22 may 2013

Carta dunha prostituta, Nina Perez, ao feminismo abolicionista

Recollemos (depois de traducido) do blogue Prostitucion-VisionObjetiva:

Capítulo 1: Queridas feministas, ámovos ódiovos ámovos.

Sei que podemos aprender unhas doutras, pero necesitades deixarme falar e necesitades escoitar. Eu quero ser parte da vosa irmandade, pero non me deixades. Dende ese momento, son unha feminista desprazada, desilusionada, porque vos negades a deixar de odiarme. Como as demais feministas, eu loito pola igualdade, o status social, o respecto, a liberdade de elección e o dereito a decidir sobre o meu propio corpo. É parte da miña liberdade elixir o traballo sexual, e por iso son odiada. Moitas asumen que o traballo sexual e o feminismo son contraditorios, pero o feminismo me proporcionou a liberdade para ser traballadora sexual e o traballo sexual axudoume a abrazar o feminismo. Non vou renunciar ao feminismo e non vou renunciar tampouco ao traballo sexual. Vou explicar como e por que as feministas poden ser auténticas aliadas das traballadoras sexuais.

Capítulo 2: Unha relación de amor ideolóxica que saíu mal.

A miña relación amorosa co feminismo comezou hai uns poucos anos. Sentinme instantaneamente arrastrada cara ao feminismo pola máis obvia das razóns: son unha muller que quería encontrar un lugar onde puidese sentirme suficientemente segura para falar abertamente das miñas experiencias. Son unha muller de cor que pasou a maior parte da súa vida por debaixo da liña de pobreza, son nai solteira, son vítima de violación e fun sometida a abusos de nena. Son a muller tipo a quen se supón que representa o feminismo. O feminismo é o movemento que conseguiu dereitos para mulleres como eu. O feminismo loitou polo dereito das mulleres a ser parte do proceso político, ser parte do seu lugar de traballo e ter autonomía persoal. O feminismo deu ás mulleres o dereito a tomar as súas propias decisións e controlar os seus corpos. Eu necesito eses dereitos e necesito o feminismo. Así que me fixen feminista. Fun a mitins, lin blogs e fun ás protestas. De súpeto me converti en integrante da irmandade, e por primeira vez na miña vida puiden falar abertamente do asalto sexual que me deixara con pesadelos, ataques de pánico e un embarazo non desexado. Eu contara esas cousas antes, pero nunca sen ser xulgada ou culpada. Foi a primeira vez que comprendín de verdade o que significaba a solidariedade, e foi a primeira vez que crin de verdade que podería ser aceptada por un grupo que non me xulgaría sobre a base do meu nivel de ingresos ou a miña cor de pel ou me culparía dos abusos que sufrira. Fun parte da irmandade e sentín que lle pertencía. Volvinme unha activista, fixen amigas. E logo cometín o erro de revelar nun círculo feminista que era traballadora sexual. A miña violación e o que seguiu foron de feito menos dolorosos. Non tiña nin idea de que botara sangue ao tanque das quenllas. Fun ridiculizada, avergonzada e insultada. E o peor de todo, dixéronme que necesitaba sufrir aquel ridículo polo meu propio ben. Dixéronme que necesitaba entender que me estaba a facer dano a min mesma ao permitir que os homes pagasen por violarme. Eu era unha vítima, pero demasiado estúpida para sabelo. Eu era unha traidora a todas as mulleres e estaba a alimentar o patriarcado (o peor dos insultos). A expulsión da irmandade era unha penitencia que se supoñía que eu debía soportar en silencio ata que cambiase as miñas desviacións.

Pero iso non está na miña natureza. Non estou calada, non estou avergonzada e creo en decidir por min mesma.

Capítulo 3: Tráenme sen coidado as vosas morais, ou o que é o mesmo, non necesito xustificar a miña vida sexual.

Deixade que vos diga unhas cantas cousas do que deberiades saber do meu traballo. Sexo pagado é exactamente iso: sexo pagado. Non é violación, e como supervivente dunha violación, non me convenceredes nunca doutra cousa. Sei o aspecto que ten unha violación, como ule e como lla sente, mentres se está a producir e despois de producirse. Durante a violación, recordo, que intentaba anicarme en posición fetal mentres rezaba pedindo seguir vivindo para ver o meu fillo ao día seguinte. Recordo dar grazas de ter unha tatuaxe especial que permitiría á miña nai, se me encontraban nunha gabia, identificar o meu corpo. Pola contra, nunca tiven un pesadelo cun cliente. Tiven orgasmos, grandes conversacións, e fermosas ceas cos meus clientes. Recibín regalos de aniversario e zapatos novos e boas propinas. Nunca fun ameazada, violada, golpeada ou sometida a abusos por un cliente. Calquera insinuación de que non existe diferenza entre o sexo polo que me pagan e as violacións que sufrín é fodidamente insultante. É insultante porque a miña palabra é desprezada. O feminismo intenta dar voz a mulleres como eu, non silenciar a miña voz (coma se eu puidese ser silenciada). As traballadoras sexuais son pintadas como vítimas forzadas, pero temos que decatarnos de que a trata de seres humanos non é o mesmo que o traballo sexual. As traballadoras sexuais non son vítimas que necesiten ser salvadas. A única ocasión na que o traballo sexual consensuado se converte nun problema é cando existe unha suposición subxacente de que o sexo en si mesmo é misóxino, antifeminista ou anti-mulleres.

Capítulo 4: Autonomía, vaxinal e da outra. Conseguir un pouco.

O feminismo proclamou dende hai moito que os corpos ou a sexualidade das mulleres non pertencen a ningún outro, que as mulleres deben tomar as súas decisións, exercer as súas liberdades e seguir o seu propio camiño na vida. Se as feministas (ou calquera outra persoa) negan a miña autonomía ou intentan impedir que sexa dona da miña sexualidade, estanme a avergonzar. E para ser clara: avergonzar a unha traballadora sexual non é ideoloxicamente diferente que avergonzar ás mulleres chamándoas putas por ser violadas, levar minisaias, practicar sexo ou facer control de natalidade. É tarefa do actual sistema patriarcal avergonzar ás mulleres que deteñen a súa propia sexualidade, non do feminismo. Suxerir que o traballo sexual dana a todas as mulleres é tamén problemático. Xa que os violadores culpan das violacións ás faldras curtas e ás rapazas bebidas, deberían deixar de beber as mulleres e de levar faldras curtas para non ser violadas? Non, xa que a única causa da violación é o violador. E porque estamos en 2013 e as mulleres, como clase, non necesitamos unha fodida negociación con terroristas, ou con calquera que defenda que só pode estar seguro mentres obedezan normas arcaicas. Todos sabemos que se defende que a modestia prevén a violación, pero tamén sabemos que a modestia non salvou as nosas irmás con burkas. Afirmar que non merecemos seguridade pola forma como vestimos é unha táctica terrorista que pretende crear obediencia. E da mesma forma, calquera persoa que diga que ten dereito a abusar das mulleres porque o traballo sexual promove unha visión negativa das mulleres é un condenado terrorista, e a miña autonomía vaxinal négase a ser silenciada por terroristas. As mulleres que sofren abuso sófreno porque teñen a desgracia de estar preto dun abusador. Eu son dona do meu corpo e da miña sexualidade e non me vou pedir desculpas por iso. Pero tampouco pedirei desculpas polas condutas abusivas doutros.

Capítulo 5: A voz dunha muller no negocio da prostitución, ou o que é o mesmo, traballo sexual é traballo.

Moitas feministas asumen que as traballadoras sexuais non poden ser parte da causa feminista, pero en realidade o traballo sexual é un excelente exemplo de feminismo. O traballo sexual é a máxima acentuación da idea de que as mulleres poden competir cos homes de igual a igual no traballo. A liberdade que proporciona o traballo sexual é absolutamente feminista na súa natureza. O traballo sexual é traballo, e é unha das poucas ocupacións nas que unha muller ten autenticamente autonomía persoal, posúe a súa propia sexualidade, o seu corpo, fixa as súas propias condicións, negocia os seus propios prezos, toma as súas propias decisións e ten unha liberdade que non tería en ningún outro escenario. A pesar dos avances logrados polo feminismo, as mulleres aínda se mostran remisas a "actuar como homes" no traballo. As mulleres non se atreven a negociar subas de soldo ou facer que se recoñeza o seu esforzo. Moitas mulleres temen que se actúan como fan os homes serán avergonzadas por non ser recatadas ou suficientemente femininas. O traballo sexual, non obstante, é un dos poucos lugares nos que non só "podo actuar como un home", senón que cando o fago o meu traballo e o meu salario melloran.

Capítulo 6: Fagamos as paces.

Ata que me apartei, non me decatei de que o feminismo se negaba a escoitar as traballadoras sexuais. O que o feminismo non entende é que esta traizón e este silenciamiento fixo dano a todas as persoas que loitan pola igualdade. O feminismo empezou creando igualdade para as mulleres, pero a loita non rematou aínda. As mulleres aínda teñen que recibir o status social que merecen, e se queremos ver a auténtica medida pola que son valoradas as mulleres, só necesitamos mirar as traballadoras sexuais. Elas están entre os grupos de mulleres máis marxinadas. As traballadoras sexuais son evitadas pola sociedade, polos grupos políticos; a súa imaxe social está distorsionada e agora foron traizoadas polas feministas que lles negan a palabra. As traballadoras sexuais son dun valor inestimable para o feminismo e as feministas teñen deber de escoitar estas mulleres, de deixar de xulgalas. Deixade de falar. Empezade a escoitar, polas traballadoras sexuais, polas mulleres e polo futuro do feminismo e da igualdade.

pdt.- orixinal en inglés

No hay comentarios:

Publicar un comentario