2 abr. 2013

Interesante artigo de Debate e Reflexión

Chegounos ao correio este artigo que, a persoa que o enviou, aclara que é un escrito que colleu de aquí e alá ideas moi interesantes para formular no noso mundo de ideólogos/as. As ideas xorden dun individuo chamado Krishnamurti, cando este decidiu desligarse da orde na que os seus pais o ingresaran ao ser pequeno. Chegounos en castelán e publicamola en galego (unha vez traducido) e esperamos que dea para reflexionar e debater:

Eu sosteño que a liberdade é unha terra sen camiños, e non é posible achegarse a ela por ningún sendeiro, por ningunha agrupación, por ningunha ideoloxía.

A liberdade, ao ser ilimitada, incondicionada, inabordable por ningún camiño, non pode ser organizada; nin pode formarse organización ou agrupación ningunha para conducir ou forzar a xente ao longo dalgún sendeiro en particular. Se dende o principio entenden iso, entón verán canto imposible é organizar unha crenza.

Unha crenza é un asunto puramente individual, e non poden nin deben organizala. Se o fan, tórnase en algo morto, cristalizado; convértese nun credo, unha seita, unha relixión que ha de impoñerse ás demais. Isto é o que todo o mundo trata de facer.

A liberdade empequenécese e transfórmase nun xoguete para as persoas débiles, para as que están só momentaneamente descontentas. A liberdade non pode rebaixarse, é máis ben o individuo quen debe facer o esforzo de elevarse cara a ela.

O interese que non nace do amor á liberdade por si mesma, senón que é espertado polas demais, non ten valor ningún. A agrupación en torno a unha ideoloxía, convértese nunha estrutura dentro da cal as suas membros poden encaixar convenientemente. Elas non se esforzan máis por alcanzar a liberdade ou o cumio da montaña, senón que máis ben tallan para si mesmas un nicho conveniente onde se colocan, ou deixan que as demais as coloquen, e consideran que, debido a iso, as demais han de conducilas cara á liberdade.

Só estou interesada nunha cousa esencial: Facer que o humano sexa libre. Desexo liberalo de todas as gaiolas, de todos os temores, e non fundar ideoloxías, novas seitas, nin establecer novas teorías e novas filosofías.

Vostedes están afeitas á autoridade, ou á atmosfera de autoridade, a cal cren que vai conducilas á liberdade. Cren e esperan que outra, polos seus extraordinarios poderes ou saberes ou dotes, poderá transportalas a ese reino de liberdade eterna que é a Felicidade. Toda a perspectiva que teñen da vida está baseada nesa autoridade.

O mesmo facemos cun ideal ou unha crenza. Eu creo en algo e aférrome a un ideal e iso bríndame un gran consolo; pero quítenme o ideal, quítenme a crenza e estou perdida.
É igual cando vostedes dependen das suas compañeiras. É natural e correcto que deban facelo así cando aprenden; pero se seguen dependendo cando chegaron á madureza, iso tomaraas incapaces de pensar, de ser libres. Onde hai dependencia hai temor, e onde hai temor hai autoridade, non hai liberdade.

Cando as suas compañeiras lles din que deben obedecer, que deben seguir certas pautas, que deben tomar unha actitude ou facer só un tipo particular de traballo, en todo iso non hai liberdade. E non hai liberdade no noso corazón cando dependemos das compañeiras, no sentido de que aceptamos a estrutura da agrupación tal como é, sen cuestionala.

As persoas ambiciosas, homes e mulleres, non saben que é a liberdade; e estamos dominados polas persoas ambiciosas. Por iso non hai felicidade no mundo e por iso é moi importante que vostedes, a medida que crecen, o vexan e comprendan todo isto e descubran por si mesmas se é posible descubrir que é liberdade. Poderán ter unha boa posición na agrupación correspondente, moitas compañeiras, un marabilloso local, moitas roupas; poderán chegar a ser unha anarquista exemplar; pero sen liberdade, ningunha destas cousas ten sentido.

Se non estivésedes apegadas ao voso propio nome, aos vosos conceptos, às vosas compañeiras, as vosas características -xa o sabedes, a todo ese cúmulo de cousas que forman voso "eu"; Se non estivésedes apegadas a esas cousas, achariades que sodes como a nada.

Vós chegades a ser unha necesidade para min porque sen vós estou perdida, séntome incómoda, desgraciada, só. Convertédesvos, pois, nunha necesidade para min, en algo para encher o meu baleiro. Vós non sodes o importante; o que importa é que enchades a miña necesidade.

A vida de relación, polo tanto, convértese nunha simple distracción, que vos fai sentir coma se estivésedes vivas. Disputar unhas con outros, soster loitas, disputas, etc., produce unha sensación de vida. De maneira que a convivencia se converte en mera distracción. A convivencia é, pois, unha distracción que vos fai sentirvos vivas.

Se eu estou relacionada convosco porque vos necesito é un sentido fisiolóxico ou psicolóxico, é obvio entón que esa relación se basea nunha idea, xa que desexo algo de vós, verdade? E tal relación, baseada nunha idea, non pode ser un proceso autoliberador.

Teñen, pois, que empezar a descubrir agora -non esperar ata que sexan vellas, porque entón non o descubrirán que é o que realmente senten na relación coa suas compañeiras, coas suas ídolos e as súas ideas. Non poden aceptar meramente a palabra "liberdade" ou calquera outra palabra, senón que han de ir detrás do significado das palabras para ver cal é a realidade, sendo a realidade o que vostedes senten de feito, non o que supoñen que senten.

Se se senten realmente frustradas, sós, ou furiosas, dicir: non quero estar só, non debo estar furiosa, é meramente un desexo, carece de realidade e vexan agora o que está a suceder! Pensen, razoen consigo mesmas e descubran de que xeito esa crenza as fixo diferentes, non coa superficial diferenza de levar unha insignia, o cal é trivial, absurdo; En que forma unha crenza así varreu con todas as cousas non esenciais da vida? En que forma son máis libres, máis grandes, máis perigosas para toda Sociedade que estea baseada no falso e no non esencial? En que forma as membros desta ideoloxía ou agrupación chegaron a ser diferentes?

Os seus prexuízos, os seus medos, as súas autoridades, as súas agrupacións novas e vellas...
Todas esas cousas, sosteño, son unha barreira para a comprensión. Non podo ser máis
clara que isto. Non quero que estean de acordo comigo, non quero que me sigan, quero
que comprendan o que estou a dicir.

Esta comprensión é necesaria porque a crenza de vostedes non os transformou, senón que só as complicou, e porque non están dispostas a afrontar as cousas como son. En lugar das vellas distincións ideolóxicas, teñen vostedes novas distincións ideolóxicas, en lugar dos vellos cultos, teñen cultos novos. Todas dependen dalgunha outra para as súas ideas, para a súa felicidade, para a sua realización.

Eu digo que todas estas cousas son innecesarias, cando digo que deben descartalas todas e mirar dentro de si mesma para a incorruptibilidade do ser, ningunha de vostedes quere facelo. Pode que haxa unhas poucas, pero son moi, moi poucas.

Puidestes ler moitos libros, podedes estar rodeadas das vosas compañeiras, da nosa agrupacion, de metas alcanzadas -un novo acto cada ano, a última obra literaria, e todo o demais. Pero unha vez descartadas intelixentemente as distraccións, enfrontédesvos a iso: a sensación de frustración íntima, de desespero infinito e sen remedio.

Moi poucas de nós somos capaces de facer fronte a aquilo directamente, preferimos volver os ollos cara a unha experiencia real ou ideolóxica que pasou, que nos brindou un gran deleite, unha alegría ou un bo resultado e quedar apegadas a ela.

Isto é, hai quen sacrifica o presente en prol do pasado, embelecendo o pasado; e hai quen adornan o futuro. E é contra o presente que nos disciplinamos, é ao presente que resistimos. Con ese pasado encarades o presente. Nunca, polo tanto, vos enfrontades de verdade co presente: o único que facedes é eclipsar o presente co pasado ou co futuro.

Imitamos co fin de recibir o que outra ten. Pode que eu expréseo con crueza, pero esa é a base de noso pensar. Pero a bo seguro, non chega con tanta facilidade. Porque a liberdade non é artigo negociable: eu fago isto e ti dásme aquilo. E non é posible que unha mente condicionada sexa libre, por "virtuoso” que sexa ese "condicionamento": Non hai liberdade se buscades un fin, porque ese fin vos ata. Pode que esteades libres do pasado, pero o futuro retenvos; e iso non é liberdade.

Para recibir algo novo, o vello debe cesar.

O pensamento desempeña un papel moi importante na nosa vida, a case todas o que nos achega é como protexernos, como chegar, como lograr algo, como facernos máis perfectas, como ter esta ou aquela virtude, como desbotar, como negar, como estar desligados, como achar a felicidade, como ser máis fermosas, como amar e ser amadas. Ben sabedes que interesadas estamos en nós mesmas.

Para que, pois, ter unha organización de calquera tipo... xa sexa formal ou informal, a xeito de colectivo, de local ou de ocupación?

As organizacións non poden facernos libres. Ningún home, ningunha muller pode, dende fóra,
facernos libres; nin un culto organizado nin a propia inmolación a unha causa pode
facernos libres.

Probamos tantas cousas, tantas sensacións, tantas diversións, tantos experimentos, que nos temos embotado e enfastiado.

E cando cheguedes ao punto en que realmente admitides que sodes o que sodes -aburridas, repetitivas, insensatas, o que for- entón hai unha posibilidade de habérvolas con todo iso.

É moi difícil distinguir e darnos conta do que na realidade buscamos, xa que cambiamos segundo o momento; Non se trata de descubrir o que cada quen debería ter, ou cre que debería ter, senón de descubrir por unha mesma, intimamente, que é o que unha desexa.

Cando o humano que é necio trata de volverse intelixente, segue sendo necio. A estupidez, a bo seguro, xamais poderá ser transformada en sabedoría; só cando cesa a estupidez hai sabiduría. Só cando a dominación cesa, hai liberdade. Só cando a autoridade é eliminada; hai igualdade.

Só cando a repetición e imitación cesan; xorde o novo. Só cando a continuidade cesa, hai posibilidades de nacer a algo novo. Só cando deixamos de escondernos detrás das ideas; podemos de verdade revelarnos a nós mesmas... E é só mediante o coñecemento do que somos é que podemos pasar a ser o que queiramos.

A sociedade non existe por si mesma. A sociedade é o que vós e eu creamos coas nosas relacións; é a proxección cara a fóra de todos os nosos estados íntimos.

Ata que eu, na miña relación convosco, me comprenda a min mesma, seguirei sendo a causa da miseria, da destrución do medo e da brutalidade. Comprenderme a min mesma non é cuestión de tempo. Eu podo comprenderme neste mesmo instante. Se eu digo comprendereime a min mesma mañá, introduzo o caos e a miseria e a miña acción é destrutiva.

A comprensión é agora non mañá.

"Mañá" é para a mente preguiceira, a mente inactiva, a mente que non está interesada. Cando estades interesadas en algo, facédelo instantaneamente; hai comprensión inmediata, transformación inmediata. Se non cambiades agora, xamais cambiaredes; A transformación só pode producirse de inmediato; a revolución é agora, non mañá.

Un feito nunca pode ser negado. A opinión acerca do feito pode negarse. Se podemos descubrir cal é a verdade neste asunto, poderemos actuar independentemente da opinión. De sorte que se dependedes para o voso descubrimento do que se encontra nos libros, estades simplemente atadas ás opinións. Non se trata, pois, de coñecemento directo.

Creo que a maioría de nós comprendemos a urxencia dunha revolución intima, pois ela é o único capaz de producir unha transformación radical do externo, da sociedade. Este é o problema que a min mesma e a todas as persoas de intencións serias nos preocupa

Para transformar o mundo que nos rodea, coa súa miseria, guerras, desemprego, fame, divisións de clase e absoluta confusión, ten que haber unha transformación en nós mesmas.


Esa é a única solución de todos os nosos problemas, non ter máis disciplinas, máis crenzas máis ideoloxías e máis instrutores. E só nese estado de comprensión pode haber "creatividade".

O instante creador non nace da loita. Se realmente queredes achar a verdade, debedes ser en extremo honestas, non só no nivel verbal senón en todos os niveis; tedes que ser extraordinariamente claras, e non podedes selo se non estades dispostas a enfrontar os feitos. Cando deixa de haber loita contra eles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada