Agora que volve estar de actualidade o fortalecido movemento okupa coruñés,tra-lo recente asalto ò xigantesco edificio do antigo internado femenino das Oblatas, cobra interese facer un pequeno repaso da historia da okupación na cidade; un paseo que comeza na Okupa da Ría, pasa pola Casa das Atochas e continúa polo fío invisible da asamblea de okupación que remata nos acontecementos actuais.
É obvio que houbo vivendas okupadas dende sempre, pois mentres esteamos sometidos á arbitrariedade da desigualdade social haberá quen se abasteza pola forza daquelas necesidades que a sociedade negalles; pero a historia da okupación en coruña, a okupación con "k" (a apropiación ilegal de inmobles coma reivindicación política e ferramenta de transformación social) ten a súa orixe na "Okupa da Ría" a comezos da decada dos noventa do pasado século. Houbo varios intentos anteriores, pero non foi ata a okupación da torre Bescansa, erixida imponente sobre a beira oleirense da ría coruñesa, que as tentativas cristalizaron nun proxecto concreto e perdurable.
O activismo social da okupa oscilou ó longo dos seus 9 anos de historia, o mesmo que os habitantes da mesma, pero é inegable que os múltiples concertos que nela se realizaron dinamizaron a axenda cultural alternativa coruñesa, así como financiaron múltiples colectivos e iniciativas sociais.
O beneplácito do concello de Oleiros , ou polo menos a falta de belixerancia do mesmo, non impediu que os intereses especulativos, unha vez fixado o seu pérfido obxectivo nos golosos terreos que circunvalaban o inmoble, remataran por acadar o desaloxo da okupa con máis ben escasa resistencia por parte dos seus habitantes.
Despois chegoulle o turno á "A Toxeira", tamén situada no concello de Oleiros, pois non sería ata "A Casa das Atochas" que unha okupación profanase o chan do término municipal coruñés. Okupada nun primeiro momento pra realizar unhas xornadas anarquistas, conseguiu prolongar a súa existencia coma vivenda aínda durante bastantes meses máis, pero un desaloxo completamente ilegal , aínda que validado máis tarde pola "xustiza", puxo fin a tan pouco ortodoxa morada.
As dúas seguintes okupacións foron no veciño concello de Arteixo: "Las ruinas" e "la cúpula del trueno", ambalas dúas adicadas exclusivamente á realización de concertos, ficando baleiras ó tempo que non estaban ocupadas neste menester. Este feito quizais facilitou a desaparición dos dous proxectos unha vez que os intereses económicos fixaron o seu codicioso ollar enriba deles.
Tras dous anos de sequía social na cidade herculina, e fraguada durante case un ano de asambleas entre moitas persoas e colectivos de diversas tendencias, "A Casa das Atochas" fixo a súa gloriosa aparición en marzo do 2008. Esta mítica okupación, quizais a máis prolífica en canto a actividades e iniciativas no entorno coruñés, acadou un apoio social e participación cidadá sen precedentes ata o de agora.
Outras dúas okupas compartiron camiño coas Atochas nese período, "La hoguera" e "A okupa de arriba" (aínda en actividade), ambas maioritariamente utilizadas como vivenda aínda que non foron poucas as veces que serviron de plataforma pra proxectos máis sociais.
Tralo desaloxo da Casa das Atochas, moito máis conflictivo que os dos seus precedentes, unha profetica pintada alertaba dende os muros do antigo centro social: "Isto só é o comezo".
Chegados a este punto habería, quizais, que explicar unhas cantas cousas pra entender con exactitude as circunstancias que rodearon o recente asalto ó internado das oblatas:
O primeiro que habería que comentar é que xa antes do desaloxo das Atochas, cando comezaba a precipitarse o final da súa existencia, convocouse unha asamblea máis ou menos aberta a distintos movementos sociais e individuos da cidade co fin de preparar un novo proxecto de okupación independente e autónomo do que estaba a piques de sucumbir a voracidade urbanística. Esta asamblea mantivo a súa actividade durante os meses que seguiron o desaloxo das Atochas, cristalizando as súas pesquisas e debates en duas tentativas fallidas antes de ver culminada con exito (al menos polo de agora) un dos seus operativos. Na primeira destas fracasadas intentonas a policía estaba ó corrente da iniciativa dos okupas, agardando camuflados ante a porta á entrada na casa, o que frustrou a tentativa (afortunadamente sen ter que lamentar detencións). Este feito motivou un considerable incremento nas medidas de seguridade da asamblea que evitaron novas filtracións (polo menos aparentemente). O seginte proxecto foi desbotado, xa unha vez dentro do inmoble, por motivos que non ven o caso explicar aquí.
Os hermetismo dos proxectos e actividades da asamblea okupa coruñesa rompeuse o dia seguinte da entrada no edificio das oblatas, o que probablemente motivou que no primeiro momento de entrar en contacto co guardés da finca (co que, por certo, os okupas atopanse en moi boas relacións)este viñese acompañado de dous policías de paisano que atopara na porta (que el non chamara) que, no canto de dicir nada ós activistas, taparon a cara e marcharon correndo, deixando o tema das identificacións para unha patrulla de uniformados que chegou 20 minutos máis tarde.
Dende entón non pararon os traballos de acondicionamento do edificio e os seus terreos colindantes, así coma o enriquecemento da súa asamblea con novos participantes dispostos a dar vida a tan subversivo proxecto.
Todos estes traballos cristalizarán por primeira vez nas xornadas que darán comezo este fin de semana. Despois do pistoletazo de saida dun tranquilo pase de videos o vindeiro venres, o sabado concentrará un xantador popular vegano, actuacións teatrais e un concerto acústico de "Folkolicos" e "Bitxobola" que servirán de preludio de unha semana que promete estar preñada de actividades, palestras, concertos e rebeldía. Dende aquí desexamos unha longa vida a este espazo recuperado das especuladoras mans dos banqueiros de Novacaixagalicia, pra convertilo en ferramenta do anticapitalismo, o antiautoritarismo e a loita social.
Se vivir é un luxo, okupar é un dereito.
Okupa e resiste!!!!!
C.R.
3 ago 2011
Un repaso pola historia recente da okupación en Coruña
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario