6 jul 2013

Concentración contra a criminalización dos movementos sociais (A Coruña)

Baixo o título: MÚLTANNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI convocouse para este xoves 11 de Xullo, ás 20:00h no Obelisco, unha concentración contra a crecente criminalización dos movementos sociais na Coruña.


A concentración convócaa STOP DESAFIUZAMENTOS CORUÑA, en evidente relación coas sancións a polo menos once persoas a consecuencia da xornada de resistencia ao desafiuzamento de Aurelia Rey (máis información neste blog AQUÍ); pero pretende ser unha reivindicación xeral contra a crecente represión e criminalización das protestas que, especialmente dende a subdelegación do goberno pero tamén dende o concello, se ceba contra a máis mínima expresión de descontento. É por iso que chaman "a participar cas vosas faixas, cartaces, camisolas reivindicativas, música…" e convidan aos colectivos sociais a ler un manifesto coas súas propias reivindicacións. Non obstante, e segundo o especificado no chamamento distribuído por Stop Desafiuzamentos aos distintos movementos sociais da cidade, "cómpre recalcar que NON SE DESEXA A VISIBILIZACIÓN DE PARTIDOS POLÍTICOS neste acto". Vese que escarmentaron do sucedido na entrega de alegacións de fai pouco máis dunha semana na subdelegación do goberno (máis información neste blog AQUÍ).

Sobre o "aumento da intensidade na vixilancia policial e a criminalización durante ás accións de protesta e actuacións comunitarias" non especifican casos concretos, pero a nós, a bote pronto, véñensenos á cabeza a denegación de permisos aos mercadiños de troco, o acoso policial ao "Xanta e loita" (iniciativa similar ao antigo "Comida, non bombas"), as sancións, identificacións e innecesarias demostracións de forza nos últimos actos de Stop Desafiuzamentos, a prohibición (aínda cos permisos en regra) das festas alternativas de Palavea do ano pasado, as sempiternas sancións contra os participantes nas "Marchas a Teixeiro" ou o acoso xurídico-policiaco ao colectivo "Nais en loita" e aos actos de protesta pola morte no cuartelillo de Arteixo de Diego Viña, por citar só uns poucos.

Evidentemente, para nós, @s anarquistas, non é ningunha novidade o acoso policial e a criminalización política, que vimos sufrindo dende largo tempo atrás. De feito xa tentáramos promover unha campaña semellante con máis ben escaso éxito hai algúns anos (AQUÍ). Pero ben é certo que, si para moitos a represión é unha cousa nova coa que non tiñan ningunha familiaridade, para nós, aínda que "resabiados", a cousa estase a poñer tamén moito máis quente, como amosan as campañas mediatico-policiais das que somos branco últimamente (máis info AQUÍ e AQUÍ).

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario