5 abr. 2013

Suspendido xuízo a manifestantes contra o desafiuzamento de Aurelia (A Coruña)

Onte xoves, o xulgado número 3 de A coruña suspendía o xuízo contra tres acusados de desobediencia á autoridade durante o intento de desafiuzamento de Aurelia Rey, frustrado o pasado febreiro pola presión popular (noticia neste blog aquí). A falta da que se lles acusa estaría relacionada co feito de que numerosos manifestantes trataron de impedir o acceso dun camión de bombeiros ao portal da afectada, para evitar que estes cortasen a cadea que aseguraba a porta; non obstante a realidade é que os procesados o único que realmente fixeron foi pedir a identificación profesional aos antidisturbios que desaloxaban a empurróns aos activistas (máis información sobre este suceso neste blog aquí).

A vista de onte suspendeuse a petición dos avogados dos acusados, que alegaron indefensión pola denegación das provas solicitadas pola defensa.

Máis de medio cento de persoas, convocadas por Stop Desafiuzamentos, concentráronse primeiro ás portas e logo dentro do edificio dos xulgados; aos que se sumaron tamén outro nutrido grupo de afectados polas preferentes que escolleron a mesma hora e lugar para realizar a súa propia protesta.

Identificados por "antisistema"

O único feito salientable da xornada foi a identificación selectiva de cinco compañeiros durante a protesta. Os antidisturbios esperaron a que estes abandonasen o grupo, reunido nese momento xunto á sala de audiencias, no terceiro piso do xulgado, para identificar primeiro a un e logo a outros catro manifestantes. Ante o balbordo que se montou cando o groso dos congregados se decatou do asunto, e ante as preguntas que algún político que por alí andaba lles fixo aos policías, estes non tiveron empacho en recoñecer que a brigada de información lles pedira a identificación exclusiva desas persoas en concreto por ser "antisistema", e que a identificación do resto non lles interesaba. Obviamente os identificados non realizaran acto ningún que os diferenciase dos demais manifestantes, simplemente que dentro do grupo de "antisitemas" que acudiu á protesta (pois, habendo políticos no asunto, é evidente que outra parte da concorrencia era máis ben "prosistema") algunhas caras aínda non lles eran coñecidas á brigada de información e tiñan que fichalas. Quedou así tamén claro o dobre rasero co que a policía discrimina os "manifestantes de ben" (democráticos e moderados) dos "antisitema" (os que profesan ideas anarquistas e radicais), aínda que polos seus feitos en nada se distinguiran no caso que nos ocupa. A "xustiza" será igual para todos (no marabilloso e "chachipirulístico" mundo das abstraccións), pero os que a defenden e administran dende logo que non a reparten na mesma proporción.

Autoinculpacións

O tribunal xa decidira días atrás non admitir as máis de 60 autoinculpacións que a defensa tratou de incluír no proceso. Entre aqueles que pretenderon autoinculparse encontrábanse algúns políticos locais, cousa profusamente recollida polos medios coruñeses, pero, malia que o nome dalgún deles saía varias veces no sumario, tampouco a eles se lles permitiu incorporarse ao proceso.

A estratexia da autoinculpación decidiuse nas asembleas de Stop Desafiuzamentos non sen certo grao de polémica, posto que algúns sectores dos participantes preferiron absterse de secundala.

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada