Facemonos eco desta convocatoria que recebimos na nosa caixa de correo procedente da Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS) onde ademais, enviannos a Carta de Bea onde informa de que ten que deixar a sua folga que comezara en 21 de maio pero que non deixa a sua loita e que colamos depois da información sobre a Concentración Solidaria con Bea:
O venres 21 de xuño Bea fará un mes que comezou unha folga de fame ante a desprotección na que a deixaron as administracións. Por esta razón convoca unha concentración ás 20h30 na praza da Constitución de Vigo.
Lembramos que Bea enferma de cancro só percibe 426 €/mes e malia a súa delicada situación de saúde comezou con esta folga de fame en denuncia da vulneración de dereitos que sofre ela e moitas máis persoas.
Acudide Bea agarda a nosa presenza!
Carta de Bea ao medios:
"A peor das actitudes é a indiferenza" S. Hessel, autor de Indignádevos!
Estimados compañeiros:
Como todos sabedes o 21 de maio inicie unha FOLGA DE FAME co obxecto de denunciar publicamente a situación de indefensión socioeconómica na que me encontro actualmente, e ao mesmo tempo tratar de conseguir que se reflexione sobre o alcance que está a ter esta inxusta crise en gran parte da sociedade da que só son un exemplo máis.
Valinme para iso da miña páxina web tratando de expoñer en cada apartado, pola miña formación como licenciada en Dereito, como as LEIS VIXENTES e OBXECTO desta DENUNCIA, poden levar unha persoa por unha circunstancia inevitable (CANCRO), a unha situación de EMERXENCIA (percibir como únicos ingresos 426,00 € durante todo o longo proceso de enfermidade a pesar de case 20 anos cotizados, e estar sen ningún ingreso os dous últimos meses entre subsidio e subsidio do INEM, por alta do INSS) incomprensible nun SUPOSTO ESTADO DE BENESTAR que ESTÁN A DESMANTELAR.
Fun consciente do perigo (estando a tratamento e pendente dunha terceira operación) que podía supoñer esta drástica medida, pero agora por prescrición médica a causa do meu debilitado estado de saúde esta última semana, non podo manter a folga de fame.
Apelo a vós NON dende o "noticiable" da miña folga de fame, senón dende o meu esforzo persoal para facer visible unha desgarradora realidade social que vivo dende hai case dous anos en primeira persoa, pero que denuncio por quen non ten a oportunidade de facelo, porque o meu caso é o de moitos outras persoas.
Por iso pídovos que colaboredes, axudédesme a dar difusión á información desta nota. Non quero quedar polo camiño, nin que a miña voz, nin ningunha outra na miña situación se apague. Se outras persoas alzan a súa voz comigo, se alzamos as nosas voces xuntas o venres 21, ás 20,30 h na Praza da Constitución, será un berro máis difícil de silenciar.
As recentes modificacións lexislativas supoñen un DESAMPARO tal nos máis débiles (os enfermos) e os máis vulnerables (desempregados), e non digamos se reunes os dous requisitos como pode ser o meu caso e o doutros moitos, que nos privan mesmo da DIGNIDADE.
E precisamente a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a Parroquia Cristo de la Victoria, polas cales estiven apoiada nesta protesta-denuncia, realizaron unha campaña, Vivir dignamente é un dereito!, á que poñerán fin o xoves 27 coa entrega das follas de denuncia social (máis de cen) no Concello e na Xunta, para esixir que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito.
Agradecida de antemán da vosa atención e difusión. Gustaríame, a ser posible, poder saudarvos persoalmente o próximo venres na cobertura informativa do acto. Será, de momento, o meu último "cartucho nesta batalla", púes hei de retirarme para unha obrigada recuperación, pero antes estarei á vosa disposición e encantada de compartir as experiencias gratas e ingratas con pancarta a pé de rúa, e facendo "campaña de concienciación porta a porta durante este mes, para conseguir superar as 2000 visitas na web.
Un afectuoso saúdo,
Beatriz Martínez Figueroa
Tedes máis información sobre a situación de Bea na sua web
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario