Texto chegado ó noso correo xunto coa convocatoria dun acto informativo contra o cumio da OTAN en Lisboa, organizado polo Espazo Aberto Antimilitar, que terá lugar o sábado 20 de Novembro ás 18:00h en Vigo, no cruce das rúas Colón con Príncipe (na foto un mural aparecido recentemente en Vigo):
Coincidindo coa celebración do cumio en Lisboa da organización militar que leva por nome OTAN queremos manifestar:
Desde a fin da chamada Guerra Fría, dito organismo reinventouse a si mesmo como unha ferramenta para a acción militar da intitulada “comunidade internacional”. Porén, trátase dun medio de natureza exclusivamente militar co obxecto de arbitrar medidas excepcionais en caso de conflito armado. A OTAN foi ideada polos Estados Unidos de Norteamérica para un fin moi concreto –a guerra- e conta con bases militares por todos os continentes, ninguneando o control da ONU e mesmo do dereito internacional, acelerando a militarización da sociedade e incrementando o gasto en armamento dos respectivos gobernos aliados. Aspecto a ser tido moi en conta xa que os países da OTAN representan o 75% dos gastos militares a escala planetaria.
En Europa a OTAN está agravando tensións que se crían superadas, alimentando a carreira armamentística con toda clase de útiles de combate, un enorme arsenal nuclear e unha industria militar en constante evolución. Non é un secreto para ninguén que as políticas da UE están cada vez máis vencelladas ás necesidades da propia OTAN. A potencial expansión da Alianza Atlántica a Europa oriental e incluso alén ou as coñecidas como operacións “fóra de área”, están a facer do mundo un lugar inhóspito. Cada avance da OTAN en materia de coalicións aumenta o risco de guerra, incluído o perigo dunha confrontación nuclear.
Máis o escenario bélico non se debuxa tan só fora das fronteiras da UE ou dos EEUU. No informe “Operacións urbanas no ano 2020” da OTAN simulase unha intervención da organización militar nun teatro de operacións no que as “cidades de interese estratéxico” non son nin Teheran nin Islamabad, se non cidades do Estado francés. Os resultados da inconsciencia desta sociedade están acumulándose ata chegar a por en perigo a súa propia seguridade material, a cal supuña a súa única xustificación, deixando un rastro de podremia e miseria no seu propio centro orgánico. O informe apunta que baixo a perspectiva do suposto desenvolvemento dunha guerra asimétrica o control preventivo e a represión dos conflitos sociais volveranse cada vez máis prerrogativas dos exércitos. A intervención militar do Estado francés perante as revoltas da periferia parisiense no ano 2005, a aprobación da intervención das forzas armadas mediante decreto lei no contexto da “crise do lixo” do Estado italiano no 2008 ou a actuación do exercito grego durante as folgas deste derradeiro ano demostran a seriedade dos pasos dados por a clase dominante neste camiño.
Polo que respecta ao Estado español, dende a súa incorporación á OTAN mediante a farsa dunha consulta popular no ano 1986, áchase supeditado aos intereses xeoestratéxicos da Alianza, eludindo calquera tipo de responsabilidade -individual ou colectiva-, ben sexa no despregue de tropas alí onde se precisen: Afganistán, Líbano, Somalia, Forzas de Resposta da OTAN, ben facilitando recursos loxísticos (espazo aéreo, subministros), ben coa venda de armas a países en conflito (Israel) ou opresores dos seus propios pobos (Marrocos, Arabia Saudí, Colombia, Turquía). Todo isto baixo o pretexto da seguridade internacional e o reforzamento dunha falsa idea de democracia.
No seu próximo cumio, en Portugal, a OTAN tomara decisións sobre unha nova estratexia. A nova táctica incluirá a continuación da guerra en Afganistán, as intervencións contra outros países, a expansión cara Oriente e o Norte e a continua instalación de armas nucleares. A ameaza mais considerable é que a utilización e modernización do armamento nuclear continuará a ser unha parte central da nova estratexia.
Para mellor acadar o noso obxectivo, en tanto que Espazo Aberto Antimilitar, rexeitamos as fórmulas militares á proliferación de crises territoriais, entendendo que estas son parte do problema non parte da solución. Negámonos a vivir baixo o terror permanente da ameaza nuclear e dunha outra carreira de armamento. Temos a obriga de eliminar os gastos militares, empregando tales recursos a satisfacer as necesidades humanas máis básicas.Pularemos por pechar todas as bases e estruturas militares que dan cobertura a intervencións de carácter bélico. Aliás, debemos desmilitarizar as relacións entre pobos para así establecer novas formas de convivenza baseadas na solidariedade e no apoio mutuo.
Espazo Aberto Antimilitar, 2010.
Máis información neste enlace:
http://prod.galiza.indymedia.org/gz/2010/11/24674.shtml
Ademais mural contra a OTAN en Vigo:
http://nonaogastomilitar.org/content/mural-agora-e-sempre-otan-non
17 nov 2010
Sábado 20 - Acto de rúa contra o Cumio da OTAN, Lisboa 15-21 nov (Vigo)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario