4 sept 2014

Garzón: a gran estafa

Deixamos aquí este texto que revela a verdadeira cara do xuiz máis progre do circo mediático. Dende Abordaxe traducimos o orixinal recollido do blog pedradasvarias.blogspot.es (-AQUÍ).


Nos últimos anos asistimos a ducias de concentracións e mostras de apoio do máis variado a favor do xuíz Baltasar Garzón. Tanto apoio por un xuíz é un feito sen precedentes en España e na maioría dos países da UE, pero a súa suposta grande imparcialidade e a súa defensa dos dereitos humanos parece merecela.

Analizando os feitos, vemos que Garzón, efectivamente, foi un gran defensor dos dereitos humanos pasados, cando os crimes xa foran perpetuados hai décadas e os criminais xa caeran en desgraza: atacou a Pinochet cando este xa cumprira os 83 anos e non era máis que un vello chocho ao que todo o mundo odiaba no seu país, actuou contra os funcionarios arxentinos que actuaron na ditadura de Videla con máis de 20 anos de atraso, así como contra os asasinatos durante a ditadura franquista de hai máis de 50 anos e cos criminais xa criando malvas hai tempo. Chama a atención que xusto saca esta investigación cando a "esquerda" política o usaba como arma política e saía todas as semanas nos telexornais, por que non escoitou as miles de denuncias e solicitudes que os familiares das vítimas mandaban todos os anos dende que se instaurou a "democracia"? Está claro que se non é un tema mediático ao noso xuíz non o indigna tanto. ¡ ¡ ¡ Por pedir ata pediu o arresto de Osama bin Laden!!!! Coma se fose necesario un auto seu cando xa fora declarado o inimigo público n.º 1 para os EE.U.U.

A súa megalomanía e o seu ego enfermizo é aceptado ata por moitos dos seus defensores, pero ese é un mal menor que compensa coa súa gran profesionalidade, independencia e rigor. Rigor que non lle impediu absolver a varios directivos do Banco Santander da apropiación indebida da SCI Xestión en novembro do 2006, xusto cando acababa de volver de Nova York despois de dar uns cursos na universidade financiados polo propio Banco Santander. Ese mesmo rigor demostrou cos GAL e demais grupos terroristas dirixidos polo goberno español ( Batallón Vasco Español, Alianza Apostólica Antiterrorista, Antiterrorista ETA, etc.) que comezou no franquismo e durou ata o 87, pero Garzón non viu as evidentes conexións entre os asasinatos terroristas e o goberno do PSOE ata os meses anteriores ás eleccións do 96 (os que supuxeron o fin do goberno de Felipe González), curiosamente, acababa de deixar o PSOE por segundo el, "a actitude pasiva do presidente Felipe González fronte á corrupción", aínda que sempre foi un segredo a voces que se enfadou porque non lle concederon o Ministerio de Interior que o desexaba.

Outra mostra máis témola no seu cargo de xuíz da Audiencia Nacional (un dos tribunais máis politizados do noso sistema xudicial) e a famosa cazaría xunto ao Ministro de Xustiza do goberno socialista, Mariano Fernández Bermejo.

Por se alguén tiña aínda dúbidas da súa "imparcialidade" política, despois veu a autorización ás gravacións ilegais do caso Gurtel, nas que se gravou a conversa dos detidos cos seus avogados na prisión, levando a extremos absurdos a indefensión dos presos. Este feito só se pode xustificar dende o interese que tiña o PSOE na devandita investigación, xa que cos delincuentes de luva branca é absurdo intentar pillalos infrinxindo a lei, iso só cuela cos presos comúns ou politicamente incorrectos.

Todos estes datos poderían pasar por unha simple broma macabra se non fose polo que vén a continuación: como xuíz da Audiencia Nacional centos de presos etarras, do PCEr, do GRAPO ou simplemente comúns, prestaron declaración fronte a el co corpo desfeito despois de 5 días de brutais malleiras. Malleiras imposibles de probar xudicialmente, pero despois de ver as imaxes de Unai Romano no 2001 e a ausencia de denuncias por parte do médico forense e do xuíz responsable, parece imposible negar a verosimilitude das denuncias dos detidos. Denuncias nas que se relatan agresións de todo tipo, humillacións, simulación de asasinatos, ameazas cara a familiares e amigos, electrodos, a bolsa, a bañeira e unha morea interminable de atrocidades. Sempre haberá algún ben pensante que as intente negar, pero entón, por que a Lei Antiterrorista permite que os detidos estean 5 días en dependencias policiais antes de pasar ante o xuíz? Por que tantos detidos declaran en comisaría cando todo o mundo sabe que é máis aconsellable declarar directamente ante o xuíz e en presenza do teu avogado? Por que tanto ocultismo coas detencións? Por que se nega a presenza dun avogado de confianza e só se concede un avogado de oficio chamado polos propios policías? Por que non se permite a presenza dun médico de confianza cando se solicite en lugar do médico forense que traballa na comisaría? Por que non se leva ao detido directamente ante o xuíz como xa reclamaban os partidarios da Fronte Popular hai 80 anos? Por que non se escoitan os informes de Amnistía Internacional no que se afirma que en España se dan as circunstancias necesarias para que exista a tortura? Demasiados interrogantes e ningunha resposta. Unha salvaxe violación dos dereitos humanos tan doadamente evitable e neste caso, o noso xuíz, o superheroe, o defensor dos represaliados e das causas perdidas, non só non investiga nada, senón que se nega a declarar as brutalidades presentadas ante os seus propios ollos.

Outros dos grandes logros deste gran "demócrata", foi a destrución do pouco que quedaba de democracia neste país. Este xuíz foi o abandeirado da ilegalización de partidos políticos, primeiro Herri Batasuna, despois PCTV, partido que despois de presentarse ás eleccións autonómicas do 2005, foi ilegalizado no 2008 sen a máis mínima xustificación de tipo xurídica (a causa foi a ruptura do acordo de paz entre PSOE e ETA tras o atentado de Barajas), así como xornais como o Egin e Egunkaria (periódico en euskera moi reformista co que ningún etarra se podía identificar) ou o brutal ataque contra Pepe Rey, o mesmo que escribe "Garzón, a outra cara" e é, aos poucos meses de publicar o libro, procesado por Garzón (que grande exemplo de imparcialidade!) acusado de pertenza a banda armada, parece ser que sinalaba os obxectivos a ETA, pero non en reunións privadas senón publicándoo no diario o Egin!!!! A aberración foi tan grande que tiveron que poñelo en liberdade. Tamén rexistrou varias sedes da Coordinadora de Alfabetización e Euskaldunización de Adultos???!!!! arrestando ao seu tesoureiro, a estación radiofónica Egin Irratia, así como organizacións xuvenís, xestoras, pro-amnistía, avogados, organizadores e colaboradores en mitins politicamente incorrectos, simples camareiros de herriko tabernas e unha morea de etcéteras.

Non contento coa criminalización de todo o espectro abertxale, tamén foi o pioneiro na persecución do movemento libertario, que a pesar de non ter ningún asasinato entre os seus membros non se librou da súa suposta conexión cos etarras nalgún caso concreto (ver caso de Laura Riera, militante da CGT) ou de forma xeneralizada cos comunistas, un auto do xuíz Garzón do ano 2003 dicía que a Cruz Negra Anarquista pertencía ao aparato de captación da organización PCE-r-GRAPO sen mostrar a máis mínima proba. Acusación que pode parecer anecdótica porque estamos afeitos a ese tipo de procesos na televisión, pero que xerou o pánico en moitos rapaces que xamais pensaron estar no punto de mira da Audiencia Nacional.

Todo isto fai do xuíz Baltasar Garzón, o xuíz que máis fixo por esnaquizar a independencia do poder xudicial (supoñendo que algunha vez a tivese), convertendo a xustiza nun circo político no que os pallasos toman as resolucións que máis favorecen o seu partido político (PSOE) ou os seus vendettas persoais (GAL), criminalizar todo movemento de oposición real do réxime independentemente da súa ideoloxía ou da súa forma de combater o sistema, atemorizando a miles de cidadáns que de forma altruísta loita polo que creen. Cando os progres se manifestan en favor de Garzón, co encefalograma plano, incapaz de soster a máis mínima opinión propia, están a colaborar coa tortura, o crime, a destrución de todas as liberdades constitucionais e a destrución dos únicos fíos que aínda mantiñan a aparencia democrática para os máis inxenuos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario