Recibimos de STOP Desafiuzamentos de A Coruña esta nota de prensa à que damos pulo, se ben quixeramos apontar que non é de extrañar a actitude dos representantes do concello, o raro é a inocente actuación das familias ameazadas con o desaloxo das suas moradas, que depois de anos de mentiras aínda seguen a crer nas palabras dos mentireiros e "fustranse e indignanse". Esperemos que despois destas se pasen canto menos ao cabreo e dean unha resposta menos "dialogante":
Baixo a grande presión que supón estar a punto de perder os seus fogares, as familias accederon a manter a discreción neste asunto.
Sendo conscientes deste precendente, é doado comprender a frustración e indignación que sentiron o pasado mércores as familias do Lugar de Eirís-Castro de Elviña cando leron nos xornais unha nota de prensa enviada dende o Concello a través da cal, non só se daba conta dun proceso para o que o Consistorio esixira total silencio, senón que mesmo se atrevían a afirmar que eran as familias as que tiñan que se dar présa en resolver este asunto, eludindo a responsabilidade política evidente nos máis de 20 anos de conflitividade que arrastra este proxecto.
A través do colectivo STOP Desafiuzamentos A Coruña, as familias en risco de perder os seus fogares por culpa da manobra de especulación urbanística do Parque Ofimático, queren trasladar as seguintes consideracións:
-Que entenden que a nota emitida dende o Concello responde á estratexia de pretender culpabilizar ás familias. Ben sabe o concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández Prado, así coma o alcalde Negreira, que o traballo de peritaxe do prezo por metro cadrado está sendo levado por un despacho de peritos que, ao igual que outros colectivos profesionais, ralentiza considerabelmente o seu traballo durante o mes de agosto, período no que adoitan ficar estancadas múltiples xestións administrativas. Así mesmo, as familias apuntan que esta estratexia de xogo sucio poderíase deber ás présas do Concello por cumprir ca adxudicación dalgúns terreos, comprometida para o mes de setembro.
-Que en ningún momento o Concello ofreceuse a ser mediador entre a veciñanza e posíbeis compradores.
-Que non teñen constancia ningunha de que exista comprador algún para os terreos. Polo que entenden que a insinuación feita nese sentido dende o Consistorio é simplemente unha estratexia ca que, por unha parte, tentar presionar ás familias afectadas, e, por outra, novamente dar a falsa impresión de que o Concello está a buscar solucións a este conflito. Porén, a veciñanza tamén empraza ao concelleiro de Urbanismo a que, “se existen eses compradores, que nolos presenten”.
-Que a solución que desexan as familias é manter os seus fogares, e que se están accedendo a colaborar no establecemento dun prezo por metro cadrado é porque séntense xa completamente acorraladas, cas escavadoras á porta das súas casas e cun Concello que funciona como lobby de presión a favor dos intereses de especulación urbanística existentes no Ofimático, onde coñecidos representantes políticos e “persoeiros” vinculados ao Partido Popular forman parte de varias das cooperativas que construirán vivendas nestes terreos.
As veciñas e veciños do Lugar de Eirís-Castro de Elviña recriminan ao concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández Prado, e ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, a utilización política que pretenden facer deste drama que afecta a catorce familias.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos ademais que é totalmente vergoñento que unha institución pública pretenda embarullar en absurdos xogos mediáticos a persoas que non só están a punto de perder os seus fogares, senón que, inda por riba, acumulan débedas de milleiros de euros ao vérense inmersas na estafa de seren declaradas promotoras forzosas.
Con este tipo de “artimañas” o Concello da Coruña pretende borrar un problema que el mesmo impuxo fai xa vinte anos, apoiándose nun concepto de progreso especulativo que eliminou a cidade como espazo de vida pra convertela en obxecto de negocio. Até o momento a única solución proposta polo Concello é a de poñerlle un prezo á vida e lembranzas destas familias, que de non aceptalo son criminalizadas e presionadas coa execución do lanzamento das súas vivendas. É totalmente inaceptábel que os representantes políticos da cidadanía estean transformando a Lei nun mecanismo non garantista de liberdade e dereitos, senón de represión, ameaza e coacción, desafiuzando ás persoas das súas propias vidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario