17 jun 2013

A dirección da policía recoñece que desde hai anos usan pasamontañas para interrogar detid@s

Facemonos eco desta noticia asinada por R.S. e publicada en Sermos Galiza, que copiamos e colamos:

A denuncia dunha organización de avogados ante a Defensora del Pueblo demostra que as forzas estatais aplican nos interrogatorios prácticas condenadas polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

As denuncias de abusos por parte das forzas de seguridade do Estado sufriron un notábel aumento nos últimos anos, ao mesmo tempo que a crise alimentaba a tensión social e os gobernos do PP optaban por unha lexislación máis represiva co que moit@s activistas consideran “o obxectivo de criminalizar a protesta”. Porén, malia o seu crecemento, os excesos cometidos por estes corpos veñen xa de vello -realmente non se lembra a súa inexistencia- como hai uns días eles mesmos asumiron ao recoñeceren tras a pregunta da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, que levan anos utilizando carapuchas ou pasamontañas nos interrogatorios ás e aos detid@s, o que constitúe unha grave irregularidade que a propia Defensora afirma que “debería estar expresamente prohibida”.

A queixa por esta cuestión elevada pola Asociación Libre de Avogados (ALA) provocou o seu recoñecemento por parte da Dirección Xeral da Policía española, que asegura que esta práctica se debe a “motivos de seguridade” malia que está condenada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que a considera “intimidatoria ao crear unha sensación de inseguridade n@ detid@”. Na mesma liña pronúnciase ALA, que considera que “esta práctica de comparecer encarrapuchados ante persoas privadas de liberdade carece de toda racionalidade e motivación e só busca profundar no amedrentamento das persoas detidas e impedir o dereito á defensa, polo que non é admisíbel. Vulnera tamén a obriga de exhibir de forma clara a identificación policial e supón unha práctica que só teñen cabida desde a consideración de “inimig@s” d@s detid@s, o que repugna ao estado social e de dereito. Policía, funcionarios e responsábeis políticos deben lembrar que a disidencia forma parte do ADN dunha democracia”, segundo afirman nun comunicado.

O estado español xera centos de denuncias de abusos por parte dos seus corpos policiais cada ano. Segundo o informe de 2012 da Coordinadora estatal para a Prevención e Denuncia da Tortura, nese ano 31 persoas sufriron malos tratos en Galiza, dentro das 851 de todo o Estado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario