A continuación reprodúcese un artigo chamado "O negocio que matou o Pindo" sacado de Contrapoder no que se reflexionan as motivacións económicas que hai detrás dos incendios que últimamente se espallan cual pragas polos montes galegos.
O artigo está escrito á raiz do recente incendio no Pindo ainda que se pode extender a todos os demais incendios, e como non, sempre susceptible de ser ampliado por outras reflexións ou informacións interesantes ao caso, claro.Queren convertir isto en estériles terras inhabitables, en desertos calcinados e envelenados pola mineiría, en lugares de explotación industrial... e nós, mentres tanto, miramos ou comentamos como se espallan, choramos as máis de 2.000 hectáreas (2.000 campos de futbol) destruidas polas chamas, criticamos nos foros sociais a política forestal e nos cagamos nos mercenarios que prenden as mechas...
Pero ¿de que sirven os nosos pataleos de porta pra adentro? Por momentos penso que é preferible ese voluntarismo veciñal (que moito teño criticado) do que parten as labores de vixianza e prevención que estar sen facer nada, esperando o día en que todos volvamos aos montes e os salvemos de todas as persversións do interés capital... Ou agora ou nunca, ¿despois de que nos vai servir o deserto?
Eu que sei, non é máis que unha opinión que seguramente non sirva de nada, pero aí queda...
Entrada e opinión publicada por "Alvilda".
O negocio que matou o Pindo
Imaxinen a escena. Alguén —poñamos un home de media idade— camiña polo monte. Na sua man unha lata con algún acelerante do lume. No seu peto un isqueiro ou unha mecha. Camiña só. É agosto. Hai semanas que non chove e vai un vento seco potente o suficiente como para facer voar as sombriñas do turismo que ocupa a praia do Ézaro, a pé do Pindo —aquel monte que chaman o Olimpo celta. O home de media idade chega a un ponto que lle parece correcto, aplica o acelerante á volta e deixa unha mecha no sitio, colocada na posición correcta. Depois continúa camiñando. Un pouco mais adiante irá repetir a operación, noutro lugar estratéxico. O resultado xa o sabe, porque o fixo mais veces. O lume irá correr pola faldra abaixo sen que nada poida paralo. Para se asegurar, ademais, escolleu a hora. Esa hora á que os avións contra incendios van deixar de voar.
O relato do acontecido pode diferir moito deste. Ou pode ser idéntico. Tanto fai. O que non se conta nesta escena son as motivacións, os por ques. E, porén, é iso o que mais necesitamos saber, como pobo, para orquestrar calquera tipo de prevención consciente e eficaz.
Non chega con ter equipamentos anti-incendios plenamente operativos —cousa que nen temos, por outra parte—, e non chega tampouco con ter unha política forestal baseada no aproveitamento do monte alén da madeira —obxectivo que está nas antipodas das preferencias deste goberno supremacista e ultracapitalista que temos.
É necesario identificar a fonte dos lumes, que non son só nen maioritariamente pirómanos enfermos, nen despistes, nen neglixencias. Alguén está queimando o monte deliberadamente, en larga escala, como parte dun plano de beneficios ben definido. Alguén con intereses económicos. Identificar eses intereses económicos é, pois, a tarefa pendente. Quen lucra coa queima dos montes, directa ou indirectamente, debe ser investigado e, se proceder, condenado e expulsado do monte.
Negocios do lume
Ligado á existencia —e á insistencia— dos incendios como elemento nocivo hai anos que apareceron negocios baseados no lume. O que debía ser un servizo público en tres fases —prevención, extinción e reparación— converteuse cos consecutivos gobernos do Partido Popular —que o bipartido non conseguiu contrarrestar—, nun negocio descentralizado destinado a empresas de xestión que necesitan dos incendios para continuaren activas.
Acusar algúns brigadistas de prenderen lume no monte para teren traballo estacional non é ningunha novidade. Porén, sorprende que esa sospeita non se teña extendido aos consellos de administración das empresa que contratan o persoal de extinción, e que son as principais interesadas na medida en que cobran da administración inxentes cantidades de diñeiro público que lle son entregadas sen control político ningún.
O mesmo acontece coas empresas contratadas para a prevención do incendio e co negocio da recuperación. En ambos os casos se xeran inmensas cantidades de residuo de madeira que son transferidas á industria da biomasa e dos aglomerados, nunha nova liña de negocio que, mais unha vez, depende da existencia do lume cada ano.
Non estraña por iso a presenza de empresas do Clúster da Madeira ligadas a estas tres tarefas públicas privatizadas. Non estraña, mais espanta, porque ningún destes negocios do lume existiría se cada ano non ardesen milleiros de hectares.
Negocios de monte queimado
A outra grande zona escura neste tabuleiro complexo ten a ver cos negocios que nacen ao abeiro do monte queimado. Son negocios que, dunha ou doutra forma, teñen intereses nos montes arrasados polo lume, e que son constantemente denunciados por colectivos ecoloxistas e polos sectores mais conscientes da sociedade.
O monte, unha vez queimado, serve para transformar o que antes era un espazo verde nunha zona de produción industrial, quer de madeira, quer da enerxía ou do sector inmobiliario. A eucaliptización é un dos exemplos mais claros, ao ponto de que hoxe poden terse ultrapasado xa 800.000 hectares de monocultivo de eucalipto, cando hai apenas 17 anos non chegaban a 150 mil. Non é necesario moito traballo para ver como o crecimento dese monocultivo ten a ver, e moito, coas zonas arrasadas polo lume.
O sector inmobiliario é o outro monstro que todas e todos temos en mente á hora de procurar os culpábeis. Os incendios forestais teñen a «virtude» de obrigar a reclasificar terreos que antes deles tivesen sido clasificados segundo algúns dos tipos de «solo rústico» incompatíveis coa construción de vivendas ou de infraestruturas. Reclasificar esas zonas e tirarlles esa protección dá vía libre aos especuladores do chan, que poden traballar sobre esa zona ou, como se ten advertido, utilizaren esas áreas para as permutaren por outras de maior interese en connivencia coas administracións locais.
Do mesmo modo que o sector inmobiliario procede o sector mineiro. Os incendios, especialmente os mais destrutivos, poden ser utilizados para modificar figuras de protección ambiental que impeden a proliferación de buracos e excavacións. O exemplo mais coñecido disto é o da mina de andalucita que ameaza os limites das Fragas do Eume, e que foi denunciada publicamente por diversos medios e colectivos o ano pasado, cando outro dos principais enclaves ambientais do país foi arrasado convenientemente. O aumento da presión mineira sobre o territorio nacional dá para enxergar, tristemente, un aumento dos incendios ligados a este tipo de prácticas.
Canto á enerxía, a priori, a multiplicación de parques eólicos polo país non debería ter nada a ver cos incendios. Porén, en perspectiva histórica, é fácil revelar como a maioria dos parques aparecen en pontos que só dous ou tres anos antes teñen ardido, evitanto así a incompatibilidade dese aproveitamente enerxético co aproveitamento agro-forestal e saltándose, pois, a declaración de impacto negativa.
***
Negocios do lume e negocios de monte queimado son, en fin, actividades económicas lucrativas, beneficiarias dunha administración pública despreocupada ou directamente cómplice, en perfeita sintonía coas «necesidades» do sector e, sen dúbida, nada escandalizada de que exista, precisamente un «sector» do lume.
Destas alturas, ninguén traga que a morte do monte Pindo teña sido un accidente. Todo aponta a que responde a algún dos intereses que acabamos de descreber, e que podían terse evitado cunha simples fórmula burocrática. A exixencia social para converter o Pindo en Parque Natural, en parte desa Rede Natura convenientemente paralisada —cando non reducida— debe continuar forte. É necesario. Cada vez mais.
Máis reflexións interesantes no blogue de GalizaNonSeVende na mesma onda deste artigo:
ResponderEliminar- Contra a depredación do país polos que se lucran co lume (escrito en 5 de setembro, antes do lume de O Pindo): http://www.galizanonsevende.org/?p=1707
- Adeus Monte Pindo! (do 13 de setembro):
http://www.galizanonsevende.org/?p=1725