8 oct 2013

[Compostela] As queixas contra o xuíz Vázquez Taín

Recollemos esta información do xornal dixital Galicia Confidencial:

Unha incineración do cadáver apresurada, un primeiro auto pouco fundamentado, as aparicións nos medios de comunicación, un caso plagado de filtracións anónimas de detalles da investigación... As críticas son constantes ó labor do xuíz instrutor do caso Asunta.

Contan os máis vellos nos xulgados de Santiago que nunca se vira que unha imputada por homicidio fose fotografada pola fiestra nun interrogatorio. As imaxes de Rosario Porto, xesticulando na súa declaración, deron a volta ao mundo. Hai sospeitas, entre os investigadores do caso Asunta, que dende o propio xulgado de Santiago se poderían estar filtrando algúns dos detalles que saen nos medios de comunicación.

No mundo xudicial non se entende que se dese autorización para a incineración do cadáver da nena cando podían facer falta novas probas que confirmasen ou rebatisen os resultados das primeiras análises. José Luis Gutiérrez Aranguren, abogado da nai da pequena, sostén algo que xa se comentaba, que o auto de prisión que mandou a Teixeiro á súa defendida foi “nulo de pleno dereito” por “non ter unha mínima motivación” e que ademáis non contiña “os antecedentes de feitos”. Unha semana despois, o xuiz enmendou o tropezo e dictou outro moito máis amplo e fundamentado. E causa sorpresa, a todo o mundo, experto ou profano na materia, que coa morte recente e a extrema sensibilidade do tema, Vázquez Taín aparecese nun programa de televisión (Informe Semanal) falando do caso.

Nos últimos anos, José Antonio Vázquez Taín (A Merca, 1968), titular do xulgado de instrucción número dous de Santiago, está metido en todos os fregados. O roubo do Códice Calixtino, o delito fiscal de Gerardo Conde Roa, a morte da nena en Cacheiras ... (*) e incluso apareceu pola traxedia de Angrois, aínda que quen estaba de garda era o seu compañeiro Luis Alaéz. Lonxe queda o seu primeiro destino, Vilagarcía de Arousa, en 1999, onde xa acadou sona na loita contra o narcotráfico. Foi naquela época cando, nun rexistro na casa de Marcial Dorado, topou coas fotos dunha grande amizade: as do hoxe presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co contrabandista arousano.

Enfado na Igrexia compostelana

Non é pois esta a súa estrea cos focos mediáticos. Na curia da Igrexa compostelana segue o cabreo e aínda non lle perdoaron a publicación da novela La leyenda del santo oculto, na que por certo aparece citado polo seu nome un xornalista que despois participou na presentación do libro nun centro comercial e que, hoxe en día, escribe profusamente do caso Asunta no seu medio.

Habituais tamén son as colaboracións do xuíz ourensán na Radio Galega, onde este verán facía as crónicas das súas etapas pola parte galega do Camiño de Santiago. Hai quen xa ironiza coa súa próxima novela sobre o caso Asunta. Non se sabe de onde saca tanto tempo, pois contan que tamén é un gran afeccionado ao 'whatsapp'.

-----------------------------------------------------------------
(*) NdeAbordaxe.- Este figura tambén é o xuiz do caso "Sala Iago".

No hay comentarios:

Publicar un comentario