10 oct 2013

[Grecia] Imputan de "Organización Criminal" a Resistentes contra a mina de ouro de Halkidiki

Recollemos e traducimos este moi interesante artigo sobre a criminalización da luita contra a mina de ouro na península grega de Halkidiki (berce de Aristóteles) que explora a empresa canadiana El Dorado Gold, publicado en Todos somos Gregos-Info Grecia:


Uns días despois do asasinato de Pavlo Fissas ás mans de Amañecer Dourado, a fiscalía acusa a un movemento de resistencia cidadán pacífico á instalación dunha multinacional mineira que está a destruír os seus bosques e contamina as augas co mesmo artigo do código penal que aos neonazis. Unha escusa para presentarse como "ecuánimes e que loitan contra calquera extremismo" e iniciar unha nova caza de bruxas cara a calquera movemento de resistencia cidadán ao goberno e rabuñar votos da extrema dereita...

As habitantes da península de Halkidiki levan dende hai tempo unha loita heróica contra a filial da multinacional canadense El Dorado Gold, que está a ser duramente reprimida. A policía grega ten en permanente ocupación a zona e mesmo en varias ocasións enviou brigadas antiterroristas. O goberno grego puxo a disposición da multinacional á policía, a custa do presuposto público, para protexer un investimento que non deixará diñeiro.

ver: Grecia. Ocupación policial de Lerissos. Brigadas antiterroristas para controlar a poboación que se opón a minaría tóxica de multinacional canadense.

O goberno grego destinou 317.000 hectáreas de terras á multinacional canadense EldoradoGold para que transforme un paraíso ecolóxico, un bosque ancestral, o bosque da terra natal de Aristóteles. O seu obxectivo é crear na superficie numerosas minas, establecer unha planta de ácido sulfúrico químico, escavar en busca de ouro, prata, cobre e outros metais usando un ecosistema de bosque antigo para colocar os seus estanques de residuos tóxicos, danando de forma irreversible o ecosistema da zona, especialmente a auga. Unha zona que vive dos seus recursos naturais en especial do turismo.

A historia desta explotación mineira é a maior historia de corrupción coñecida en Grecia e coas consecuencias sociais e ambientais máis tráxicas.

A oposición cidadá sempre foi moi grande e quizais por isto misteriosamente en febreiro pasado uns descoñecidos encapuchados realizaron unha sabotaxe á maquinaria da empresa, que casualmente a asegurara uns días antes. Este feito provocou un estado de terror sen precedentes, especialmente en Ierissos, foi a escusa perfecta para facer detencións arbitrarias, interrogatorios e para que unha poboación tranquila fose tomada literalmente polas forzas policiais antiterroristas. Ante a imposibilidade pasado o tempo de encontrar algún culpable, pois ningunha proba se encontrou in situ no momento, casualmente un policía un mes despois encontrou sospeitas en dous cidadáns, pais de familia, aos que detiveron de noite, entrando ás súas casas coma se fosen perigosos delincuentes.

Non encontraron probas a pesar de que aproximadamente a 140 residentes de Ierissos e de vilas de arredor se lles esixiu probas de ADN e as pegadas dactilares, sen que houbese "indicios graves de culpabilidade", como indica o código penal, creando así o primeiro Banco de Xenes para uso policial na Unión Europea.

Outros dous cidadáns Yiannis e Dimitris foron detidos mais tarde por tan "oportuna sabotaxe", baseándose só no testemuño dun oficial de policía que "presume" que son culpables, a pesar do feito de que a mesma policía confirmou por testemuñas a coartada que ambos os dous tiñan a noite na que se fixo o ataque ás instalacións da empresa mineira. As probas ata agora foron tales como encontrar un pelo ou un sombreiro moito tempo despois na escena da sabotaxe, ou que un sospeitoso non colleu o teléfono esa noite aínda que o chamaron dez veces...Por suposto sen liberdade provisional como aos neonazis

VER: Grecia. Seguen os encarceramentos arbitrarios e ilegais como arma para eliminar os movementos de protesta.

Agora outros 27 sospeitosos de ter cometido ou apoiado a sabotaxe, 23 cidadáns da zona de Ierissos, na municipalidade de Aristotelis e catro de Tesalónica foron acusados de pertenza a "organización criminal" polo mesmo artigo 187 do Código Penal de pertenza a asociación criminal ( unha lei para xulgar as mafias) polo que se está a xulgar os detidos de Amañecer Dourado.

Os 27 foron citados para declarar como parte da investigación preliminar ordenada pola Fiscalía Xeral de Polygyros (capital do departamento), sobre a base da información recollida durante a investigación preliminar da policía. Son sospeitosos dunha serie de "delitos", entre eles varios delitos graves e especialmente por "asociación criminal " con xerarquía, dirección e acción continuada (como os de Amañecer Dourado).

En total (ata o momento, polo menos) 25 residentes foron acusados de delitos menores, 25 por delitos graves e 56 de delincuencia grave e organizada. Acúsaselles de "produción, subministración e posesión de armas e explosivos, lesións corporais graves, danos excepcionais á propiedade estranxeira (da corporación mineira), e alteración da orde pública (coa agravante ir coa cara cuberta)", unhas acusacións moi "preparadas" ou directamente falsas, para poder xustificar o despropósito de criminalizar non só aos citados se non a toda a poboación polas probas achegadas pola fiscalía. As "probas" achégaas a policía que á súa vez segundo destacou a revista "Noticias Mineiras" é apoiada financeiramente pola compañía.

No sumario da causa, ao que tiveron acceso os avogados dos residentes, inclúe esta vez, as conversacións entre as persoas involucradas, ás que se lles interviñera o teléfono e o que é máis grave contén transcricións de conversacións telefónicas dos habitantes de Halkidiki e outros no que é unha operación a grande escala de escoita telefónica a toda a unha poboación.

As escoitas transcribidas veñen a mostrar as persoas que tiveron conversacións contra a actividade mineira (manifestacións e protestas) e que animaban a outros a unirse á loita ou a loitar xuntos. Nas conversacións non se encontraron ningunha proba de ter participado en actos delituosos ou ter incitado a eles.

Ao ser o cargo da fiscalía de "organización criminal" non é necesario que unha persoa cometese un delito concreto, o seu só apoio, pertenza e incitación a pertencer á organización criminal é un delito por se mesmo.

Unha das acusadas é unha muller embarazada acusada de escribir contra a minaría do ouro en internet. Calquera blogger que escriba contra Hellas Gold e as súas actividades contaminantes e destrutivas do patrimonio natural na municipalidade de Aristotelis, a terra natal de Aristóteles, agora poderá ser acusado de pertencer ou incitar a pertenza ao crime organizado se se considera que fomenta as protestas para evitar a explotación mineira.

Outro elemento novidoso é que dentro da argumentación de "crime organizado" se inclúe os "delitos" presuntamente cometidos dende principios de maio ata finais de agosto na rexión de Ierissos querendo dar unha continuidade ás accións dende a mais que sospeitosa sabotaxe á maquinaria a outros incidentes sen importancia e sen aclarar, como tirar petardos ou que encontraron no bosque cartuchos, etc ( ninguén foi detido no momento por esto, senon que se encontran logo)... En concreto, de acordo coa acusación a "organización criminal" foi deseñada "para cometer actos ilícitos de destruír ou mesmo suspender temporalmente a minaría ou outras actividades da compañía Hellenic Oro".

Obviamente o movemento cidadán ten como obxectivo a suspensión das actividades da empresa e o único destruído ata agora, é a famosa sabotaxe que tan ben veu á compañía para xustificar a demoledora represión e criminalizar a toda unha poboación. Por suposto a fiscalía nunca abrirá unha investigación polo arsénico na auga da billa ou polos vertidos tóxicos ilegais, ou como a policía puido invadir unha vila enteira gaseándoa e chegando os gases ata dentro da escola ou como un bebé da vila rematou hospitalizado... Ou como se están a tomar probas de ADN masivas aos residentes con coaccións... etc

Ver: Auga para o consumo humano seriamente contaminada con Arsénico ao norte de Grecia por multinacional canadense.
Ver: Denuncia contra a empresa mineira Ouro Grego por transportar e almacenar minerais tóxicos e perigosos sen cumprir as condicións previstas

Se unha persoa é acusada de ser membro dunha organización criminal pode ser detida en calquera momento. A pena pode ser de 5 a 10 anos de cárcere. A policía ten autorización para rexistrar as súas propiedades, intervir as chamadas telefónicas de calquera sospeitosa ou as contas bancarias dun acusado e mesmo as conxelar.


As reaccións nas redes non se fixeron esperar con tweets como: "Estou en contra da actividade mineira Hellas Gold SA en #Skouries. De acordo co Estado grego pertenzo a unha organización criminal". Non así na prensa internacional que distraída coa campaña do goberno grego de lavar a súa imaxe de tolerador do neonazismo, empezou unha campaña, xa antiga, pero que se prevé máis virulenta de criminalizar como mafias ou organizacións criminais a calquera movemento sospeitoso de "extremismo". Nesta nova estratexia de captar o voto custe o que custe do electorado de mais extrema dereita tomaron como primeiros reféns aos habitantes de Ierissos e inmediacións así como aos seus simpatizantes.

O partido neonazi foi o único que apoiou o goberno no mantemento desta coorporación mineira. Aínda que a fiscalía nos seus delirantes cargos acusa a "organización criminal de crear un clima de terror contra os habitantes de Ierissou por ser traballadores ou ben que non se opoñen a este tipo de actividades"... A realidade é que as únicas agresións físicas viñeron dende a outra parte. E despois das evidencias da colaboración da policía co grupo das camisas negras, recoñecidas por fin pola propia fiscalía de Atenas, o argumento de que mulleres, anciáns, novos, amas de casa, empresarios, etc, forman parte do crime organizado para infundir terror non deixa de ser paradoxal. E mais dende que a propia Amnistía Internacional pediu unha investigación sobre a violencia policial no conflito mineiro do norte de Grecia.

A EXPLOTACIÓN DAS MINAS UNHA DAS MAIS GRANDES HISTORIAS DE CORRUPCIÓN EN GRECIA (apoiada só polo goberno e os neonazis)

No 2003 o Tribunal Supremo de Grecia admitiu un recurso cidadán contra a mina que anteriormente estaba pois os beneficios que podía achegar a mina de Ouro eran moi inferiores ás ganancias polo seu alto impacto ambiental e as consecuencias tamén económicas na zona polo devandito impacto. Cando meses mais tarde desta sentenza, un accidente nas explotacións de Stratoni provocou unha fuga de residuos tóxicos ao mar, a empresa explotadora declarouse en creba.

O goberno grego aceptouna o 6 de Decembro daquel ano, renunciando ao cobramento de impostos e despedindo os 475 traballadores sen cobrar os seus salarios pendentes. Seis días mais tarde o 12 de Decembro do 2003 revogou a orde de quebra e comprou os dereitos de explotación pola ridícula cifra de 11 millóns de euros.

En cuestión de horas xa vendera a mina polo mesmo prezo ao que a comprara á compañía Hellas Gold, unha compañía fundada uns días antes ( con 60 mil euros), unha sociedade fundada a propósito para esta operación. Por suposto sen ningún concurso público e exonerando a nova compañía dos danos ecolóxicos orixinados con anterioridade. Foi vendida á familia Bobolas, un magnate da construción e dos medios de comunicacion, propietarios da gran cadea de TV MEGA. HellasGold vendeu a maioría das súas accións á multinacional canadense

"Esta operación non deixou ningún beneficio ao erario público. Ningún, porque o contrato deixa claro que a riqueza mineral pertence en exclusiva á compañía que a extrae, sen pagar ao estado unha taxa por extracción"

ver: Grecia. Minas de Ouro e corrupción con tráxicas consecuencias ambientais.

Os dous máximos responsables do PASOK de semellante corrupción un está no cárcere (agora nesta xunto ao líder neonazi) por aceptar subornos na compra de armamento e o outro acusado polo Parlamento de ocultar e manipular unha lista de posibles evasores fiscais para protexer familiares.

SOS HALKIDIKI - TODO UN MASIVO MOVEMENTO CIDADÁN DECLARADO CRIME ORGANIZADO

O uso deliberado do artigo sobre organización criminal

O único obxectivo é axuizar calquera resistencia mostrada polos veciños. Todo un pobo é criminalizado para que o goberno poida demostrar a súa "teoría dos dous extremos". Calquera pequeno incidente a partir de agora, como unha rifa entre traballadores e os habitantes... un blog... un discurso nunha manifestación, calquera resistencia á policía, unha pancarta, etc... poderá ser interpretado como "membro de organización criminal" coas consecuencias penais que iso leva consigo.

Os residentes encóntranse sorprendidos: "qué temos que ver nós cunha banda de neonazis como Amañecer Dourado?"

Isto é moi perigoso, os primeiros foron o movemento de resistencia mais importante que hai en Grecia (aínda que a prensa o ignore de xeito vergonzoso) Que será o seguinte ? ... Non sabemos, pero o propio Primeiro Ministro Samaras dixo, despois de declarar que están en loita cos de Amañecer Dourado, que tamén o están contra outros "extremismos" como "os que están pola saída da OTAN* ou da Unión Europa, nunha clara e evidente referencia a SYRIZA (aínda que este xamais dixo de saírse da UE), o partido de esquerdas con quen rivaliza para gañar as próximas eleccións.

E outros membros do goberno seguen facendo comparacións, aínda, entre os "terroristas de dereitas e de esquerdas (incluídos indignados, movementos sociais ,etc )", aínda que estes non teñan nin mortos, nin desaparicións, nin declarasen como os neonazis que queren "controlar as rúas e ser o Hezbollah de Grecia".

Un asesor do primeiro ministro para dar forma material á "teoría dos dous extremos" (que equipara a banda neonazi con moitos asasinatos e delitos nas súas costas cos movementos sociais "extremistas ou esquerdistas"), tivo a incrible idea de equiparar, tras a morte de Pavlo Fyssas á banda das camisas negras (acusada de asasinatos, intentos de asasinatos, desaparición de persoas, extorsión, chantaxe, malleiras, posesión ilegal de armas, contrabando ,etc)... con un movemento social de carácter ambiental, amplamente avalado pola poboación.

O avogado Giorgos Kyritsis dixo ao "Diario de editores": "O momento non é casual: o ministro pretende que a poboación resistente de Halkidiki son similares aos asasinos nazis de Pavlos Fyssas. Desexando confirmar a "teoría dos extremos", lanza lama contra as persoas que se resisten e fai da loita da sociedade un crime. A cada caso, agrégaselle un cargo de organización criminal.... "

O único que teñen en común as persoas que loitan contra a destrución ambiental do seu ámbito é que residen todas no mesmo lugar e isto a (non) xustiza grega non o considera un signo de que están organizados para cometer o crime de parar a actividade da empresa mineira, así exprésao o fiscal. Pois a acusación de "organización criminal" non é só para os 27 persoas, están expostas a ela miles de persoas, dende Nea Roda, Ouranoupoli M. Panagia, Ormilia, Polygyro e moitos outras vilas do Noroeste da península de Calcidía (Halkidiki).

Ata 20.000 persoas manifestáronse en dúas ocasións en Tesalónica e veñense manifestado claramente en contra da minaría de ouro durante tempo e miles asistiron aos concertos solidarios. E iso a pesar de que a empresa (recordemos que a beneficiaria da mina foi a familia Bobolas, con grandes empresas de comunicación) ten a capacidade para financiar ducias de anuncios nas emisoras de televisión, radio e xornais en oposición aos residentes que se opoñen a minaría, cuxa voz se corta na maioría dos medios de comunicación.

IERISSOS -O POBO EN PERMANENTE OCUPACIÓN POLICIAL QUE SEGUE RESISTINDO

AGORA TODOS CON CONVERSACIÓNS DE TELEFONOS INTERVIDAS E BAIXO AMEAZA DE SER XULGADOS COMO ÁS MAFIAS CRIMINAIS



PD. En todos os países onde se instalaron estas coorporaciones mineiras tiveron unha gran resistencia cidadá. Moitos opositores a elas en Sudamérica foron asasinados por bandas paramilitares, noutros como recentemente en Guatemala declararon o estado de sitio de tres poboacións campesiñas, como noutros lugares. O asunto é moi serio e mais que un goberno ( corrupto) da Unión Europea teña á policía e á xustiza ao servizo dunha multinacional que nin deixa diñeiro ( só impostos ) e que ata lle subvencionan moitos dos postos de traballo que dan, poñendo en perigo a economía tradicional da zona, coma se dunha república bananeira ( con métodos incluídos) se tratase ante o absoluto silencio da comunidade europea.

B. Jaimen - Todos somos gregos

Máis información no artigo de "Todos somos gregos"

trad eDu

No hay comentarios:

Publicar un comentario