22 jul 2013

[Vigo] Martes 23 as 11:00: Acto de entrega colectiva: Esiximos dereitos, non caridade

Recibimos de ODS Coia esta convocatoria:

Estamos cansas e fartas da súa propaganda e das súas promesas, que soan coma risas burlonas en medio da miseria na que nos obrigan a malvivir. Os poderes queren facernos crer que eles non son responsables do paro, do empobrecemento, da perda de dereitos... e que esas realidades, que cada día sufrimos máis persoas, non teñen nada que ver co feito de que a riqueza de todas estea cada día máis concentrada nos petos duns poucos.

Dende o mes de abril vimos botándonos ás rúas para berrar que “Vivir dignamente é un dereito” e para esixir unha Renda Básica que nos permita vivir cuns mínimos. Porque non queren nin lles interesa ver que estamos nunha situación de emerxencia social e que para saír dela teremos que pasar por ir construíndo modelos que superen e que acaben con este asasino sistema capitalista.

Por todo isto volvemos hoxe ás dependencias municipais para presentar colectiva e publicamente un escrito de denuncia acerca das Axudas de Emerxencia Social do Concello de Vigo.

Estas axudas xestionadas pola concellería de Benestar a cargo de Isaura Abelairas están dirixidas (como sinala o documento marco aprobado na Xunta de Goberno Local do 28/12/2012 no que se autoriza o gasto de 445.000 € para esta partida) a: “Apoiar a aquelas persoas, familias ou colectivos que carecen de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas en relación á alimentación, aloxamento provisional, transporte ou calquera situación que poida supoñer un facto de marxinalidade ou risco de exclusión social”.

Como estamos a esixir con este escrito de denuncia, para nós estas axudas son:

1- Insuficientes: no referido aos cartos adicados polo concello (e que aínda por riba o ano pasado non chegaron a gastar na súa totalidade) a paliar a grave situación de carencia da veciñanza e a ausencia de políticas efectivas de loita contra o crecente empobrecemento das viguesas e vigueses.

2- Opacas na súa tramitación: en concreto no referido á desinformación ás persoas interesadas dos prazos, tramitación e motivos de denegación das axudas.

3- Deficitarias no procedemento: imposibilidade de solicitude por escrito, falla de constancia documental da presentación de documentos, inexistencia de resolucións escritas e motivadas.

Todo isto, xa llo espuxemos á concelleira e ao xefe de servizo nunha reunión celebrada o 5/06/2013. Nun encontro no que esixíamos a ampliación das partidas orzamentarias destinadas a estas axudas e que se respectase o procedemento administrativo legal establecido polo propio concello, coas garantías que iso conleva, sen que iso afectase aos prazos de concesión. Desta forma, esiximos:

A- Posibilidade de presentar por escrito as solicitudes.

B- Ter constancia por escrito da presentación de documentación no correspondente expediente, sexa cal sexa a fase da tramitación do mesmo.

C- Notificación da resolución motivada pola que se concedan ou deneguen as axudas, con constanza da data de resolución e notificación.

Tras esa reunión, e ante a falla de respostas, decidimos buscar saídas por nós mesmas. Así, comezamos a acudir ás entrevistas coas traballadoras sociais co modelo de solicitude de rexistro do concello cuberto, co fin de solicitar as axudas económicas para situacións de emerxencia. É dicir, para poder pagar recibos de luz ou auga, para facer fronte aos atrasos no pago da vivenda, para tratamentos de saúde dental básicos... A resposta maioritaría foi que nas Unidades de Traballo Social (UTS) non podían selar nin recoller estas solicitudes remitindo ás persoas ao rexistro do concello, malia que no documento aprobado en Xunta de Goberno di que: “As/os traballadoras/es sociais das UTS ou programas especializados que resulten competentes en cada caso, recibirán as solicitudes e valorarán a procedencia das mesmas”.

No medio da intemperie na que nos deixan temos que asistir a unha nova campaña de propaganda construída sobre o asistencialismo e a caridade, tras anunciar o concello aos catro ventos a aprobación das axudas do Plan Municipal de Axuda a Familias. Un plan que incluíron nos orzamentos por presións do seu antigo socio de goberno e da cidadanía, cunha partida aprobada a finais de xaneiro de 3,2 millóns de euros. Transcorridos sete meses presentan un plan moi restritivo (exclúe as unidades de convivencia cunha renda per cápita superior aos 150€/mes) e do cal morderon 200.000 € que se destinan a pagar a publicidade a toda cor nos medios amigos. En poucas palabras: publicidade a costa das nosas miserias e cos nosos cartos.

Temos claro que por riba da súa cobiza, dos intereses partidistas e mercantilistas, está a nosa dignidade e estamos dispostas a dar resposta ás nosas necesidade de VIDA dende abaixo e colectivamente.

Por todo isto berramos hoxe e sempre:

Non pedimos axudas, esiximos dereitos! Renda Básica, XA!

Coia, xullo 2013

ODS-Coia

Parroquia Cristo da Victoria

1 comentario: