11 abr 2013

[Grecia]: Deputado e anarquista ao mesmo tempo non se pode

Segue un comunicado da Asemblea pola Acción Antiespecista publicado a principios de febreiro de 2013 en relación cunhas declaracións dun deputado de Syriza (Coalición da Esquerda Radical) que consideramos moi interesante entanto acá xurden iniciativa tipo Alternativa Galega de Esquerdas que buscan asemellarse a Syriza:

Sobre o rol da esquerda -parlamentaria ou non- e as nosas loitas pola liberdade.

Nos últimos días, discútese nos medios de comunicación de masas sobre o recente comunicado do deputado do partido Syriza por Kastoria, Vaggelis Diamantopoulos, quen nun intento por "poñerse de lado das ocupas atacadas" tivo a audacia de declarar que el é anarquista porque, nas súas propias palabras, "a anarquía é sinónima da democracia directa".

Coma se o Estado, os paraestatais e a propaganda dos medios de comunicación que están a apuntar contra as anarquistas non fosen suficientes, agora chega o partido Syriza que intenta xogar a Robin Hood e aos "gardiáns dos débiles", e se apresura a defender no seu discurso as ocupas e ás anarquistas. Esta é unha táctica habitual do mencionado partido parlamentario, unha práctica que tamén se aplicou durante a rebelión de decembro de 2008.

O partido Syriza pretende estar do lado das anarquistas nun intento, por un lado, de aproveitarse da nosa loita para os seus obxectivos electorais e, por outro, asimilar a nosa loita e incorporala dentro do marco estatal e legal.


En canto ao comunicado do deputado Diamantopoulos, temos que dicir o seguinte:

Primeiro: Un deputado, como parte integral do aparato estatal, non pode declarar ser anarquista. As anarquistas nin votan en eleccións, nin son candidatas, nin xamais ocuparían un posto no parlamento.

Segundo: A anarquía non é sinónima da democracia directa de ningunha forma. Para nós, a anarquía é a liberación total para os humanos, os animais e a natureza dos grifóns do Estado e a dominación. Nós non loitamos por un Estado con democracia directa; nós loitamos pola vida e a liberdade de cada ser vivo, dentro dunha vida simple e comunal en harmonía coa natureza.

Terceiro: Esta vida e liberdade posiciónanse en total contraste coa actividade de Diamantopoulos, quen dende o principio da súa lexislatura en xuño de 2012, declarou abertamente o seu interese con respecto ao desenvolvemento da industria peleteira na rexión de Kastoria (ao norte de Grecia), chegando ao punto de reunirse coa SEG (Liga Grega de Fabricantes Peleteiros) e a un acordo sobre a suposta necesidade de aumentar a poboación de gando na rexión, o que significa que capturarán, matarán e esfolarán mesmo máis animais. Diamantopoulos é a encarnación do que falamos todos estes anos. O é a faceta do Estado que, a través de intereses sectoriais que se apoian mutualmente, administra a industria peleteira que logra sobrevivir asasinando animais. Diamantopoulos é un digno continuador do labor dos exdeputados de Nea Dimokratia e PASOK por esa zona, Tzoukalagias e Petsalnikos, os cales apoiaron sen prexuízos o comercio de peles. É unha parte indicativa da táctica camaleónica que aplica Syriza, mentres que antes das eleccións, a deputada Iro Dioti fixo unha interpretación no parlamento contra a venda de peles. Xusto despois, a oficina local de Syriza en Kastoria fixo un seminario en apoio á industria das peles, mentres o mesmo partido en Atenas paralelamente organizaba eventos electorais acerca dos "dereitos" dos animais, nun intento por reunir os votos das amantes dos animais, entre outras. A hipocrisía na súa máxima expresión. Pero, tras as eleccións as máscaras caeron.

A actitude de Diamantopoulos e Syriza non é un erro illado nin personalizado, menos deste partido en particular, pero reflicte totalmente as posicións firmes e as tácticas da esquerda en xeral.

A esquerda sempre foi incapaz de incorporar nos seus reclamos as loitas pola liberación animal e da terra. Aceptando ideoloxicamente o materialismo histórico, consideran o sometemento da terra e das outras criaturas que viven nesta como unha condición necesaria para o benestar humano. Tendo unha histórica e altamente antropocéntrica visión do mundo, consideran o sistema tecno-industrial como a panacea do manexo de todas as actividades humanas e, tamén, ao capitalismo como un chanzo histórico esencial para a "transición dende o reino das necesidades ao reino da liberdade". A natureza e os animais son fontes produtivas para servir ás necesidades humanas. A única diferenza cos capitalistas é que estes últimos están dispostos a matar, no nome do lucro, todo o vivo, mentres que os esquerdistas só para cubrir as "necesidades" humanas. Isto é exactamente o que está a pasar con Syriza e a sociedade local de Kastoria: Desvalorízanse as vidas dos animais en nome do crecemento económico da zona.

Ao mesmo tempo, usan calquera medio para alcanzar o poder, posto que non o negan obviamente cando falan sobre o poder dos traballadores e a ditadura do proletariado. Por un lado, participan daquelas loitas parciais que lles conveñen, sempre co obxectivo de ter resultados electorais e, por outro, distáncianse doutras cando cren que non teñen nada que obter delas. Pero cando as loitas van máis alá da súa xestión ou descobren que teñen éxito ou que eles están fóra delas, entón intentan, con notificacións e outras tácticas de comunicación, sacar crédito político delas. Estes días usan a represión do Estado contra os anarquistas para facer campaña política de oposición ao goberno de Nea Dimokratia dende unha posición segura, aspirando ser eles os que gobernen tras as próximas eleccións. Non esquecemos o discurso electoral de Syriza sobre os policías bos gardando os barrios. Ademais, tampouco esquecemos que cada vez que a esquerda colleu o control ou obtivo maior poder, esmagou de calquera xeito ás anarquistas que resistían contra os réximes autoritarios (CCCP - Kronstadt) e contra as traizóns das loitas nas que pobos enteiros combateron contra o fascismo, porque se consideraron como un obstáculo nos seus plans de política exterior con Occidente (España no 36, Grecia - OPLA).

Non esperamos nada distinto hoxe en día. É só que Diamantopoulos debe informarse un pouco mellor en canto a quen mostra a súa presunta "solidariedade": aos que non descansarán ata que o último peleteiro sexa colgado coas entrañas do último político.

Non podes apoiar á vez opresores e oprimidas; ao Estado e ás anarquistas; aos animais e os peleteiros.

Neste mundo, cada un escolle o lado do que se posiciona.

Loitamos orgullosamente no lado dos animais e a natureza salvaxe porque somos anarquistas e anti-especistas.

Eles permanecen pateticamente no lado dos peleteiros negociando por votos porque son políticos e noxentos autoritarios.

Por iso nesta loita pola defensa da vida, eles son os nosos inimigos.

LOITA INFLEXIBLE E INTRANSIXENTE
POLA LIBERACIÓN TOTAL!


Asemblea pola Acción Anti-Especista

No hay comentarios:

Publicar un comentario