Colamos este artigo de Miguel Pardo que copiamos de PrazaPública
O lugar é Rosia Montana, unha pequena localidade do oeste de Transilvania, en Romanía, onde o fotoxornalista galego Delmi Álvarez vén de comezar o seu novo proxecto documental, In the name of Gold, co que pretende amosar a realidade das ameazas da megaminería de ouro en varias rexións de Europa, onde boa parte dos cidadáns rexeitan uns proxectos dos que temen as súas consecuencias medioambientais, así como os riscos para a súa forma de vida.
"Rosia Montana busca ser a máis grande mina a ceo aberto en Europa, pero nesta pequena aldea do condado de Albany a maioría das persoas non queren vender as súas casas e a multinacional canadense Gabriel Resources atopouse cuns veicños fortes que prefiren vivir sen os residuos tóxicos ao redor e coidar do gando e continuar coa súa antiga agricultura", explica Delmi Álvarez na súa páxina web, onde se poden ver xa os seus primeiros traballos deste amplo proxecto sobre a ameaza megamineira en Europa.
Esta zona romanesa é o paradigma, pero as semellanzas con proxectos como o de Corcoesto son máis que evidentes. Delmi Álvarez tamén así o cre e lembra que "hai algúns outros lugares co mesmo problema de Rosia Montana, como Galicia, Grecia e Bulgaria, cuxos gobernos pretenden dar os permisos para abrir minas que utilizan o cianuro até o de agora non prohibido na Unión Europea". "Pero hai moitas voces que tamén reclaman que o cianuro sexa declara inimigo para as persoas, o medioambiente e as persoas", insiste.
O proxecto canadense en Rosia Montana non está culminado logo de que en Romanía xurdise o rexeitamento cidadá máis forte -e non vinculado directamente coa política- que se lembra no país nos últimos vinte anos. Desde Greenpeace ata os diferentes colectivos relixiosos, pasando pola Academia de Romanía, uníronse contra a futura mina, ao tempo que políticos locais expresan o seu apoio á multinacional ante o empobrecemento da comarca nos últimos anos. Como noutros moitos lugares.
A empresa canadense prevé producir case 8.000 millóns de onzas de ouro (225 toneladas) de ouro e máis de 800 de prata nos vindeiros 17 anos. O proxecto costaría uns 650 millóns de dólares e implicaría a cración de catro xigantes minas que cubrirían unhas 205 hectáreas nun lugar con importantes xacementos arqueolóxicos. A compañía, ademais, promete inxector catro millóns de dólares na economía romanesa e crear 2.000 postos de traballo.
Pero a forte oposición ao proxecto impediu polo momento a súa consolidación, en parte polos recordos que a poboación romanesa aínda ten do desastre en Baia Mare, hai xa trece anos, onde unha fuga de cianuro dunha explotación mineira provocou unha enorme contaminación en varios ríos de Romanía, Hungría e os Balcáns, na que está considerada a maior catástrofe medioambiental en Europa desde Chernóbil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario