Todos os falsimedios, especialmente as televisons e jornais con muita foto, fixeron-se eco das mulheres espidas no parlamento con as palabras pintadas, nos seus delgados ventres, "el aborto es sagrado"; e dende entón fan un seguimento das suas accións e da "súa tremenda repercusión mediática", como se a decisión de tais destaques e bombardeo durante días fose algo alleio às propias direccións deses medios, ou como se as noticias relacionadas con Femen tiveran vida propia.
A tal respeito convido a leitura de dous escritos con os titulares desta noticia, escrito por duas mulleres que dan unha outra versión ao que son "as Femen":
Pois xa está. FEMEN.
Pois xa está. FEMEN. Despois de horas dándolle voltas e sen posicionarme, hoxe subscribo as palabras da Filósofa Frívola: "Sinto non promover a unidade entre sisters, pero non vou tragar con putofobias, islamofobias e demais para que permanezamos unidas".
[Aclaro: como se ve a continuación, non estou a falar da acción, que pode ser potente. Estou a falar delas. E síiii, importa a enunciación pero tamén o lugar dende o cal se enuncia... e tanto que importa].
Dende logo, non vou ser eu a que linche a Femen mediáticamente. De feito, vounas defender fronte á autoridade policial, institucional e mediática, pero como unha estratexia antirrepresiva, como o faría con calquera, e máis se son reprimidas por ser tías e por ocupar un espazo que non lles corresponde. Pero tampouco vou gabar estas rapazas que se presumen dos seus canons corporais normativos e os usan como reclamo publicitario; que deningran ás traballadoras sexuais cos seus discursos; que falan por "as outras" dende a súa hexemónica branquitude e o seu etnocentrismo deleznables; que non se coordinan, nin dialogan nin se interseccionan cos movementos feministas autónomos (nin con ningún outro); que teñen líderes; que se organizan verticalmente e a xeito de franquía; cuxo poder mediático, como di Yen, "invisibiliza e silencia ás que levan décadas de loita, as que fan asembleas, as que fan informes, as que pegan carteis, preparan encontros e manis, as que teorizan, as que len, debaten, todas as anónimas que loitan polo dereito ao propio corpo e que non se sinalan, cuxos nomes non transcenden, senón que se integran no colectivo"; que son esas que lles molan aos progreses que se rin dos nosos pelos e nos chaman feminazis.
E o de que o inimigo é outro téñoo claro, déixoo CLARIÑO COMO A AUGA cada día, cada pinche día neste muro, con todos os enlaces, vídeos, críticas que fago... Pero non vou deixar de ser crítica con algunhas que se fan chamar feministas (ah, non que era "femininas"), que non teño medo ao conflito, nin sequera ás diferenzas irreconciliables.
Que todas somos suxeitas oprimidas polo heteropatriarcado, claro, pero o meu barco é outro. A voltas coa sororidade. Non quero que sexamos amigas todas a toda cousa. Eu elixo quen é as miñas irmás. Por exemplo, as campesiñas de Veracruz. Que Femen nin que Femen.
Ana Periférica
........................................
"FEMEN: As Inimigas dos meus Inimigos non son necesariamente as miñas Amigas"
Dende a fantástica irrupción de Femen no Congreso dos Deputados para reivindicar o dereito ao aborto, vexo infinidade de artigos emocionados de feministas aplaudíndoas como o máis. E tamén criticando por des-sororizantes ás que seguimos dicindo "Aborto si, Femen non".
Vou explicar a miña postura con tres exemplos:
1. As loitas transversais.
Estou ata o moño dos grupos revolucionarios que se esquecen do feminismo na súa revolución. Que xa virá, que xa se fará máis adiante. Loitas anticapitalistas, loitas polos dereitos dos emigrantes (así, en masculino), loitas que compartimos como mulleres pero que non nos inclúen as mulleres. E sempre lles berramos: A revolución será feminista, ou non será.
Ben.
Femen é un grupo racista. Feminista e racista. A súa revolución exclúe a todas aquelas que non son as brancas, nin laicas, nin novas. Deciden por elas, toman accións no seu nome a pesar das queixas das propias interesadas. É un grupo etnocéntrico a máis non poder cargadiño dos atributos do patriarcado. E sabémolo, pero miramos cara a outro lado porque xa virá: nós imos facendo a revolución etnocéntrica e engadindo merda ás demais, que logo máis adiante xa nos encargaremos diso. Ao final o feminismo é máis importante que o racismo, si? Pois non. Unha revolución neses termos dará como resultado un mundo patriarcal con mulleres á fronte. Pero patriarcal. É ese o cambio? Pois eu me baixo do carro, a verdade. O feminismo ten que propoñer un novo xeito de relacionarse, de ser, de construír, de coidar. A revolución será transversal, ou non fai falta nin que sexa.
2. As inimigas dos meus inimigos non necesariamente son as miñas amigas.
Cando Israel se dedica a bombardear como fai bastante a miúdo, sempre nos toca manifestarnos ao lado de seguidores de Hezbollah. E eu sempre lles pregunto por que aplauden tanto a Hezbollah. A resposta, está clara: "son os únicos que lle arrepor a Israel". Ten razón, e sen dúbida Hezbollah realiza moitas accións interesantes sobre o terreo. Pero, sinceramente, credes que é moi diferente o mundo que propón Hezbollah que o mundo que propón Israel? Cambia a cor, pero é a mesma autoridade, as mesmas formas, a mesma desigualdade.
Aplaudo que Femen reivindique o dereito ao aborto. Teño que dicilo tamén, que me parece dunha idiotez supina reivindicalo baixo o eslógan de "o aborto é sagrado", que volve poñer o divino no centro do debate. Pero o mundo que Femen revindica non é o mundo polo que eu loito. Un mundo no que xs poderosxs impoñen as súas formas a xs demais, ese é exactamente o mundo que xa temos. A revolución será inclusiva, ou non será.
P.D: Non nos gustan porque son louras?!
Crer que nos molesta Femen porque son louras é como crer que "discriminamos" os machirulos porque teñen pene. Quen detén o poder non sofre discriminación, senón que, nalgunhas ocasións, logramos incomodar por un instante algúns dos seus espazos de privilexio. Iso é todo. Cando criticamos a imaxe de Femen non o facemos porque sexan louras, senón porque só son louras. Porque só son novas. Porque todas son delgadas. Porque ningunha ten os ventres que temos as mulleres despois de parir pero antes de pasar polo quirófano para volver ser normativas. Porque ningunha ten celulite, cando todas as mulleres do mundo (menos as que se gastan unha pasta en tratamentos imposibles) temos celulite. Alimentar ese modelo, só ese modelo, é violencia. A mesma violencia que exercen as portadas do Vogue. A invisibilización que Femen fai das gordas, coxas, vesgas, vellas... é violencia. Utilizar o corpo como arma é facer do corpo nu algo molesto, incómodo, subversivo. Os nus de Femen son tan pouco incómodos como as portadas de Interviu: só molestan cando están onde non toca. Pero non molestan en si mesmos, ben ao contrario.
E, a partir de aquí, que cada unha loite como queira. Pero por favor, loitas que sumen. Para restar xa temos os gallardones.
(Grazas Ana Periférica por este artigo que onte iniciou o incendio: "Pois xa está. FEMEN")
Brigitte Vasallo
.................
Noticia colada por eDu
No hay comentarios:
Publicar un comentario