8 ago. 2014

Violencia x La Colectividad

Traducimos este texto asinado por "La Colectividad" e que traducimos da web Regeneración Libertaria:

“El temor de que el movimiento anarquista asentado en nuestro país retome su campaña de violencia ha crecido exponencialmente en los últimos días”El Mundo (27/07/2014)

Noxo de prensa burguesa que soamente busca perpetuar a dominación e explotación dende a súa tribuna podrecida por tanta autoridade moral. Nada bo pode saír dos seus salóns, así que non te fíes das súas (des)informacións, das súas recomendacións culturais, nin tan sequera das súas receitas de cociña. Publicarán o que beneficie á clase dominante e o seu sistema de escravitude. Falarán de anarquistas terroristas ou novos perigosamente armados (con cerebros, diría eu!). Falarán de tal ou cal proxecto de lei coma se os políticos e os Congresos pensasen na xente que lles vota (pensan neles cando se achega a hora de meter o ditoso papelito na urna). Falarán da policía como a compañía sacrosanta encargada de velar pola seguridade de todas as persoas (méxome). En definitiva, presentaranche unha realidade perturbadora, maléfica, e ameazadora da que soamente a orde, a lei, e aquelas persoas que velan por estas cousas son capaces de salvagardarte (física e moralmente).

Non dirán que a violencia xera familias desafiuzadas, que a violencia vive na esencia das hipotecas bancarias e, con máis visibilidade, na acción física dos pallasos con placa e pistola que che tiran a porta e te sacan ás malas. Non dirán que a violencia se aloxa nesa casa de bufóns chamada Congreso, onde unha elitista minoría elixe outra elite aínda máis minoritaria que decide sobre o futuro e as vidas de millóns de persoas. Non dirán que a violencia impregna todas e cada unha das letras das firmas deses bufóns tan prestixiosos que se gañan a vida a custa da suor e sangue do resto. Non dirán que os mesmos leóns que gardan o Congreso están feitos cun material que supura pura violencia. Non dirán que o barrio no que se decide gran parte da política desta parte da Península respira o violento fedor da xentrificación e o "desenvolvemento" capitalista. Non dirán que os coches de gama alta que conducen eses gorilas con lentes de sol e pinganillos nas orellas foron fabricados a base de violencia e explotación. Para que falar do material que os propulsa, extraido a base de violencia contra o planeta e o futuro da nosa especie, mesmo promovendo absurdas guerras contra pobos tan inocentes que un se pregunta se é que realmente os seres humanos son intelixentes.

Tampouco te dirán que a violencia adorna os estantes coloridos dos supermercados, tan cheos de marcas vistosas, produtos novidosos, e ofertas mega-fantásticas. Ou que a violencia flúe pola megafonía comercial dos grandes almacéns para controlar os teus desexos consumistas e ditarche o ritmo ao que debes camiñar. Non dirán o violento que é ver soamente persoas brancas nos telexornais dun país que debe tanto a persoas doutras latitudes. Non dirán que a súa linguaxe é noxentamente violenta para coas mulleres, coma se o xeral e positivo fose de xénero masculino e o negativo e lascivo de xénero feminino. Non dirán que a publicidade dos seus programas de televisión, ou os anuncios imprimidos nas páxinas dos seus xornais levan integrada a violencia dun sistema que chupa a vida a persoas explotadas. Non dirán que poder escoller entre Pepsi e Coca-Cola non é nin liberdade, senón escravitude en botellas de plástico. Non dirán que todo o entretemento estúpido ao máis puro estilo romano do "pan e circo" é violencia contra a dignidade de calquera persoa que sabe medianamente intelixente. Non dirán que a delgadeza das crianzas de certos barrios é violencia, máis aínda cando se contrasta contra a obesidade barriguera do viño e marisco de certas persoas que gustan de chupar cámara en televisión. Non dirán que a violencia se aplica nas escolas, institutos, e universidades, onde ademais tamén te ensinan a que che guste a devandita violencia e a agachar a cabeza ante as persoas que a sustentan. En definitiva, non dirán que este podre mundo seu se basea única e exclusivamente na violencia que unhas clases exercen sobre outras para poder vivir fagocitando seres humanos adestrados para ser devorados.

Cando a violencia se institucionaliza, cando se volve estrutural, sistémica, e ata "esencia" da humanidade, os explotados teñen dúas alternativas, e escoller entre elas depende última e definitivamente deles mesmos. Unha é agachar a cabeza, dicir a todo que "si", e seguir comendo a merda que nos botan. A outra é dicir "non, xa abonda. " Violencia non pode ser o acto de resistencia. Violencia non pode ser o acto de supervivencia. A ver se é que os medios de (des)información non saben distinguir entre actos violentos e poemas escritos en botellas flamígeras.

La Colectividad ( escribo baixo pseudónimo plural porque creo que a miña completa liberdade individual chegará de xeito colectivo. Para os que nos desprezan e reprimen soamente direilles: votedes a quen votedes, Nós somos ingobernables!)

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada