Recollemos de SermosGaliza esta crónica asinada por B.V.
"Non se xustificaron documentalmente as causas concretas que no interno desaconsellan o translado de centro a outro máis próximo á súa contorna familiar e social". É por iso que, en virtude desta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, o preso galego Telmo Varela tería dereito a cumprir o que lle resta de condena nun centro penitenciario da Galiza.
Varela, que no momento de interpoñer o recurso en que interesaba o seu achegamento ao País (novembro de 2011) se atopaba en prisión preventiva baixo aplicación da lexislación antiterrorista, leva seis meses en liberdade provisoria á espera de que se resolva máis un recurso, este último presentado contra a sentenza que o condenou a catro anos de cárcere.
O sindicalista, militante da CUT cando foi detido, en decembro de 2010, en relación cun delito de depósito de explosivos do cal foi achado culpábel, ten cumprida xa a metade da condena, o que posibilitou a súa posta en liberdade namentres non se resolve o recurso.
Un paso adiante contra a dispersión
O fallo do superior madrileño supón un paso adiante xudicial en contra da dispersión penitenciaria á cal fican submetid@s @s independentistas galeg@s ao lles aplicaren a lexislación antiterrorista após a imputación por "pertenza a banda armada".
O fallo non recoñece con carácter xeral o dereito dos e das presas a ficaren custodiadas nun penal ubicado na súa contorna, mais si sinala de maneira rotunda que as razóns que fundamentan a práctica politico-penitenciaria da dispersión deben vir fundamentadas por algo máis que argumentos xenéricos como a gravidade do delito ou motivos de seguranza.
A traballadora social xa recomendara o translado de Varela á Galiza
Recólleo así o apartado final do fallo, onde se explica que, malia que a dirección do centro penitenciario de Dueñas (Palencia) --Varela foi transladado alí en xullo de 2011 após cumprir catro meses de prisión preventiva na Lama-- alega esas dúas razóns xenéricas, "no expediente administrativo non se xustificou documentalmente, cos preceptivos informes da xunta de tratamento, do educador social, psicólogo e traballador social as causas concretas que desaconsellan (...) o seu translado".
Con todo, a maxistrada Carmen Rodríguez vai máis aló e cita "o único informe existente da traballadora social". Nel admítese "unha proposta favorábel ao translado" de Telmo Varela á Galiza "para poder fomentar e manter os vencellos familiares".
Malia que este fallo afecta só o caso concreto do sindicalista, supón o primeiro paso nunha estratexia xurídica de denuncia da dispersión penitenciaria, paralela á denuncia política e social que veñen facendo familiares e amizades d@s independentistas galeg@s que fican pres@s e submetidas a esta práctica.
..........................................
Colamos, de seguido a Nota de prensa de Que Voltem para a Casa! sobre este fallo, e que recibimos na nosa caixa de correos:
O TSXM resolve que non estaba xustificada esta medida no caso do ex-preso Telmo Varela, que estivo afastado e encarcerado no penal de Dueñas
A Asociación de familiares e amigos e amigas dos presos e as presas galegas Que voltem para a casa!, quere manifestar a súa satisfacción pola resolución ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid en resposta ao recurso interposto polo preso galego Temo Varela contra a decisión da dirección do penal de Dueñas de lle negar inxustificadamente o traslado a un centro penitenciario galego, tal como recoñece a Lei Orgánica Penitenciaria (Artigo 12).
A resolución ao recurso recoñece que non se xustificou por parte da dirección do centro penitenciario, nin documental nin procesalmente, a decisión de lle negar o dereito a ser trasladado a un centro penitenciario galego, o que ven demostrar que a práctica da dispersión aplícase de maneira discrecional, colectiva, subxectiva e sen máis fundamentación que o desexo de castigar aos/ás presas e ás súas familias. Precisamente, no caso concreto de Temo Varela, a única opinión recollida no expediente recomenda positivamente o seu traslado a Galiza.
Neste sentido, consideramos que esta sentencia é un importante avance adiante contra a política de dispersión que o goberno español aplica de maneira ilegal e inxustificada contra os presos e as presas galegas. Ademais, confiamos que progresivamente se vaian dando pasos que erosionen a ilegalidade e a aberración humanitaria que supón a dispersión.
A nosa asociación vai continuar adiante na denuncia xurídica do tratamento penitenciario que se lle aplica aos/ás nosos/as familiares presos/as, pero sobre todo amosamos a nosa determinación de deslexitimar socialmente a práctica ilegal e criminal da dispersión e amosar publicamente toda a dor e sufrimento innecesario que provoca. Temos a razón xurídica da nosa parte e tamén a razón moral, pero sobre todo queremos ter a razón social, é dicir, o apoio de toda a sociedade galega. Neste sentido, alegrámonos de que cada vez máis persoas e colectivos se estean a sumar ao clamor contra a dispersión e o tratamento inhumano aos presos e presas galegas.
Por último, desde a nosa asociación emprazamos ás forzas políticas que defenden a política de dispersión (PP e PSOE), e ao Delegado do goberno español na Galiza (Samuel Juárez), a manter coas familias dos/as presos/as un debate público e sereno, no que podamos dialogar de maneira educada e sosegada, sen distorsións, sobre a situación penitenciaria dos presos e presas galegas. Trataríase dun debate aberto, no que cada quen puidese expoñer os seus argumentos, razóns, datos, testemuñas, etc. para que a sociedade galega poda comprobar quen non está contando a verdade a respecto dos seguintes aspectos:
* o respecto integro ou a vulneración dos dereitos das persoas presas.
* a legalidade ou ilegalidade da dispersión.
* o sufrimento engadido que a dispersión dos/as presos/as a centos de quilómetros supón para as familias e o alto risco de ter un accidente nos desprazamentos.
Compostela, a 18 de setembro de 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario