13 ago. 2014

Violencia e Estratexia Política x Lusbert

"É moi importante comprender quen pon en práctica a violencia: se son os que provocan a miseria ou os que loitan contra ela". Julio Cortázar

Colamos (e traducimos, mantendo as negriñas do orixinal) esta opinión de Lusbert, recollida da web Regeneración Libertaria, (onde o autor auto-defínese como anarquista social, da rama comunista libertaria e con certas simpatías coa política de anti-desenvolvemento e o veganismo. Anticonspiranoico e materialista. Deconstruíndo os meus privilexios de home e o eurocentrismo), ao considerar interesante as súas reflexións, sen que iso implique, que por colar acá isto, concordemos con elas:

Recordemos que o dominio, ademais de exercerse mediante o consenso, tamén é imposto a través da violencia. Podemos ver esta violencia estrutural nos desafiuzamentos, na precariedade laboral, nas prisións, nos corpos e forzas de seguridade do Estado, na desigualdade social e económica, etc. Esta violencia non é nada comparable a aquela que se exerce dende as clases explotadas contra a clase dominante e sempre será lexítima en canto supoña un medio de liberación, un freo á opresión. Pero en torno a ela xorden voces discrepantes que cuestionan a violencia revolucionaria e proveñen principalmente dende o moralismo pacifista. Esta é a falsa moralidade que non ten en conta as relacións de poder existentes na realidade social e pon á mesma altura a violencia estrutural coa violencia como medio de autodefensa e liberación. Os argumentos de ambas as dúas partes témolos ben sabidos e creo que non fai falta repetilos. Partindo de que a expropiación á burguesía só poderá realizarse mediante a violencia, así como as conquistas revolucionarias, por que existen numerosos casos de fortes disturbios que non desembocaron en cambio social e político algún? O radicalismo mídese de acordo ao grao de violencia desenvolvida polos movementos populares? Por que malia a súa lexitimidade a xente foxe dos métodos violentos? Para contestar acertadamente a este tipo de preguntas, sería necesario transcender a dicotomía entre pacifismo e violencia, e por iso sería imprescindible que incluamos un terceiro compoñente para completar as análises: a estratexia política.

A estratexia política xógase no terreo social e vai máis alá da confrontación directa co sistema, é dicir, nunha loita aberta de ti a ti. Implica buscar alianzas, definirnos ideoloxicamente, posicionarnos no escenario político, crear estruturas orgánicas/organizativas, formularnos por onde comezar a camiñar, en que frontes de loita incidir, en que espazos políticos meternos, como comunicar as nosas reivindicacións á sociedade, etc, que conformaría a estratexia de acumulación de forzas, crear movemento e ser unha forza política con capacidade material de cambio. Tendo en conta ésto, a conxuntura social é determinante á hora de optar por unha táctica ou outra. Pasemos agora a incorporar o elemento "estratexia política" para unha análise máis pormenorizado e substancial da violencia e o pacifismo.


A violencia revolucionaria non sempre axuda ao avance da loita social, mesmo pode chegar a obstaculizala. Isto dáse cando a violencia invisibiliza o trasfondo e as reivindicacións políticas que haxa detrás dunha serie de protestas a través do culto á violencia, ou simplemente se mide o radicalismo con base no grao de violencia desatada. Como adoito dicir, "unha turba cabreada de borrachos pode arrasar unha cidade enteira sen provocar ningún cambio político e social a favor da clase traballadora". A violencia sen estratexia política é pura pantomima, unha sorte de válvula de escape para desesperadas e aventureiras que buscan o desafogo inmediato fronte á violencia estrutural do sistema capitalista, aquelas persoas que non ven máis alá de romper escaparates e queimar sucursais, perdéndose no morbo da destrución e o lume. Non obstante, hai que recoñecer que as loitas recentes como Gamonal e Can Vies, por nomear as máis próximas no Estado español, tiveron éxito grazas ao uso da autodefensa. Pero isto non tería acontecido de non ser pola existencia dun tecido social.

A vía pacífica é criticada dende o anarquismo como unha táctica de loita nas rúas que non produciría ningún cambio radical, sequera un cambio máis ou menos importante. Isto pódese corroborar nas protestas cidadanistas totalmente pacíficas nas cales só teñen estado recibindo porradas e ningunha das súas reivindicacións se levaron a cabo. Non obstante, tamén tivo os seus puntos a favor e non podemos omitilos: é accesible para diversas persoas que compartan inquietudes comúns, o que implica que a xente que estea a cuestionar o sistema poida comezar a actuar e crear novas relacións; deixa en evidencia que a violencia sempre a provocan as forzas represivas; e permite que as mensaxes que se transmitan non se vexan desprazadas e desacreditadas polos métodos usados para transmitilas. Casos como os desafiuzamentos parados ou as folgas nalgúns sectores poderían ilustrar que dende a vía pacífica ou a resistencia pasiva tamén se poden conseguir vitorias, aínda que sexan pequenas.

Unha breve conclusión, que servirá como pincelada para unhas novas perspectivas sobre o tema, podería ser; o primeiro, superar os debates estériles entre violencia e non violencia, ir máis alá e atender máis ao trasfondo dos actos e a estratexia política. Logo, que a violencia revolucionaria non sexa obxecto de culto, que é unha táctica que debe empregarse cando exista un soporte, é dicir, un tecido social amplo que o avale e un pobo forte que o articule. Só así permitirá que as nosas reivindicacións non sexan desprazadas polas calumnias e a criminalización do poder dominante. E que a vía pacífica é unha boa táctica en canto permite que a xente comece a mobilizarse, coñecerse para tecer lazos solidarios e o seu contacto coas loitas sociais. Tanto unha vía coma a outra teñen validez segundo que conxunturas. Non é a mesma situación no Kurdistán que en Chile, España, EUA ou Oaxaca. A cuestión é saber ler ben os mapas e mover axeitadamente as nosas fichas pero sen chegar á obsesión de querer controlar todas as situacións e ir ditando os métodos de loita. Sempre hai que ter en conta que as accións espontáneas poden acontecer, pero no gran taboleiro do Risk que é o espazo político e social, vémonos obrigadas a xogar a partida, a non ser que queiramos perdernos no ostracismo para sempre.

Lusbert

Colado, traducido e presentado por Xan do Can para Abordaxe

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada