Recollemos e copiamos de SermosGaliza:
As plataformas pola defensa do aborto e Queremos Galego veñen de recibir denuncias policiais polas que poden ser sancionadas con multas de até 6.000 euros. As forzas policiais atribúenlles "destrozos" en senllas manifestacións transcorridas o 16 de xuño e o 17 de maio. As organizacións falan de “criminalización” das súas accións de protesta
Segundo o parte elaborado polas forzas de seguridade na manifestación desenvolvida o pasado 16 de xuño na capital galega, atribúese á Plataforma a autoría de "numerosos destrozos" --aseguran-- no mobiliario urbano e en fachadas de entidades financeiras e estabelecementos comerciais que "coinciden co paso" da mobilización.
Neste senso, a denuncia presentada atinxe ao colectivo os devanditos "destrozos" en función da Lei orgánica reguladora do dereito de reunión e pola que se responsabiliza do acontecido "aos organizadores ou promotores" da mobilización sempre que "tales condutas non sexan constitutivas de infracción penal".
Os "destrozos" recollidos pola policía atribúen á Plataforma "manchas de pintura" en diversas rúas compostelás, estabelecementos comerciais e entidades financeiras polas que demanda unha sanción que podería oscilar entre os 300 euros e os 6000.
Queremos Galego denuncia "a criminalización" das organizacións
Queremos Galego recibía hai dous días a denuncia pola manifestación celebrada o 17 de maio, dous meses e medio antes. Acusan á organización de ter “arroxado globos e ovos cheos de pintura e realizado pintadas en entidades bancarias e locais comerciais”. Citan, a seguir, polo miúdo unha serie de oito rúas nas que, segundo a denuncia, se terían realizado as pintadas no transcorrer dunha manifestación na que “participaron diversos colectivos e organizacións portando diversas pancartas en defensa da lingua galega”. A Queremos Galego acúsaselle de, entre outras, unha pintada que reza “Turismo es colonialismo” ou outra co símbolo feminista no establecemento Oysho ademais dunha en Deutsche Bank e no Banco Santander na que se pode ler “Lume ao capital”.
A cualificación da denuncia é “infracción grave” con responsabilidade aos organizadores e promotores da manifestación e o órgano competente que a asume é o Delegado do Goberno. A infracción, segundo sinala a denuncia, pode ser sancionada cunha multa de entre 300,52 a 6010,12 euros. Notifícaselle a Queremos Galego que se inicia un procedemento sancionador contra a plataforma como “responsábel” dos feitos relacionados, é dicir, as pintadas en oito rúas de Santiago por motivos diversos. Como denunciante consta a comisaría de Policía de Santiago.
Desde Queremos Galego, a súa coordinadora Susana Méndez non dubida en falar de “criminalización” das organizacións que se manifestan na defensa de dereitos sociais. Despois de se coñecer que a Plataforma polo dereito ao Aborto recibira unha notificación similar, ao seu ver, “está claro que queren impedir que se manifeste a oposición con medidas represoras”. Queremos Galego está a estudar legalmente a resposta á denuncia recibida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario