Recollemos de "El Retroceso" diario libertario de Lugo e Galaxia:
Cliff Torrents, fillo dun combatente antifascista catalán, alega que quitou un símbolo ilegal
Este curioso episodio da historia de Negueira aconteceu en xullo do 2011. Segundo consta na sentenza, Clifford Torrents achegouse á fonte pública de Ouviaño e rompeu unha placa conmemorativa na que rezaba: «Reinando Francisco Franco y siendo alcalde D. José M. López, se inauguró esta el día 24-5-53». Fíxoo, segundo consta no fallo xudicial, despois de falar do asunto co alcalde, o "socialista" José Manuel Braña, e co concelleiro José Antonio Fernández, aínda que «sen previa autorización de ningunha Administración pública». Por iso, o rexedor denunciouno e foron a xuízo.
O maxistrado recoñece que a lei obriga as Administracións públicas a tomar «as medidas oportunas» para retirar os obxectos conmemorativos de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura. Sinala que os cidadáns poden solicitar esta retirada ás Administracións, «pero non poden retiralos por se mesmos».
Na sentenza faise constar que Clifford non domina o galego nin o castelán e que isto, unido ás diferenzas entre o Dereito español e británico, «puideron orixinar en don Clifford un erro vencible sobre obrar legalmente».
Pide ao PSOE unha investigación
O xulgado deulle a razón ao Concello, pero o alcalde non quixo facer ningunha declaración ao respecto porque afirma que o fallo non é firme. Pola súa banda, Torrents recorreu e ademais enviou unha carta ao PSdeG-PSOE para pedir que investiguen «a conduta» do alcalde.
No seu recurso di que contaba con autorización municipal, aínda que de palabra, para retirar a placa. Ademais, Clifford considera unha trangallada que deba indemnizar o Concello por unha insignia que xa debía retirar. Explica que o seu valor «era negativo» e que coa súa acción, ademais de aforrar diñeiro ás arcas municipais, reconduciu ao Concello pola vía da legalidade.
Clifford naceu en Escocia en febreiro de 1953. A súa nai era de Glasgow, pero o seu pai era un combatente antifascista catalán que emigrou ao Reino Unido despois de combater na revolución española de 1936-39 e na Lexión Estranxeira Francesa. Hai uns catro anos, Clifford asentouse en Ouviaño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario