9 may. 2013

Tatoo Circus de A Coruña, 17, 18 e 19 de Maio no CSO Palavea

Dentro de pouco máis dunha semana, entre o venres 17 e o domingo 19 do presente mes de Maio, celebrarase no C.S.O.A. Palavea (rúa Río Quintas nº31, na N-550 ao lado da discoteca OH!Coruña) a primeira edición en Galiza dun Tatoo Circus .Trátase dun festival solidario do mundo das tatuaxes e outros métodos de modificación corporal no que a absoluta totalidade dos beneficios recadados se destinan ao apoio de persoas presas. Tamén haberá espectáculos, concertos e palestras de temática antirrepresiva.


Se estabas a pensar en facerte un piercing ou tatuaxe, alí poderás facelo a un prezo extremadamente barato e aínda por riba apoiando unha causa solidaria.

Próximamente ampliaremos a información neste mesmo blog, mentres tanto aquí deixamos unha descripción do evento facilitada polos seus organizadores:

TATTOO CIRCUS é un encontro enfocado á recadación de fondos para o apoio a persoas presas ou proxectos antirrepresivos, mediante a realización de tatuaxes, piercings, escarificacións ou calquera forma de modificación corporal, así como de concertos, xantadores, palestras, exposicións..., que acompañan e dotan dun contido político a esta actividade.

O Tattoo Circus nace en Roma fai uns anos e rapidamente trasládase a bastantes cidades europeas (Barcelona, Londres, Tesalónica, Cádiz...) e espontaneamente trázase unha dinámica común á hora de organizalo. Aínda que cada grupo, en cada lugar é totalmente autónomo, hai unha base común que se pode resumir en varios puntos:

- Cartos: Todo o recadado destinarase íntegramente á loita pro-presxs, tanto en financiamento de proxectos de este tipo (Campaña CÁRCERE=TORTURA), como ao apoio directo.

- Organización: A organización do Tattoo Circus é asamblearia e horizontal. Ninguén recibe ningún tipo de remuneración. Tatuadorxs, anilladorxs, grupos de música e toda persoa que participe o fai de forma solidaria. Únicamente estimarase o pago da viaxe a quen veña de fóra no caso que sexa estritamente necesario por non haber xente do lugar que poda facer este cometido ou por non poderse sufragar a simesmx a viaxe. A todxs se lles dará de comer, consumicións e aloxamento.

- Contido: O Tattoo Circus non xira ao redor da tatuaxe nin dos piercings. A súa base é a loita contra os cárceres e contra a represión. Por iso debe ir acompañado de palestras, difusión anticarcelaria, películas, actuacións, buzón de correo para escribir a presxs ou calquera idea que lle dote de contido. O Tattoo Circus non se centra na estética, trátase dunha actividade en pro da solidariedade revolucionaria.

TATTOO CIRCUS GALIZA

Por primeira vez, o Tattoo Circus vaise celebrar na Galiza, concretamente no Centro Social Okupado e Autoxestionado de Palavea na Corunha. Un espazo de máis de 7000 metros cadrados que leva funcionando de xeito continuo e cunha actividade permanente dende máis de dous anos.

O CSO conta con espazos independentes, perfectamente acondicionados e adaptados, separados uns dos outros para non entorpecer o desenvolvemento de cada actividade, así coma o descanso dxs participantes e colaboradorxs:

- Zona de tatuaxes

- Zona de piercings, escarificacións e modificacións corporáis

- Sala de esterilización

- Sala de concertos

- Sala de proxeccións

- Zona de espectáculos (antiga capela)

- Lavabos

- Espazo aberto con casetas de circo

- Info Point

- Sala para encontros/palestras/obradoiros

- Comedor

- Cafetería


Os días 17, 18 e 19 de maio o Tattoo-Circus terá lugar no Centro Social Okupado de Palavea: Rúa Río Quintas 31, A Corunha, Buses: 22, 20 e 1A (na estrada a Compostela)

-okupacorunha.wordpress.com

Para calquera dúbida podedes poñervos en contacto con nós:

- www.tattoocircuscorunha.narede.gl

- tattoocircuscorunha@mail.com

- www.facebook.com/tattoocircuscorunha

Vémonos na Corunha!

ABAIXO OS MUROS DAS PRISIÓNS!

1 comentario: