27 sept. 2014

Campaña contra-incendios 2014: cada ano peor

A campaña contra os lumes forestais está a piques de rematar, consumando a malversación de fondos realizada dende o ministerio. A utilización das subvencións destinados á prevención para financiar os soldos do persoal de extinción permitiulles estafarlle a europa millóns de euros... e aos galegos unha prevención eficaz. E todo isto ante a pasividade cómplice duns sindicatos amestrados que consenten todo o tinglado a cambio de negociar vantaxes exclusivas para os seus delegados. Un verán excepcionalmente chuvioso garantiralles a impunidade do saqueo.

Este verán apenas rexistráronse incendios forestais en Galicia. Un feito que non ten outra explicación que as circunstancias clímáticas inusualmente chuviosas que padecemos durante a tempada estival. Isto será seguro manipulado polos nosos gobernantes para colgarse medalliñas sobre a eficacia do dispositivo antiincendios despregado e das políticas desenvolvidas dende o ministerio. Pero a triste realidade é que, a menos que a conselléira teña a asombrosa capacidade de invocar a chuvia, a única responsabilidade lle corresponde a unha meteoroloxía anormalmente húmida que obrigou @s amig@s do mecheiro (que, como as meigas, abel@s hail@s... e moit@s) a quedar coas ganas.

Este feito climático afortunado, polo menos en canto aos nosos bosques refírese, outorgará impunidade aos escuros enredos da consellería de Medio Rural; que malia realizar unha campaña antiincendios extremadamente deficiente e fraudulenta, poderán venderse ante a opinión pública como excelentes xestores en materia forestal.

O certo é que o dispositivo antiincendios non podería ser peor: cos seus efectivos diseminados en multitude de empresas e organismos diferentes (cuadrillas da Xunta, dos concellos, de SEAGA, de NATUTECNIA e de TRAGSA, aos que se suman os militares da UME, os bombeiros e a Protección Civil, todos facendo o mesmo traballo pero con condicións laborais e salariais do máis dispares), coa consolidación da privatización de gran parte do servizo e cunha campaña de prevención practicamente inexistente.

É deste último punto do que me gustaría falar hoxe especialmente, posto que os fondos europeos destinados a este fin foron desviados para sufragar os gastos da campaña de extinción. E como fixeron isto? Pois moi sinxelo, realizando os traballos preventivos de roza forestal durante o verán, e facendo que sexa o persoal destinado a apagar lumes @s que realicen este traballo, deste modo aforran ter que pagar os soldos d@s rozadores/as. Por suposto os prezos aos que presupostan a hectárea desbrozada están hinchadísimos, para poder sacar do asunto suculento beneficio. Por se alguén non se decatou, vou explicar ben explicadiño cual é o problema de facer a prevención durante o verán, porque non se trata só de que se aforran os soldos do persoal de inverno, que tamén (en vez de contratar a xente tres meses en inverno para prevención e outros tres en verán para extinción, os obrigan a facer todo á vez durante a campaña de incendios e tan ricamente, iso que aforramos pagando soldos a custa de precarizar aínda máis @s traballador@s!); pero é que o problema máis grave vén de que NON TEN NINGÚN SENTIDO FACER A CAMPAÑA DE PREVENCIÓN DURANTE O VERÁN. O lóxico e o normal é facer a campaña preventiva ANTES da tempada de alto risco (de aí o de PRE-vención), para que cando chegue o perigo o monte estea en condicións de resistir as vagas de lumes foresatais, cos seus cortalumes preparados, os seus camiños rozados e eliminada a maleza nas zonas estratéxicas para impedir a rápida difusión das lapas. Se se empezan a realizar estes labores preventivos cando chega a tempada de incendios, non só non servirán para previr, posto que non estarán rematados os traballos cando sucedan, se non que ademais deixarán grandes cantidades de combustible orgánico froito dos restos secos da roza nos lugares de maior perigosidade. É por isto que é evidente que a realización durante o verán dos labores preventivos non ten ningunha outra aplicación práctica máis alá da de estafarlle a europa o diñeiro das subvencións e usar estes cartos para os labores de extinción aforrando o custo da campaña.

Ademais, polo menos no caso de SEAGA, gran parte dos labores de suposta prevención antiincendios que se realizan durante a campaña non teñen en realidade para nada esta finalidade, posto que se trata máis ben de realizar traballos de mantemento en masas forestais destinadas á produción madeireira que, probablemente, lles reporten a eles beneficios adicionais.

Así que non só están a obrigar @s traballador@s antiincendios a quitarse a si mesm@s o traballo, realizando os labores que antes se facían en inverno durante o verán, se non que lle están a furtar a Europa as subvencións para un traballo que non se realiza e que, ademais, se lle cobra a un prezo exorbitado (2.250 euros por hectárea) e, o peor de todo, están a deixar os montes galegos sen a prevención adecuada ante unha nova vaga incendiaria que, como no ano 2006, asole os nosos bosques.

E ante todo isto, que fan os sindicatos?

Nada, ou peor que nada, negociar as súas propias prebendas. No caso da empresa pública SEAGA, onde máis do 90% dos seus traballadores, que son fixos discontinuos, están contratados exclusivamente durante os meses do verán (xa que agora non os contratan en inverno para fins preventivos como facían antes), practicamente @s únicos que traballan durante o inverno son... @s delegados sindicais! Así mesmiño, en lugar de negociar traballo para tod@s durante o inverno hai anos que se arrogaron para el@s mesm@s este beneficio (cando chega un/unha nov@ a representante sindical denuncia e a traballar todo o ano!). Pero como lles debía de parecer pouca traizón @s traballador@s negociar no seu nome mentres el@s traballan doce meses e @s demais só tres, este ano, que había eleccións sindicais, lanzáronse xusto antes destas ás manifestacións e ás protestas. Todo moi bonito e moi reivindicativo pero, unha vez conseguiron o seu pequeno puñadiño de votos non se lles volveu ver o pelo! As súas promesas de futuras folgas, de protestas, de negarse a desbrozar e outras mil heroicas reivindicacións con que adornaron as súas campañas esfumáronse tan rapidamente como rematou o reconto de votos das eleccións sindicais.

Pouco importou que este ano as condicións para realizar esixencias fosen idóneas: a mobilización d@s traballador@s dalgunha brigada helitransportada que conseguiron eco mediático, a denuncia do concello de Noia ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia das irregularidades cos fondos europeos das que xa falamos antes, o feito de que a condición de fix@s discontinu@s recentemente adquirida dificulte as represalias, a evidencia de que se hai presupostados traballos de prevención só sería cumprir a legalidade conseguir o dereito a que se realicen durante o inverno... aos representantes sindicais todo isto súdalla, o único que negociaron coa empresa foi que se lles compensasen os festivos traballados durante o verán con... días libres durante o inverno! Ou sexa que unicamente eles, que traballan todo o ano, se poderán beneficiar desta medida, mentres que ao resto do equipo esta "concesión" lla trae ao pairo.

Pero a quen lle sorprende, á fin e ao cabo o privilexio de traballar todo o ano non o regalan, trinta moedas de prata que hai que agradecer coas orellas gachas e a boca pechada. Cun pouquiño de sorte algún outro óso caerá cando consigan tranquilizar a próxima reacción de indignación que suscite o seguinte recorte nas condicións laborais d@s seus/suas compañeir@s... e na saúde e a conservación do noso ecosistema.

E así están as cousas, cunha consellería de Medio Rural exultante cos resultados dunha campaña desastrosa que lle debe o seu final feliz ás condicións meteorolóxicas; cun servizo antiincendios cada ano máis disgregado, precarizado e privatizado; cunha prevención inexistente que, con cartos europeos, suple o presuposto destinado á extinción do lume nos nosos montes; cunha denuncia ante o TSXG que con toda seguridade quedará en auga de borraxes e cuns bosques cada día peor xestionados que, no momento menos pensado, volverán ser pasto das lapas. Así @s políticos mercachifles de toda pelaxe e @s seus esbirr@s sindicaleir@s se poderán divertir cruzándose reproches e arrimando cada cual, e en exclusivo beneficio propio, o ascua á súa sardiña. E despois da tempestade todo volverá ser igual... ou quizais moito peor, a menos que un día destes @s mandemos a tod@s a tomar por saco.

C.R. para Abordaxe

1 comentario:

  1. Boas compañeiro,eu traballo nunha brigada da Xunta de todo o ano e son afiliado da CNT, digoche isto porque despois de leer o teu artigo penso que non entraches na problemática grave do sector, isto e, a amenaza de privatización de todo o servizio, a posible reestructuracion do servicio que vai consistir en convertir as brigadas de 7menbros en 5, a non contratación de personal, a amortización continua de prazas, a non sustitución de baixas nin xubilacions etc etc, no que si acertas de cheo e no papel dos sindicatos tanto na privada como no servicio e dos seus avergonzantes comités de empresa, pero eso a min tampoco me extraña moito e o de sempre, de todolos xeitos da gusto encontrar xente que pensa doutro xeito, pois eso compañeiro saude e monte!

    ResponderEliminar