Recollemos do blogue da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños:
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto considera que a empresa canadense Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, S.L., non teñen capacidade financeira para facer fronte a responsabilidades para o caso de que acontezan accidentes graves derivados da rotura das balsas de residuos de lixiviación.
Se a situación financeira de Mineira de Corcoesto é unha auténtica trampa, a da súa matriz, a canadense Edgewater Exploration LTD, non é moito mellor. Trátase dunha empresa Junior que cotiza na bolsa de Toronto, que conta con 88,7 millóns de accións que se intercambian na actualidade por 0,11 dólares canadenses (8 céntimos de euro) o que determina un valor da compañía en bolsa de 7,1 millóns de euros. O valor da súa cotización caeu nos últimos doce meses un 70% pasando de 0,38 dólares canadenses aos 0,11 actuais. No que se refire ao seu valor contable, este susténtase unicamente na estimación dos recursos e das reservas explotables, entre as que se atopan as de Corcoesto e as de Enchi en Ghanna. O seu activo, polo tanto, é de natureza fundamentalmente intanxible, e incerto en canto ao seu valor, por canto a empresa non ten garantida a posibilidade de explotar os recursos descubertos nas fases de exploración e investigación.
Non queremos ser outro Aznalcóllar! Por este motivo, reclamamos o goberno galego que non se deixe enganar por unha empresa cuxa capitalización nin sequera equivale ao valor do monte de Corcoesto afectado polo proxecto mineiro. Esíxelle á Xunta que faga un rigoroso estudo do custo-beneficio do proxecto mineiro, que a todas luces obrigará a desbotalo polos escasos beneficios para Galicia e os innumerables custos ambientais que deberán asumir, coma sempre, os cidadáns cos seus impostos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario