Recollemos este texto publicado en Tokata por este avogado e profesor sevillano que da argumentos "legais" para que esta aberración desapareza polo propio ben da xustiza e da sua credibilidade pola cidadanía (as negriñas do texto son copiadas do orixinal):
Corren tempos críticos para a xustiza. Lentitude, falta de credibilidade ou diferenza de trato segundo clases sociais son sospeitas razoables da cidadanía para cos que imparten xustiza. Algúns manteñen que a xustiza é unha xolda e outros que podes buscar xustiza en calquera sitio menos nun xulgado. Quizais a ningún lles falte razón.
Imos deternos a analizar o caso do órgano xudicial máis presente nas noticias da vida pública asociadas á xustiza: a Audiencia Nacional.
E aínda que poida sorprender encontrámonos cun órgano preconstitucional. De feito, a Audiencia Nacional creouse por Real Decreto-Lei 1/1977, do 4 de xaneiro. Esta norma publicouse o 5 de xaneiro de 1977, o mesmo día que desapareceu o Tribunal de Orde Pública. Se a este dato sumamos que comparten sede e instalacións queda meridianamente claro que se trata do órgano sucesor daquel.
Preconstitucional, por decreto e sucedendo ao TOP. Iso, de entrada. E se afondamos algo máis, observamos que se creou nun momento onde as garantías constitucionais se encontraban suspendidas (Decreto-Lei 2/76 do 18 de febreiro). Parafraseando a Lorca Navarrete, a Audiencia Nacional foi "creada ao abeiro dunha normativa de dubidosa lexitimidade democrática" e é "antidemocrática de nacemento", como di De la Oliva.
Non obstante non só estes motivos históricos poden movernos a reflexionar sobre a súa conveniencia. Atendamos agora a criterios técnicos. A Audiencia Nacional é unha anomalía xurídica sen parangón no resto de países do ámbito europeo. E nin sequera aquí parece encontrar xustificación máis alá de ser unha ferramenta da política antiterrorista, como se acredita na propia web do órgano.
Son xuíces ad hoc, que prestan servizo nun órgano creado a propósito para resolver casos concretos. É evidente que estamos ante un tribunal excepcional, que vulnera o principio constitucional do xuíz natural predeterminado pola lei e cuxa repartición competencial se realiza con base no criterio territorial. O xuíz que coñece debe ser quen exerza a xurisdición onde se comete o delito, sen máis. Isto, que si acontece en materia civil e mercantil non é así na orde penal, que é onde este principio ten maior sentido. De feito, é sintomático o pésimo papel desempeñado pola Audiencia Nacional na defensa dos dereitos fundamentais, con multitude de sentenzas anuladas ou emendadas polo Supremo, o Constitucional ou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Moi bastamente formulouse que a Audiencia Nacional non é un tribunal excepcional nin especial senón especializado. E certamente éo, pero non por iso deixa de ser tamén excepcional e especial.
De feito, é unha especialidade a da Audiencia que se suma ás constitucionalmente previstas e que abranguen aos deputados e senadores de Cortes Xerais, os membros do Goberno, e en certos supostos, aos membros do Consello de Estado, os xuíces e maxistrados, os fiscais, os membros do Tribunal de Contas, as autoridades das Comunidades Autónomas e os membros do Tribunal Constitucional.
Se a esta configuración, lle engadimos un día a día enchido de pésimas instrucións, utilización de impresos normalizados, incumprimento sistemático dos prazos e unha morea de irregularidades xurídicas teremos o cadro completo polo que se fai necesario disolver un órgano que nunca debería ter existido. Sen Audiencia Nacional o noso sistema será máis crible, menos político e máis xurídico. E con toda seguridade reforzaremos a tendencia de evitar as actuacións mediatizadas e protagónicas de determinados "xuíces estrelas" coas súas correspondentes retransmisións televisadas de actuacións ou os seus saltos ás máis altas esferas da vida política utilizando os órganos de xustiza como meros trampolíns cara á detención de máis poder.
Adaptar os órganos e institucións xudiciais ás esixencias constitucionais e democráticas é unha tarefa principal para que poidamos presentar un sistema xudicial ordinario, crible, valorado pola cidadanía e que fuxa do bochornoso espectáculo que presenciamos case a diario.
4 sept 2013
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario