A impunidade perdura e ás vítimas négaselles o dereito á xustiza, á verdade e á reparación integral
No estado español non se están a investigar os crimes de dereito internacional cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo. Ademais as autoridades españolas rexeitan sistematicamente colaborar para que terceiros estados poidan investigalos, co que parece garantirse a impunidade destes crimes. Estas son as principais conclusións do informe: O tempo pasa, a impunidade permanece, presentado onte por Amnistía Internacional.
No seu informe Amnistía Internacional constata como o Poder Xudicial español se nega a investigar e arquiva as denuncias das vítimas. Pola súa banda, a Fiscalía non colabora axeitadamente coas peticións de cooperación solicitadas por Arxentina, alegando que España está a investigar e 'ten preferencia' para facelo. O Goberno, polo seu lado, obstaculizou que as vítimas presten declaración ante a xuíza arxentina que leva o caso aberto nese país. E o Poder Lexislativo, remiso a adherirse á Convención sobre a Imprescriptibilidade dos Crimes de Guerra e dos Crimes de Lesa Humanidade, confirmou a vixencia da Lei de Amnistía. Mentres tanto, as vítimas e os seus familiares seguen enfrontándose a obstáculos que poñen en perigo o seu dereito á xustiza, a verdade e a reparación.
Péchase a investigación no estado español
En novembro de 2008, a Audiencia Nacional declinou a súa competencia sobre a querela presentada en 2006 por homicidios e desaparicións forzadas (114.266 desaparicións) cometidos en España entre 1936 e 1951 a favor de xulgados territoriais. Dende entón, Amnistía Internacional realizou un seguimento da actuación destes xulgados e constatou que dos 47 casos derivados, polo menos 38 se arquivaron.
"Xa denunciamos en 2012 que existía unha tendencia continuada a arquivar estes casos. Pero a situación empeorou dende a sentenza do Tribunal Supremo, que sinala que non corresponde aos xuíces españois axuizar estes crimes. Péchase así a única vía de investigación xudicial existente en España", manifestou Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional España.
O 27 de febreiro de 2012, o Tribunal Supremo ditou a sentenza 101/2012 que estableceu a imposibilidade de investigar os crimes da Guerra Civil e o franquismo sobre a base de argumentos que para Amnistía Internacional, son contrarios ao dereito internacional, entre eles: a vixencia da Lei de Amnistía, a prescrición dos delitos de dereito internacional, ou unha errada interpretación do principio de legalidade penal.
Tamén o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) non admitió polo menos oito denuncias contra España por este tipo de crimes baseándose, entre outros argumentos, en que os feitos acontecidos foron anteriores á entrada en vigor do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e no atraso das vítimas na interposición da demanda.
Trabas á investigación en Arxentina
A Xustiza arxentina continúa investigando a querela interposta en 2010 por crimes cometidos en España entre 1936 e 1977. As autoridades xudiciais arxentinas solicitaron información en dúas ocasións ás autoridades españolas. A Fiscalía española, nos seus informes, respondeu - sorprendentemente - que se está a investigar, malia recoñecer o arquivo de polo menos 22 causas, e pediu a Arxentina que se absteña de investigar, asegurando que é España quen ten preferencia nesta.
"Esta interpretación da Fiscalía española nada ten que ver co dereito internacional. A xurisdición universal é, por definición, concorrente e non subsidiaria, é dicir, non esixe o fracaso da investigación ante os tribunais do territorio onde se cometeu o crime para habilitar a competencia do tribunal estranxeiro. No caso de que España estivese a investigar os crimes, algo que non está a pasar, iso non excluiría en ningún momento que Arxentina, ou calquera outro país, tamén poida facelo. A loita contra a impunidade é de competencia universal", declarou Esteban Beltrán.
Noticia traducida e colada destoutra da web de AI, na que, ademais, podedes ler às recomendacións propostas por AI aos poderes españois.
eDu
pdt.- A foto que acompaña a esta notícia en Abordaxe é do artista Eugenio Merino presentada en ARCO 2012 con o título “Always Franco” e que xerou no seu día unha inmtensa polémica e valeu-lle unha demanda formalizada pola Fundación Francisco Franco por supostos “danos ao honor”, que reclama ao artista 18.000 euros de indemnización.
Como contrapartida unha Plataforma de Artistas Antifascistas prepara para os vindeiros días 5, 6 e 7 de jullo unha exposición en apoio de Eugenio Merino titulada “Jornadas contra Franco”, con o obxectivo de recoller fondos para axudar a Eugenio Merino a pagar a posible multa e poderá verse na rua Encarnación González 8 de Madrid (distrito de Vallekas).
18 jun 2013
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario