Días atrás deramos conta neste mesmo blogue da noticia deste novo caso de agresión da policía local contra unha persoa residente nesa cidade e de orixen nixeriano e dun primeiro Comunicado do Foro (ver acá), agora tras as asombrosas declaracións do portavoz do concello chamando mentirosos aos membros do Foro, estxs tiraron este novo Comunicado de Prensa que copiamos e colamos na sua íntegra da sua web:
DESCRICIÓN E POSICIONAMENTO ANTE A ÚLTIMA INTOLERABLE AGRESIÓN POLICIAL A UNHA PERSOA DE ORIXE NIXERIANO NA CIDADE DE A CORUÑA OCORRIDA A SEMANA PASADA
O Foro Galego de Inmigración, xunto coa Asociación Sen Papeis de A Coruña, en relación co acoso ao que está a someter a Policía Local de A Coruña ao colectivo de persoas migrantes nixerianas residentes na cidade, particularmente aos vendedores ambulantes, mantivo o mércores día 12 de xuño unha xuntanza, con representantes municipais do BNG e EU no Concello de A Coruña, na que participaron tamén compañeiros do propio colectivo afectado. Nesas xuntanzas, Peter, a persoa directamente agredida a semana pasada relatou os seguintes feitos:
“O xoves día 6 de xuño, pola tarde atopabase preto do Centro Comercial Marineda City vendendo caramelos na rúa, e cando se dirixía a recoller a axuda/pago que lle quería facer unha señora foi retido por unha persoa, que lle colleu polo ombro e identificouse como policía. Esta persoa vestida de paisano, insistíulle en collerlle o macuto no que levaba a mercancía que levaba, tratandono de forma violenta. Colleulle a documentación e finalmente “requisoulle” a mercancía.
O venres día 7 de xuño, pola mañá atopábase no mesmo lugar cun novo macuto e nova mercancía, que lle prestaron a conta. Achegouse un coche da policía local, e o mesmo policía do día anterior, xa uniformado con outros compañeiros dirixiuse cara a él de novo con intención de collerlle o macuto coa mercancía, Peter agarrouse ao mesmo e veuse forzado a tumbarse no chan onde foi golpeado polo grupo de policías en varias ocasións. Mesmo algunha persoa achegouse para gravar a agresión, pero a propia policía impediullo. Ten Peter en todo caso o contacto dunha persoa disposta a testificar o que víu ese día. Despois duns minutos, e de novo despois de que lle quitaran a mercancía e colleranlle a súa documentación (é unha persoa residente legal en A Coruña dende hai varios anos con muller e fillos) foi trasladado esposado ata a Comisaria da Policia Nacional, da que non puido saír ata ás 5 da tarde.”
Ten por suposto parte médico, da mesma tarde do venres 7 de xuño, no que constan as lesións producidas. Tamén un avogado proporcionado pola propia Asociación de Nixerianos de A Coruña ocuparase das acción legais oportunas.
Dende o Foro Galego de Inmigración e a Asociación Sen Papeis de A Coruña queremos salientar os seguintes feitos, que configuran como absolutamente impresentable a agresión descrita polo protagonista:
1.- O uso continuado da violencia e a desproporción dos medios empregados.
2.- A requisa de mercancía de forma arbitraria e sin que se realice/entregue documento algún a persoa afectada, no que conste o tipo de mercancía e a cantidade incautada e onde a pode recuperar despois de abonar a correspondente multa.
3.- Non hai intención de cubrir y entregar ao afectado o papel que recolle a sanción administrativa (multa), que en todo caso sería a única acción contraria a normativa municipal imputable a Peter.
4.- Existe unha evidente desigualdade de trato, que nos chamamos polo seu nome: racismo, entre o que recibe Peter, e o que recibimos outros cidadáns por parte da policía local cando nos saltamos un semáforo en vermello (infracción administrativa equivalente a que tería cometido en todo caso Peter). Non parece tampouco que a acción de Peter xustifique o seu traslado á Comisaria de Policia e moito menos que fora esposado.
5.- Chama a atención que un policía local de paisano (para empregar policía de paisano –secreta-, o Concello precisa unha autorización especial da Subdelegación de Goberno, xustificada pola especifidade das accións a desenvolver) sexa utilizado para controlar unha actividade como a venda ambulante nos semáforos, que non parece supoñer un risco tan grave para a cidadanía de A Coruña como para utilizar este recurso extraordinario.
E concluímos:
1.- Seguimos reclamando que a intervención con estas persoas e colectivos debe realizarse dende o ámbito dos servizos de benestar social. Nesa liña imos participar nunha xuntanza con responsables desta área municipal, xunto con responsables de seguridade cidadá a vindeira semana, para tentar buscar unha alternativa ao acoso policial actual. Xuntanza á que fomos convocados, sen dúbida, pola gravidade dos feitos denunciados.
2.- Consideramos que esta actuación inscríbese nunha política de acoso policial contra este colectivo, impulsada polo propio Concello da cidade. Non se pode entender doutra forma a continuidade da persecución e o incremento progresivo das accións violentas, que pretenden amedrentar a estes cidadáns.
3.- A gravidade da agresión que reflicte o relato pormenorizado descrito máis arriba, esixe a intervención directa do Alcalde da cidade, para desculparse pola mesma en primeiro lugar e para informar das medidas que se van tomar para depurar as responsabilidades profesionais e políticas que correspondan.
Recordamos, por último, que na súa maioría este colectivo está composto por residentes, recoñecidos legalmente, que se atopan nunha situación de desemprego e que desenvolven esta actividade de venda ambulante, para conseguir uns recursos mínimos que lles permitan sobrevivir. Pois ben, a Policía Local da cidade ven impoñendo sancións (multas) de 100 Euros que xa contamos por decenas nos últimos meses, ao tempo que lles impiden realizar calquera actividade que lles permita facelas efectivas. A este acoso sumamos o maltrato policial que alomenos temos documentado en dous casos nos últimos meses (outro, tivo lugar o 13 de maio na Rúa Ourense ao lado da Delegación de Goberno).
Para máis información:
Foro Galego de Inmigración: Miguel Fernández (662307019) .
Asociación Sen Papeis de A Coruña: Nicanor (698-137876)
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 – Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es – 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario