30 jun 2011

Grecia aproba novos recortes no medio dunha folga xeral e de durísimos disturbios

O parlamento grego aprobou onte, e implementará hoxe, un novo paquete de medidas que recortarán aínda máis o seu xa mermado estado de benestar, mentres a poboación arremete nas rúas contra os axustes nesta segunda xornada consecutiva de folga xeral que remata cun saldo de 43 detidos, máis dun centenar de hospitalizados e inumerables feridos.
As medidas aprobadas, que inclúen novos recortes dos gastos sociais e privatizacións de empresas públicas, responden á chantaxe do F.M.I. e o Banco Central Europeo pra desbloquear as novas partidas de fondos que, baixo a denominación de “axuda” ou “rescate”, non ten outro fin que garantir o pago das débedas á banca internacional e evitar o contaxio doutras economías en risco. Todo o mundo da por sentado que estas non serán as derradeiras medidas de axuste que o goberno grego terá que aprobar pra congraciarse coa banca e máis a Unión Europea, pese a que máis do 80% da poboación está radicalmente en contra dos axustes, coma quedou patente estes días cos fortes e multitudinarios disturbios nas rúas.
Os antidisturbios, así como as forzas especiais DELTA e DIA (motociclistas), tiveron que empregarse a fondo pra rompe-lo bloqueo ó que os manifestantes tiñan sometido ó parlamento, o que ocasionou o retraso da sesión. As barricadas e as liortas nas rúas extendéronse por toda a cidade de Atenas mentres que as protestas sucedéronse en todo o territorio grego.
Os medios comerciais falan de 700 persoas que precisaron asistencia debido ós gases na praza Syntagma, fronte ó parlamento, así como de 181 persoas atendidas de urxencia dos que 56 serían policías. O número de detidos facilitado polas autoridades a día de onte sería de 43, índa que hoxe continúan as protestas posto que o parlamento ten que votar o proxecto de lei que acompaña ás medidas de austeridade aprobadas.
O forte seguimento da folga xeral semella que paralizou durante dous días a economía do país.


Moita da información coa que se elaborou esta nova é dos diversos medios empresariais, pero podedes atopar unha extensa cronoloxía na web contrainformativa “Contrainfo”: en portugués –aquí e en castelán –aquí.

C. Ribas

1 comentario:

  1. JAJAJAJAJAJAJAJAJA NON PODE SER VERDADE

    http://vozcomoarma.blogspot.com/2011/07/un-poli-griego-pierde-un-dedo.html

    ResponderEliminar