8 oct 2013

[A Coruña] Paralisado, de momento, o desafiuzamento de Elisabeth


Segundo poidemos saber, e à espera de máis información, o desafiuzamento de Elisabeth, que estaba previsto para esta mañá, queda momentaneamente paralizado, ante a presión social e da plataforma Stop Desafiuzamentos. As autoridades xudiciais garanten que a expulsión non se realizará nas vindeiras dúas semanas, á espera de achar unha solución para o seu caso, segundo un comunicado nos medios do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Porén, dende a plataforma Stop Desafiuzamentos agardan que o comunicado emitido sexa aplicado e non aconteza, como no caso de Aurelia Rei, en que horas despois da resolución xudicial se tentou despexar á anciá. Así, lembran que a nota de imprensa emitida polo TSXG non ten forza legal e que representantes xudiciais poderían regresar á rúa Antonio Noche para proceder ao alzamento.

Ao berro de "Fóra, fóra" as manifestantes que se amorean ás portas da vivenda botaron @s encargad@s de executar o despexo. "Chegaron dous homes e unha muller aos que non lles deixaron achegarse ao portal".

Elisabeth percibe 216 euros e ten 3 crianzas ao seu cargo

Esta muller, con tres crianzas e vítima de violencia machista, agarda no interior da súa morada. Neste senso, arestora existen na Coruña pisos de protección oficial aos que Elisabeth e a súa familia terían dereito, porén, a administración non contemplou até o momento entre as súas propostas unha acaída ás necesidades de Elisabeth, doente de fibromialxia.

1 comentario:

  1. a union da veciñanza contra..

    Boa tarde. Dende o colectivo Stop Desafiuzamentos Coruña queremos agradecer a colaboración e solidariedade de toda a veciñanza da Coruña que freou o desafiuzamento de Elisabeth Sanles previsto pras 10:30 do día 8.

    Ao mesmo tempo que a xente se concentraba na rúa pra impedir a barbarie que supón a conculcación dun dereito básico e universal coma é o da vivenda, a corporación municipal rexeitaba respostar a unha pregunta sobre o presente caso no pleno do concello. Emprega o silencio que a mesma institución impón a hora de solucionar un conflicto que xa é unha realidade en forma de emerxencia social que ameaza a non menos dun 25% da poboación galega, aquela poboación que se atopa desempregada.

    A orde de lanzamento que no día de hoxe non se puido executar, segue vixente ate que as institucións competentes se encarguen de solucionar o. Tanto a Xustiza, coma a Consellería de Traballo e Benestar, a Concellaría local de Servicios Sociais, a Concellaría de Vivenda e o Instituto Galego de Vivenda e Solo teñen coñecemento do caso e teñen obriga de resolver a citada situación da execución inminente do desafiuzamento e a situación de desamparo que a realización desta orde conlevaría.

    Dende Stop Desafiuzamentos Coruña esiximos: que se cumpra o convenio asinado pola Xunta, a FEGAMP e o CGPJ, que se cumpran os protocolos derivados dese convenio, que se dea resposta á necesidade de vivenda dunha inmensa maioría da poboación e que as institucións deixen de lexislar contra o pobo.

    Por todo isto, convocamos para a mañan do mercores 9 ás 09:00h unha nova concentración pra evitar o desafiuzamento de Elisabeth e esixir o dereito universal á vivenda.

    Moitas grazas pola vosa atención,
    STOP Desafiuzamentos A Coruña

    ResponderEliminar