26 feb. 2013

A loita por Aurelia aínda non rematou, queda moito por acadar.

Crónica e reflexión da loita contra o desafiuzamento de Aurelia Rey en A Coruña:

O feito de que onte, xusto despois de rematar de ler o comunicado que daba conta do pacto confidencial entre Aurelia e os seus caseiros, os activistas que resistiron durante a pasada semana ao cumprimento da orde xudicial se lanzasen, deseguido, a okupar as instalacións de Servizos Sociais do concello, pretende deixar clara unha inequívoca mensaxe: que a loita por darlle unha solución digna ao caso de Aurelia aínda non rematou... nin moito menos. Aínda queda por conseguir que as institucións cumpran co suposto papel que deberían ter e que tan caro nos sae aos que involuntariamente as mantemos, ou, no seu defecto (e quizais moito mellor) facer nós, como pobo autoorganizado, aquilo que nunca debemos deixar en mans de, como diría Aurelia, "tanta corrutela do Huntamento".

E é que malia o dito pola plataforma "STOP Desafiuzamentos" (desbordada polas características do momento en auténtica asemblea popular) e por tanto político real ou figurado de distinta plumaxe, o acordo de antonte non foi un rotundo éxito, nin moito menos. Aos que sufrimos a pé de portal do cansazo e o estrés desta angustiosa e intensa semana, preñada de emocións encontradas, nos deixa un sabor agridoce na boca. Por un lado a sensación de terlle evitado á octoxenaria Aurelia o vía crucis do desafiuzamento e a entrada forzosa nunha residencia, onde os "expertos" do concello tivesen podido experimentar con ela as súas “menguelianas" técnicas de desautorización social. Polo outro a dolorosa sensación de negociar á baixa os termos dunha ignominia auspiciada polos tribunais e bendicida polo concello.

A nosa loita non só era por Aurelia, senon polas miles de Aurelias de aquí e de todas as partes que pelexan, agora afortunadamente nas rúas e non nos escuros despachos de chupatintas e mangantes, por un futuro sen desafiuzamentos. Pero iso non nos permite colgar unha vella de 85 anos do pau da bandeira para axitar a conciencia social; foi por iso que o interese de Aurelia foi sempre o primeiro e pesou sobre outras consideracións á hora de negociar.

Sobre os termos do pacto alcanzado cos ******* propietarios nada comentaremos, pois poderosas razóns o fan confidencial (malia o irresponsable interese por desvelalo mostrado por certos medios máis ou menos "afíns") e así nós deixarémolo estar. Espero que os lectores saiban comprender que isto non responde a consideracións políticas se non máis ben a moito menos viles motivacións.

Os feitos relativos ao intento de desafiuzamento de Aurelia Rey, a pasada semana en pleno centro da cidade da Coruña, creo que son de todos coñecidos pola desmesurada atención mediática que suscitaron:

Centos de Coruñeses dábanse cita o pasado luns 18 fronte ao portal desta simpática octoxenaria para evitar a orde de desafiuzamento conseguida coas malas artes dos seus caseiros a raíz do non pagamento dun mes do aluguer. Ao berro de "Aurelia non se vai, Aurelia se queda! " tomáronse o relanzo do portal, a beirarrúa e os dous carrís da rúa "Padre Feijoo” onde se atopa o inmoble. A policía, que malia o comunmente dito non é parva (se non máis ben filladeputa), tiña preparado un intelixente plan. Unhas dotacións policiais xunto con persoal do xulgado e un cerralleiro deixáronse caer pola zona, aparentaron desistir e a xudicatura anunciou públicamente a paralización do desafiuzamento. Unha vez desconvocada a protesta, e cando alí só quedaban unhas poucas persoas, os antidisturbios reaparecen por sorpresa, cortando a rúa en ambos os dous extremos e dispostos a acometer as súas maléficas intencións. Afortunadamente os compañeiros que quedaban xunto ao portal tiveron o tempo xusto de parapetarse no seu interior asegurando as dúas follas da porta cunha potente cadea. A multitude volveu concentrarse encolerizada ata desbordar ás bravas un dos cordóns policiais, algúns dos bombeiros negáronse a intervir e mesmo apoiaron explícitamente aos concentrados (e cando dicimos algúns é porque é algúns, posto que un servil xefecillo do parque si que cumpriu finalmente co seu nauseabundo deber, deshonra eterna para semellante lambecús). Malia que cedeu a cadea que separaba a Aurelia das garras policiais, os compañeiros do portal apuntalaron cos seus corpos a porta (e a xustiza social) evitando as acometidas das forzas represivas. A situación na rúa xa empezaba a desmadrarse, premendo a berros e empuxóns as liñas policiais, que a duras penas conseguían manter un cada vez máis reducido e bamboleante perímetro de seguridade. Os representantes do xulgado, tras rodar polo chan mentres vían os seus papeis voar en varias ocasións, non quixeron descubrir o que podería facer a masa popular enfebrecida ao ver como se levaban en volandas a unha vella da súa casa por non pagar un mes de aluguer e paralizaron finalmente o desafiuzamento. Logo todo foron abrazos, bágoas e brinde coa sidra caducada que Aurelia gardaba no máis profundo dun dos seus armarios.

Malia que algún político aquel día, por moito que como anarquistas nos custe recoñecelo, si que estivo a loitar na rúa como un máis pola paralización do desafiuzamento, a partir do día seguinte xa chegaron as chupadas de cámara e os "arrimo o ascua á miña sardiña" que, como era de esperar, non podían faltar en semellante cambalache.

O que iniciara un reducido grupo de persoas agrupadas en torno a "STOP Desafiuzamentos Coruña" xestionábase agora por unha nutrida asemblea cidadá conformada por activistas de todas as procedencias.

O portal de Aurelia converteuse en campamento perpetuo da resistencia e as escaleiras en cuartel xeral das interminables asembleas de organización. Aquilo parecía o exército de Pancho Villa, esquerdistas, quincemeros e antisistema relacionábanse con politicuchos locais, frikis espontáneos e reporteiros de prensa rosa no interior dun portal máis transitado que a boca do metro de Atocha.

Finalmente, unha semana máis tarde a negociación cos propietarios puxo fin a todo aquilo xusto antes da batalla final que todos estabamos a agardar. Pero a solución ao conflito aínda non se acadou. O pacto é cos propietarios, pero os servizos sociais que se adicaron a mentir descaradamente sobre o seu papel neste suceso, aínda teñen moito que explicar. Uns servizos sociais coruñeses dirixidos polo avogado de Bankia para desafiuzamentos (non é coña nin esaxeración, é o pluriemprego do concelleiro ao cargo) que non encontra mellor solución que internar a unha persoa que se vale perfectamente por si mesma nunha residencia, vítima como é do moobing inmobiliario. Uns servizos sociais que durante todo o conflito fixeron un baile de cifras sobre as casas de protección social das que dispoñen que oscilaron entre setenta e ningunha. Uns servizos sociais aos que como anarquistas non podemos pedir outra cousa máis que que se disolvan en prol dun mundo mellor e xestionado dende abaixo, pero aos que si podemos pedir contas de que coño é o que fan co noso diñeiro e sobre as súas represivas e fascistas solucións aos conflitos cidadáns.

A todo iso debeuse a okupación de onte das oficinas de Servizos Sociais do Concello por unha trintena de activistas que non querían deixar que o conflito de Aurelia se resolva co remate do telexornal que anuncia o acordo cos propietarios. Porque non queremos que todo isto se resolva en falso sen encontrarlle a Aurelia un novo e digno fogar onde vivir. Non serán, dende logo, os servizos sociais os que atopen a solución, pero si que son dignos acredores da ira popular e o desprezo daqueles que loitamos e loitaremos por parar a eiva dos desafiuzamentos e por facer deste un mundo mellor.

P.D- Non obstante moitos dos anarquistas que participamos en todo isto non podemos evitar o feito de sentirmos un pouco sucios. Sucios por participar nunha batalla que, malia ser meridianamente xusta, está claramente mediatizada polas diversas tendencias políticas opositoras ao concello, nun claro intento de rendibilizar a loita dos coruñeses en contra dos desafiuzamentos. Sucios por compartir trincheira con aqueles que lexislan e reprimen e aos que, con toda seguridade, a liña que os separa de acometer eles mesmos esta clase de inxustizas non a marca outra cousa que o resultado electoral. Sucios por darlle os medios de desinformación de masas, e aínda por riba aos máis sensacionalistas e alienantes nunha maior medida, un papel preponderante na estratexia de resolución deste conflito. Sucios por converter a loita social nunha perversa mediación entre vítimas e verdugos, consentindo por compaixón a burocratización do conflicto. Sucios porque loitamos contra os desafiuzadores de agora xunto cos desafiuzadores do mañá.

Tristes ironías que deben facernos pensar e buscar mellores medios de intervención social, pero nunca deixar de loitar.

C. Ribas

4 comentarios:

  1. Obrigado compa por tam boa crónica e, se cabe, melhor reflexom.

    Era moi necessária entre tanta "eufória jornalística", sobre tudo para quem nom vivemos a experiência mas que polo que nos iam contando e o que saia publicado em falsimedios e nalgum jornal electrónico "alternativo" e que também se sumarom ao "éxito" sem fazer nengumha valoraçom de fundo e às vezes num tom vitorioso que nom é reflexo da realidade do pacto acadado: Pois um acordo considerado beneficioso para a família de especuladores nom pode ser um bo acordo para Aurélia, quem ao final vai que têr que deixar a sua casa de toda a vida, pola acçom conjunta de especuladores, da justiça e do concelho.

    Nom deixemos de loitar !!

    ResponderEliminar
  2. Desafiuzamentos son disturbios!

    ResponderEliminar
  3. que falas masulán! desafiuzamentos e disturbios son cousas diferentes!! Desafiuzado queda o que vai á rúa porque o botan da casa

    ResponderEliminar
  4. "Masulán"?... Seica alguén ou non entende as consignas ou pretende pasarse de lista.

    ResponderEliminar