Colamos despois de traducido este artigo de Canarias Semanal:
Rocío Miralles, do dixital "eldiario.es", escribe que dende o ano 2004, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou ao estado español en seis ocasións. A maioría destas condenas estiveron provocadas pola falta de investigación por parte das autoridades competentes das denuncias por torturas formuladas por detidos. Segundo indica Miralles, o máis alarmante é o significativo incremento de denuncias por torturas contra o Estado e a tendencia dende 2009 a que España fose condenada cada ano pola violación do art.º 3.
A principal conclusión á que chega o informe é que o problema da tortura en España se encontra non xa no feito constatado de que este tipo de prácticas poidan ser sistemáticas, senón na tolerancia legal do sistema que permite que estas se produzan sen que sexa posible a súa denuncia.
O informe pon de relevo tamén que aínda que ata agora a principal fonte de denuncias se vinculaba a torturas inflixidas a supostos terroristas durante os interrogatorios, a situación deu agora un xiro de 180 graos. As denuncias na actualidade crecen e céntranse nos maltratos que se producen durante as manifestacións, nas que de xeito brutal se criminaliza a disidencia política. De todos os xeitos, as denuncias por torturas continúan producíndose por malos tratos a inmigrantes e a reclusos penitenciarios.
O documento pon de relevo a nula transparencia na investigación das torturas. Diso en parte é responsable a incomunicación á que se somete aos detidos. Segundo o informe, os detidos por presuntos delitos de terrorismo son trasladados a Madrid en medios de transporte que non dispoñen de cámaras que permitan filmar o que sucede no interior dos vehículos. Ademais, os detidos poden permanecer ata 13 días nun réxime de incomunicación total "para fins investigadores", sen que ninguén teña coñecemento do seu paradoiro e situación. Aos detidos impídeselles, ademais, escoller un avogado e médico da súa elección que os examine.
A opacidade reflíctese igualmente no transcurso dos procesos xudiciais. As vítimas dispoñen de poucos medios de proba que poidan confirmar as súas versións. Nos casos de incomunicación total, os detidos vense imposibilitados para achegar documentos ou gravacións. En non poucas ocasións, a ausencia de sinais externos das torturas inflixidas ten como consecuencia que os informes médicos non poden recoller os rastros dos golpes producidos. Nunha boa parte dos casos, os tribunais decretan o sobresemento das denuncias por falta de probas, o que permite garantir a impunidade dos torturadores.
No que á criminalización da disidencia se refire, ante a perigosidade das armas empregadas durante as mobilizacións polas forzas e corpos de seguridade do Estado, o informe pide o cesamento das chamadas "armas menos letais", unha curiosa denominación que agrupa todo tipo de artefactos que non son armas de fogo pero cun evidente potencial para ser letais. Tal é o caso das balas de goma, gas lacrimóxeno, canóns de auga, moi presentes todas elas nas manifestacións dos últimos tempos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario