Traducimos ao galego este artigo de Xabier, prisioneiro Anarkista (actualmente en liberdade provisional), escrito en 21 de agosto de 2013 no Centro de Tortura de Navalcarnero, e que recollimos de Tokata.
Os traballadores xa non somos cidadáns senón súbditos, carecemos de calquera dereito en calquera ámbito. As sucesivas reformas laborais están a posibilitar o regreso a formas de explotación que criamos periclitadas.
Os desempregados son abandonados á súa sorte. Os nosos dereitos, tanto individuais e colectivos así como políticos, son apenas aparentes. Como así o demostra a impunidade con que os corpos represivos nos golpean nas manifestacións, detéñennos en procesamentos do estado contra loitadores sociais, ou os encarceramentos, cando se molesta mais do que é admisible mediante montaxes xurídico-policiais, baixo acusacións de pertencer a grupos terroristas.
Somos expulsados das nosas casas, familias enteiras son botadas á indixencia, son xa moi numerosos os casos de suicidio/asasinato que se produciron; e, para mais inri, debemos procurar non enfermar pois cabe a posibilidade de que acabemos morrendo en calquera esquina sen poder recibir nin un triste coidado paliativo.
Paro, fame, miseria, desafiuzamentos, isto é o que nos ofrece a corrupta clase política mentres eles rouban a mans cheas, e isto nos vén a demostrar que a vía electoral é un engano. Tras máis de tres décadas de pseudo democracia e de corrupción sistemática dos partidos políticos fica claro que o problema é o estado capitalista.
Mentres todo isto sucede o pasado mes de xullo o consello de ministros do estado fascista español autorizou un crédito extraordinario de 877,33 millóns de euros para o pagamento (con cargo á débeda pública) de programas de adquisición de armamento pesado, como navíos, avións de combate, helicópteros e tanques. O custo final dos plans especiais de armamento que finalizarán en 2025 será de 29.500 millóns de euros, o que supón 625 € por cada cidadán.
Por outro lado o banco de Santander obtivo un beneficio de 2.255 millóns de euros no primeiro semestre de 2013.
Isto deixa claro que o que durante 30 anos foi unha guerra escondida e de baixa intensidade contra a clase traballadora e as clases mais desfavorecidas deste país, hoxe é unha guerra aberta e declarada, para a cal están a utilizar toda a súa maquinaria represiva: Represión, Control Social, Tortura, Detencións, Encarceramentos e Asasinatos, todo vale a estes herdeiros do franquismo para defender os intereses capitalistas.
Ata cando o imos permitir? Que máis nos teñen que facer?
Que é o que ten que suceder para que os homes e mulleres que loitamos por un futuro en liberdade, igualdade e xustiza nos deamos conta de que só a unidade, a organización e a loita nos fará libres.
Xa non é tempo de ambigüidades, nin medias tintas, nin para falsos debates utilizados como "apaga lumes".
É A HORA DE LOITAR! É a hora de organizarse, dende os centro de traballo e as fábricas ata os institutos e universidades, cara á insurrección popular!
Dende o cárcere, que supón a represión mais violenta do estado, dende as entrañas da besta onde me encontro secuestrado, EU TÉÑOO CLARO: DECLARÁRONNOS A GUERRA? EU ACEPTO!
Guerra á Guerra!
Salut i Llibertat!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario