18 ago 2012

"A Universidade da xeración perdida"

Reproducimos a continuación un texto sobre o actual panorama universitario que nos achegaron os compañeiros da Asamblea de Estudantes da UDC:

Nos arredores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña aínda pódese ler nunha parede do seu aparcadoiro a seguinte reflexión: “O formigón armado educa na indiferenza” -en referencia ao edificio de formigón proxectado na década de 1970 polos arquitectos Ucha, Castañón e Laguna, coñecido vulgarmente como “a seta”-. A devandita frase, que critica unha serie de discursos normalizados na sociedade, tales como a competitividade entre as estudantes, unha suposta neutralización do saber, unha ausencia dentro e fóra das aulas dun coñecemento crítico, mesmo dunha crítica á institución educativa, foi escrita por activistas de Proxecto Zero hai agora cinco anos e agroma hoxe, entre os múltiples movementos estudantís que se están a dar no seo da Universidade da Coruña (UDC), como unha idea que é capaz de ir alén das tradicionais reivindicacións das ensinanzas universitarias públicas como trampolín de promoción social ao alcance de toda a cidadanía. A elo contribúen a caída de mitos nos que se apoiaban eses descursos: así, no Estado español, a media de tituladxs universitarixs en paro duplica a media europea, asemade, esxs tituladxs soen ocupar postos de traballo que esixen unha cualificación moito máis baixa da que teñen adquirido coa súa carreira, cando non, forman parte dunha inxente masa de emigrantes de alta cualificación en países como Alemaña ou outros do entorno centroeuropeo. En definitiva, afiánzase unha tendencia que xa se cristalizara na Lei Orgánica de Universidades do 2001, antes da creba de Lehman Brothers no 2008, que marca o comezo da crise económica actual: A Universidade como fábrica de precarixs.

Cómpre, para entendermos mellor a teima dos últimos tres gobernos do Reino de curtar en educación superior, partir do sustrato ideolóxico que serviu dende o tardofranquismo ata as primeiras décadas postconstitucionais para sustentar a Universidade pública. Así, na lei de Reforma Universitaria de 1983 apélase, na súa Exposición de motivos, a incorporación da sociedade Española ao mundo da ciencia moderna “da que diversas eivas históricas a separaron dende os seus comezos”, alén de máis, pretendíase lubricar un proceso de “democratización dos estudos universitarios” o cal repercutiría na sociedade en chave de tolerancia, responsabilidade e liberdade, á vez que se garantía a satisfacción da crecente demanda de educación superior pola cidadanía española. Varias son as razóns que fan que o poder formal se aparte gradualmente destas reivindicacións para apostar por outro modelo de Universidade, sen a máis mínima intención de sermos exhaustivxs, lembramos as seguintes: por unha banda, a educación universitaria é capaz de constituír unha suculenta fonte de lucro -lembremos a reflexión de Z. BAUMAN: a persoa como promotor do producto e producto promovido á vez, onde a formación profesional xoga un papel fundamental- de feito, nos Estados unidos, as cinco maiores Universidades amasaban unha fortuna equivalente á decima parte do PIB español en datos do 2006; por outra banda, a Universidade contemporánea investiga en orde aos intereses da grande empresa, que é na meirande parte dos casos quen financia a investigación, así, os grandes proxectos de investigación entenderánse como unha inversión económica e por tanto centraránse en eidos que podan resultar moi rentábeis, o cal deixa en moitos casos os verdadeiros intereses da sociedade de lado -sirva de exemplo a cita do Doutor e activista brasileiro Dráuzio Varela: “No mundo atual estáse investindo cinco vezes mais em remédios para virilidade masculina e silicone para mulheres do que na cura do Mal de Alzheimer. Daqui a alguns anos teremos velhas de seios grandes e velhos de pinto duro, mas que não se lembrarão para que servem”-.

En orde ao anterior, a nomeada LOU de 2001, dun marcado perfil neoliberal, introduciu unha reforma baseada en dous pilares principais: a flexibilidade/precariedade e a mercantilización/privatización, tanto dentro da mesma institución universitaria, como fóra da mesma, na súa relación coa sociedade (X. FERREIRO); de xeito tal, que como explica M. GALCERÁN: “La educación superior se convierte en un producto que es necesario promocionar y vender. En consecuencia, las universidades deben dejar de gobernarse y organizarse por parámetros propios de la cultura académica, para serlo por los de la cultura empresarial de mercado”. Entón, é lexítimo pensar que o que se pretende é que a Universidade pública se vexa relegada a un plano de colaboración, cando non ao servizo, das grandes corporacións -no caso da UDC, a través principalmente do seu Consello Social, ao que pertencen en calidade de membrxs altos cargos da Cámara de Comercio da Coruña, de Begano, de Deloitte, de Proamar ou de Eurotalent, ademais de media ducia de políticos profesionais relacionados co mundo empresarial- que terían capacidade para incidir, dende na confección dos plans de estudos, á supervivencia de certas titulacións -lembremos a intención do ministro Wert, de eliminar as carreiras que “no cumplan el estándar de eficiencia”- e, como xa referimos antes, á investigación universitaria.

A máis abondamento, podemos afirmar que non se sostén, en absoluto a argumentación da austeridade económico, pois ben podería o goberno tomar toda outra serie de medidas que reducirían o déficit público que tan amargados ten aos ministros de Rajoy, coma por exemplo, eliminar os beneficios fiscais á Igrexa Católica, subir o imposto de patrimonio, gravar ás grandes fortunas, aumentar os impostos por herdanza... estas medidas evitarían que o conxunto da poboación padecese a redución de un maltreito Estado de Benestar e aliviarían a condena á precariedade que pende sobre toda unha xeración de xóvenes que xs sociólogxs xa non teñen pudor en calificar coma “xeración perdida”. Pero é que ademais toda esta verborrea posta en marcha tanto en círculos mediáticos coma institucionais e que pretenden “punir” á poboación universitaria é unha clara mostra do conflito aberto entre dous modelos de educación, entre dúas formas de entender o coñecemento, os seus centros e a sociedade da que fan parte. Quen comprenda o saber coma un proceso libre de inxerencias interesadas e polo tanto lonxe de toda lóxica mercantil, coma un proceso cuxa intención debera ser potenciar e garantir a liberdade dos individuos dificilmente pode comulgar coa visión mercantilista dunha universidade cada vez máis orientada ao mercado laboral e aos beneficios das grandes corporacións. En definitiva, partimos dunha confrontación entre dúas perpectivas antagónicas; a vella contradición marcussiana dunha sociedade ao servizo do sistema ou un sistema ao servizo da sociedade. Que no ámbito académico se traduce así: a Universidade; un espazo de mera reprodución do social, ou un espazo de innovación, crítica e cuestionamento por medio do coñecemento?

En resumo, a Universidade, parafraseando o título do libro colectivo editado por Traficantes de Sueños, áchase en conflito: nela está a xermolar un novo modelo neoliberal da Universidade, no que se encadran os últimos cortes -cristalizados no Real Decreto Lei 14/2012, que, entre outras medidas, afonda na precarización dos postos de traballo da educación pública, aumenta o gasto dxs estudantes por matrícula e consolida un grande corte no financiamento público da Universidade-, que pretenden deslastrar o seu vencellamento co público para facela depender da economía privada. Quen se opoñen a esta lacra propugnan unha Universidade ao servizo da sociedade e non do capital, unha Universidade plural, crítica e de cualidade. Non é atrevido afirmar que neste momento de crise, non só económica, senón tamén política, a batalla na Universidade é unha peza chave dos movementos que pretenden o cambio social.



No hay comentarios:

Publicar un comentario