10 jul. 2012

Hoxe a inxusta "xustiza" sorpréndenos menos arbitraria que de costume

Dúas noticias relacionadas cos tribunais, aparecidas nos últimos días, rompen coa triste tónica xeral de tan nefasta institución: Por unha banda a sentenza do tribunal de Estrasburgo que cuestiona a chamada "Doutrina Parot", que alongou as penas de moitos presos condenados por terrorismo ao aplicar retroactivamente un novo computo das reducións de pena; e doutra parte pola noticia de que catro mossos d'esquadra acusados de torturas ingresarán finalmente en prisión malia o indulto parcial con que o goberno pretendeu libralos dela.

Pois sí, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou ao estado español a pagar 30.000 euros de indemnización e 1500 de costas xudiciais á presa vasca Ines del Rio, así como insta á súa pronta liberación, pois entende que a aplicación da "Doutrina Parot" sobre a súa pena alongou en nove anos o seu cativerio.

Este é un forte revés á decisión do Tribunal Supremo (avalada máis tarde polo Constitucional) de aplicar as reducións de pena aos presos por terrorismo con condenas maiores de 30 anos sobre cada unha das súas sentenzas en lugar de sobre o máximo legal de anos de prisión, como se facía antes. Malia que o Tribunal de Estrasburgo entende que os estados son libres de modificar a súa política penal, considera que isto non se pode facer de forma retroactiva despois da comisión dos delitos, e menos aínda sen unha lei que o avale.

Contra este fallo do TDH, que insta ao estado español a poñer en liberdade a esta ex membro do comando Madrid de ETA presa dende o ano 1987, «no prazo de tempo máis breve posible», o goberno español xa anunciou que interpoñerá recurso.



Por outro lado, e sen ter máis que ver co antes exposto en que as dúas son sentenzas xudiciais, a audiencia de Barcelona confirma a orde de ingreso en prisión de catro mossos d'esquadra condenados por torturas e lesións a un cidadán romanés en 2006. Malia que o goberno pretendeu libralos do talego concedéndolles un indulto parcial, que deixaba a súa condena en dous anos de prisión (supoñendo que dese xeito non terían que cumprir carcere), os maxistrados ratifican a súa decisión; denegando mesmo a posibilidade de que os madeiros conmutasen as súas penas por multas ou traballos sociais.

Non aplaudimos, evidentemente, nin estas sentenzas nin ningunhas outras, anoxados como estamos da mesma esencia arbitraria e liberticida da súa mal chamada xustiza. Pero non todo sempre son malas noticias, ás veces algúns miserables vense obrigados a beber da súa propia medicina. Si, a democracia lavando a cara, pero pola sucidade que se quita non sentimos pena ningunha.

Artigo elaborado por C.R. con información da prensa comercial e de:
-Tokata (AQUÍ) sobre a sentencia do TDH
-A páxina de Nais contra a impunidade (AQUÍ) sobre o dos mossos

No hay comentarios:

Publicar un comentario