yihadistas militantes. Neste sentido, cabe recordar que cinco décadas de tiranía baathista disecaron todos os recursos culturais, políticos, lingüísticos ou mesmo patrióticos dos sirios; a única linguaxe "pública" que non se puido erradicar a favor da linguaxe do poder foi o relixioso, co que se tratou de convivir. E o único lugar de reunión máis ou menos tolerado era a mesquita. Dito isto, facer referencias densas ao Corán ou a proverbios islámicos, sobre todo no rural e a periferia pobre das cidades, en expresións e charlas, é algo normal, xa que o idioma, o razoamento e a cultura é de base relixiosa. Estamos falando dun estilo de relixiosidade popular levantina conservadora no social, con grande influencia da cultura local, sexa tribal ou non, e das diferentes correntes sufís. A "politización" deste tipo de linguaxe aparece nas épocas de crise e violencia (A colonización francesa, as sucesivas guerras con Israel, etc..). Isto non significa unha boa relación co islamismo salafista, xa que mesmo as versións máis conservadoras da relixiosidade islámica popular levantina adoitan chocar en moitos aspectos co salafismo, que non é máis que un purismo militante que toma como única referencia a atmosfera dos primeiros decenios do Islam, incluíndo o contexto histórico destes, e é pouco tolerante coas variacións, engadidos e mesturas que foi adquirindo a relixiosidade popular no tempo, sobre todo fóra da península arábica.
A linguaxe, aínda que relixiosa en case todos os casos, é importante para diferenciar de que grupo estamos a falar. Os grupos locais, sexan do Exército Libre ou non, apóianse na linguaxe relixiosa para expresar a súa posición de loita á defensiva contra un tirano inxusto e cruel, e esta linguaxe pode ter máis ou menos referencias sectarias contra os alawitas en función de que haxa friccións con milicias sectarias leais ao réxime nesa zona ou non. Poucas veces se escoita referencia algunha ao que espera esta xente máis alá de derrocar ao réxime de Bashar Al-Asad. Adóitase ver simboloxía siria, xa sexa o escudo do Exército Libre ou a "Bandeira da Independencia", aínda que tamén é doado ver simboloxía relixiosa, xa que estes grupos non ven contradicións entre ambas as dúas simboloxías, tamén se definen a si mesmos como "revolucionarios" (Thowwar) pero sen ter moito rexeitamento polo termo "jihad", o cal é entendido na súa definición teolóxica ampla: Loitar polo "Ben" (por suposto, a acepción relixiosa do Ben). Adóitase usar, tamén, moita referencia á zona (aldea, bisbarra, barrio, cidade..) e aos mártires desa zona en concreto.
Ata este punto aínda estamos a falar de resistencia local e de Exército Libre, que en realidade non é máis que un titular común que engloba ás brigadas máis grandes e "profesionalizadas" desa resistencia, sen poder falar aínda de mando único, nin sequera dunha coordinación eficiente. O carácter local é o imperante á hora de actuar.
Podemos, a grandes trazos, empezar a falar de "yihadistas" cando a linguaxe utilizada non é o da relixiosidade popular senón o da expresión ideolóxica; o obxectivo non é só que o réxime de Bashar Al-Asad caia, senón que hai que construír a sociedade musulmá nun Estado Islámico. A postura contra os chiítas ou alawitas non é só de odio local proveniente de friccións entre comunidades, senón que xa hai unha postura ideolóxica integrista sunnita contra o chiísmo, e que encontra a súa expresión contemporánea na postura contra Irán como proxecto imperial persa-chiíta, e contra os chiítas e alawitas por consideralos, por definición, uns quintacolumnistas deste proxecto.
Hai diferenzas sobre o entendemento de que é o "Estado Islámico" que se mencionarán abaixo.
A Fronte Islámica Siria
Formado por unha ducia de batallóns e brigadas islámicas, entre eles Ahrar Al-Sham. A Fronte é un dos grupos máis poderosos e mellor armados e financiados, con conexións cuasi públicas con esferas de poder político e económico no Golfo Pérsico, e está presente na maioría das frontes do país. De tendencia salafista, e cun programa político público e cheo de ansias de islamización (salafista sunnita) da identidade e vida pública de sociedade e Estado. A Fronte non fala de califato panislámico, e acepta a entidade nacional de Siria como Estado, pero loita porque sexa un Estado islámico: un Estado onde o Islam sunnita, co seu Sharia, sexa a identidade principal, así como a fonte única de legalidade e lexislación.
Pódese dicir, con cautela, que a Fronte Islámica Siria é o brazo pragmático do salafismo sirio, xa que procura non chocar no simbólico cos revolucionarios: Non nega a "Bandeira da Independencia" aínda que non a enarbora, e non nega o termo "Revolución" aínda que non o usa para definir o seu "jihad". Tamén procura evitar choques militares tanto cos grupos salafistas á súa dereita coma co Exército Libre, aínda que ultimamente aconteceron varios incidentes entre Ahrar Al-Sham e Da'esh en Raqqa e Idleb, pero a Fronte procura sempre que o sangue non chegue o río.
Fronte Al-Nusra e Da'esh
A Fronte Al-Nusra e o Estado Islámico en Iraq e Sham (Da'esh, acrónimo en árabe) son os grupos puramente "yihadistas" de Siria, así como os que engloban a inmensa maioría de combatentes estranxeiros. Ambos os dous grupos están ben armados, a parte de ser grupos organizados e disciplinados. Ambos os dous grupos son misteriosos; a diferenza do Exército Libre non lles gustan as cámaras nin os xornalistas, e moito menos as preguntas. Non se coñecen as identidades verdadeiras dos seus xefes, e a maioría dos seus combatentes van sempre encapuchados, mesmo cando están de descanso nas zonas liberadas.
Ambos os dous grupos avogan por un califato panislámico, onde a Sharia, segundo o credo do salafismo sunnita, sexa a única lei. Negan a entidade siria, así como calquera outra forma de Estado, fronteiras ou identidades que non sexan as do Estado do califato islámico. Son hostís cara a toda simboloxía non yihadista (sobre todo a "Bandeira da Independencia", que chegan a considerala "herexe"), e tamén negan o termo "Revolución".
Ambos os dous grupos lévanse mal entre si, xa que o segundo é unha escisión violenta da primeira, pero vaiamos ao principio da historia.
O nome da Fronte Al-Nusra sae á luz en xaneiro de 2012, 9 meses despois do inicio da revolución. Nun comunicado, Al-Nusra reivindicou un misterioso e sanguinario atentado no barrio damasceno de Midan, que é o principal berce social da revolución en Damasco. A primeira reacción da opinión pública opositora foi a de atribuír a aparición de tal misterioso grupo aos servizos secretos sirio. Esta acusación non estaba tan infundada, nin era de todo un simple intento de rexeitar e negar un fenómeno que danaría de sobremaneira a imaxe da revolución. Os servizos secretos sirios son ben coñecidos polas súas habilidades no trato con grupos extremistas relixiosos, habilidades que veñen de moitos anos de experiencia en Líbano durante a guerra civil (1975-1990) pero sobre todo no Iraq ocupado. O réxime sirio encontrou na intervención -via infiltración- nestes grupos yihadistas un xeito de chantaxear a EEUU. Tolerábanse redes de infraestrutura, recrutamento e recepción de yihadistas chegados de todo o mundo para ir a Iraq, que actuaban, dun xeito moi pouco discreto nun país no que podías pasar ata 5 anos no cárcere por escribir un artigo ou un manifesto, ou por un intento de asociación na universidade. A billa de yihadistas que pasaba a fronteira sirio-iraquí abríase e pechaba segundo as necesidades do réxime na súa relación con EEUU, e o pecha definitivo desa billa sucedeu pasado o 2007, cando un acordo entre ambos os dous países en materia de "loita antiterrorista" (léase: Rehabilitación política do réxime sirio tras varios anos de illamento a cambio de afondar unha coordinación entre servizos secretos que nunca chegou a interromperse de todo) levou a unha mellora das relacións, chegando a retornar un embaixador americano a Damasco tras case un lustro de ausencia, concretamente dende o asasinato do ex primeiro ministro libanés Rafik Hariri. A parte desa realidade histórica, o réxime emitira nos primeiros meses da revolución varias "amnistías" que non incluían a maioría de presos políticos ou activistas e manifestantes, pero si incluíron decenas de presos yihadistas, entre eles, segundo varios informes, Mustafá Setmariam, o español de orixe siria que chegou a converterse nun dos personaxes centrais de Al-Qaeda. Setmariam fora capturado en Paquistán, e a CIA teríao entregado máis tarde ao réxime sirio no marco da "colaboración en materia de seguridade" entre ambos os dous bandos. Esta excarceración masiva de yihadistas (bastantes deles, seguramente, colaboradores dos servizos secretos sirios) foi, para moitos sirios, unha das manobras máis retorcidas do réxime, xa que estes non tardarían en formar grupos integristas, monitorizados grazas a infiltrados e recrutados, que levarían o conflito a un terreo, o de ditadura máis ou menos "laica" contra "terroristas islamitas", máis cómodo para o réxime de cara a occidente.
Pouco a pouco, Al-Nusra foi crecendo e gañando protagonismo grazas á súa grande eficacia militar. Os seus combatentes eran sirios na súa maioría, aínda que o peso dos combatentes estranxeiros foi aumentando co tempo. O combatente de Al-Nusra nunca retrocedía ante un ataque, e o comportamento coa poboación civil non era de todo malo, sobre todo tendo en conta que a maioría de zonas onde actuaba eran xa de por si moi conservadoras, co cal non había demasiado choque de costumes e estilos entre poboación e combatentes. Fumar, algo repugnante para un salafista yihadista, era dos poucos motivos de discusión que podía haber entre un combatente de Al-Nusra e outro do batallón local. Estas realidades fixeron que o rexeitamento inicial fose diminuíndo, mesmo se chegou a coexistir coas sospeitas -máis que fundadas- de que Al-Nusra era unha fracción pertencente a Al-Qaeda. O grupo, escudado nun mutismo hermético en canto ás súas intencións, só mostraba dúas realidades: Que era grupo integrista, e que tiña moita máis experiencia e destreza no combate e na preparación de atentados que todos os outros grupos combatentes. Os comunicados das súas accións aparecían nun foro en internet xenerosamente documentados graficamente e con bastantes detalles técnicos, acompañados sempre de cánticos yihadistas e bandeiras negras: moi ao estilo de Al-Qaeda en Iraq. O intento de boa parte da oposición política de fuxir da realidade de que era Al-Qaeda, aínda que non o anunciase tal e como adoitan facer este tipo de grupos, parecía cada vez máis ridículo, pero a acción sobre o terreo de Al-Nusra era cada vez máis forte, e non mostraban hostilidade cara aos grupos do Exército Libre, así que a decisión de declararlles a guerra non era unha opción factible, segundo algunhas opinións "pragmáticas" daqueles días. Un exemplo desta mentalidade quedou plasmado en decembro de 2012, cando a administración americana decidiu incluír a Fronte Al-Nusra na lista de organizacións terroristas argumentando a existencia de evidencias de conexión coa rama iraquí de Al-Qaeda. Tanto a Coalición Nacional coma o Consello Nacional manifestaron o seu rexeitamento a tal decisión. A oposición siria estaba entón moi desilusionada coa actitude de Obama fronte ao conflito sirio, e considerou que semellante acción ía a favor da retórica do réxime de Bashar Al-Asad sobre o levantamento na sua contra, así como un impedimento máis para conseguir armamento para o Exército Libre. Este rexeitamento, parecido de xeito preocupante a unha rabecha, era a primeira vez que a oposición facía referencia a Al-Nusra, xa que era un tema que prefería obviar nas súas declaracións e comunicados.
O tema de Al-Nusra foi, durante meses, un dos eixes centrais de discusión dentro da esfera opositora. Algúns consideraban que eran parte do movemento contra Bashar Al-Asad tanto como o Exército Libre. Outros receaban e desconfiaban pero argumentaban que non era factible abrir outra fronte contra eles co Exército Libre tan desorganizado, sobre todo sen existencia de pretexto directo sobre o terreo. Outros reclamaban unha actitude contundente contra eles. Pero a discusión fíxose aínda máis complicada meses despois.
O 9 de abril deste ano, apareceu unha gravación de voz nos foros yihadistas atribuída a Al-Baghdadi, o xefe do Estado Islámico en Iraq (anteriormente Al-Qaeda en Mesopotamia). Nesta gravación, Al-Baghdadi anunciaba que a Fronte Al-Nusra nacera dende dentro do Estado Islámico de Iraq, e que Al-Goulani, o xefe de Al-Nusra, era "un dos nosos soldados" enviado a Siria para montar a organización. Como conclusión desta narración, Al-Baghdadi anunciaba a disolución tanto do Estado Islámico en Iraq coma da Fronte Al-Nusra, fusionándoos nunha única organización baixo o seu mando: O Estado Islámico en Iraq e o Sham*(Da'esh). Ao día seguinte, apareceu outra gravación atribuída a Al-Goulani na que, con termos moi corteses e educados cara a Al-Baghdadi, argumentaba que o paso de fusión non fora tratado nin acordado, e que a Fronte Al-Nusra non anunciara os seus vínculos ata o momento por considerar que aínda non chegara o momento. Ao final, Al-Goulani anunciaba, a xeito de fuxida do voto de obediencia esixido por Al-Baghdadi, que a Fronte Al-Nusra renovaba o seu voto de obediencia (ata agora non anunciado) a Al-Dawahiri, o número un de Al-Qaeda tras a morte de Osama Bin Laden.
Tras este cruzamento de gravacións, Al-Nusra perdeu a maior parte do seu poder e presenza a favor de Da'esh, que acaparou a práctica totalidade dos yihadistas estranxeiros, así como o apoio loxístico iraquí. Ao contrario que a Fronte Al-Nusra, Da'esh mostrou rapidamente as súas tremendas ansias de dominación, entrando en rifas primeiro co Exército Libre, ao cal lle asasinaron a varios combatentes e dirixentes, e logo con outros grupos salafistas. Semanas despois do cruzamento de gravacións, Al-Dawahiri emitiu unha gravación na que decretaba a disolución de Da'esh e a volta á diferenciación entre as sucursais siria e iraquí, pero a devandita orde non foi cumprida. Neste sentido, Da'esh, oficialmente, non é Al-Qaeda, senón unha escisión dela.
A parte da relación tensa con case todos os grupos armados, e a fame de dominio mostrado dende o primeiro momento, Da'esh dificulta aínda máis a vida dos civís das zonas liberadas. No que a pillaxe se refire, Da'esh compórtase igual que as bandas de ladróns comúns, chegando mesmo a roubar os pupitres dos colexios. Tamén ofrecen un trato moi malo aos civís, vivíndose moitos secuestros, mesmo non poucas execucións públicas. A diferenza do Exército Libre, que adoita tratar positivamente cos xornalistas estranxeiros e as organizacións internacionais, e Al-Nusra, que non trataba con ninguén, e desconfiaba de todos, pero non impedía demasiado o labor, Da'esh é moi hostil cara aos estranxeiros, e o secuestro de xornalistas e activistas é xa unha práctica en preocupante aumento. De feito, a última gran batalla entre o Exército Libre e Da'esh, en Azaz, ao norte de Alepo, sucedeu porque Da'esh intentou secuestrar un médico alemán voluntario que prestaba os seus servizos nun hospital clandestino na zona do Exército Libre.
Pola súa banda, a oposición política foi endurecendo, con moita lentitude, a súa linguaxe contra Da'esh. Os últimos comunicados e notas de prensa da Coalición Nacional xa falan claramente de que este grupo é "inimigo da revolución do pobo sirio" cando antes se limitaban a mencionar por enriba a "grupos que executan axendas alleas á vontade dos sirios". Xa se denuncia que Da'esh non combate ao réxime, senón que trata de apoderarse do terreo liberado. Declaracións á parte, os combates entre Da'esh e o resto de fraccións non fixeron máis que empezar. Queda por ver como lerán as potencias rexionais e internacionais esta realidade, á espera de que a postura moi fácil de "os rebeldes sirios se matan entre eles" non domine esas lecturas.
Pola súa banda, non son poucos os civís das zonas liberadas que pensan que Da'esh está infiltrada polo réxime, e que actúa, consciente ou inconscientemente, baixo monitorización dos servizos secretos sirios. O argumento de que este grupo xa non loita contra o réxime senón que se dedica a apoderarse de máis terreo en exclusiva non é o único, senón que tamén denuncian que o réxime, misteriosamente, nunca bombardeou as súas sedes, que son ben coñecidas, mentres se ceba contra os civís.
Sexa así ou non, non cabe dúbida de que Da'esh e irmás foi o mellor regalo que "recibiu" o réxime en 30 meses de revolución, xa que o seu efecto negativo, político e mediático, é incalculable, á parte do sufrimento engadido da poboación civil. Eramos poucos, e pariu Al-Baghdadi.
..................
* Al-Sham: Nome que se lle dá en árabe clásico (ou sexa na linguaxe relixiosa) á zona coñecida como Siria natural; as actuais Siria, Líbano, Xordania e Palestina
No hay comentarios:
Publicar un comentario