14 ago. 2014

"El Retroceso" entrevista a Montse Neira (prostituta): "O noso único pecado é querer deixar de ser pobres"

Anunciáramos acá en Abordaxe a presencia desta muller nunha palestra-debate no Ateneo Libertário de Lugo "A Engranaxe", agora recollemos a entrevista que lle fixeron as compas de "El Retroceso", diario libertario de Lugo e Galaxia:

Montse Neira, de 52 anos, leva 22 exercendo a prostitución, experiencia que lle permite relatar no libro que acaba de ser publicado ("Unha mala muller, a prostitución ao descuberto" da Plataforma Editorial) a súa loita por "saír da pobreza, ser feliz e estudar". Montse relata como "as prostitutas somos mulleres como as demais, coas mesmas arelas e necesidades, coa nosa familia, os nosos fillos e os nosos problemas, e o noso único pecado é querer deixar de ser pobres". "A sociedade estigmatizounos e considérannos escoura, en boa parte pola moralidade imperante, a xudeocristiá".

Nun valente relato, Montse, que se iniciou en lugares cutres, eludiu e se enfrontou a proxenetas, mellorou a pisos de máis 'standing' e logrou co tempo independendizarse. Describe unha infancia tinguida de infelicidade e pobreza, unha violación aos 12 anos, un pai alcohólico, varios desenganos amorosos e traballos precarios nun mercado, nunha serigrafía, nunha oficina e nun estudo de música. Tras un matrimonio fracasado, o paro abocouna á un anuncio de relax co que empezou a exercer a profesión hai 25 anos nun piso de citas e a descubrir que as mulleres que alí traballaban non eran peores que as compañeiras que antes tivera noutras profesións.

E tamén descubriu algo máis: "A carencia, non só de sexo, senón de afecto que hai no mundo, e que se as putas falásemos se derrubaría a institución idílica do matrimonio", indica Montse Neira. "A prostitución é un pacto entre adultos polo que se intercambia sexo e afecto a cambio de diñeiro, todo o demais é delito", describe así a súa profesión, que pide que se regularice para que os empresarios do sector do alterne tampouco poidan impoñer as súas condicións ás traballadoras sexuais. Montse Neira animou a todas as prostitutas "a que non se avergoñen, a que non teñan medo a ser xulgadas polos demais porque a xente que as quere lles seguirá querendo, sobre todo que non teñan medo porque non están a facer nada malo".

El Retroceso: Como comezou a exercer a prostitución? Cales foron os motivos que a levaron a emprender este camiño?

Montse Neira: Estritamente os económicos. Sabía, como sabemos todas as mulleres que exercendo a prostitución se gaña moito máis diñeiro e moito máis rápido que en centos de oficios, non cualificados e peor pagados. Apostei e arrisquei para saír da miseria.

E.R.: Vostede acostuma a falar do estigma social que sofren moitas mulleres por exerceren a prostitución. O feito de que o estigma recaia sobre a prostituta e non sobre o prostituidor/cliente, evidencia que é unha manifestación propia do sistema patriarcal? A que motivos atribúe este estigma social exercido contra as mulleres?

M.N.: Non son moitas, son todas, todas as mulleres e en xeral todas as persoas que exercen a prostitución, son discriminadas socialmente, culturalmente, politicamente. Se exerces a prostitución é frecuente que se te xulgue, as políticas públicas son de rescate, e non dan alternativas reais de traballos e estudos que permitan vivir con dignidade. Así mesmo nas culturas onde a sexualidade da muller representa a honra da familia, son rexeitadas, tanto é así que en vítimas de trata prevalece e dáselle máis importancia ao feito de que tivesen relacións sexuais que ao feito de ser vítimas de vulneración de dereitos humanos. O estigma leva consigo que as persoas que exercen vivan con medo, culpa e vergoña e fai que sexamos sumamente vulnerábeis, adoptando ese papel de rexeitamento e non recoñecemento da actividade victimizadora. Por outro lado, non é certo que os clientes non estean discriminados, aos clientes tamén se lles criminaliza. A proba é xustamente o modelo abolicionista da prostitución.


E.R.: Dentro do Feminismo hai diversas posicións acerca da prostitución, pero dúas que se opoñen con especial prevalencia, a saber: reglamentarismo e abolicionismo. Identifícase con algunha das anteriores ou ten unha posición propia ao respecto?

M.N.: Non me identifico con ningunha das dúas, estas dúas posicións non recoñecen dereitos fundamentais das persoas que exercemos a prostitución:

. O dereito á igualdade sen discriminación de circunstancia persoal ou social (art. 14).
. O dereito á Dignidade (art. 10).
. O dereito á Liberdade e á seguridade (art.17)
. O dereito ao traballo (art. 35)
. O dereito á saúde (art. 43).
. O dereito ao progreso social e á formación e readaptación profesional (art. 40. 1 e 2),
. O dereito á salvagarda dos dereitos económicos e profesionais (art. 42)

E.R.: A posición abolicionista considera que a prostitución é a manifestación máis evidente da violencia patriarcal exercida contra as mulleres. Dunha banda, a institución da prostitución é indisociábel do modelo de sexualidade imperante na sociedade patriarcal, segundo o cal os homes teñen necesidades sexuais perentorias que satisfacen mediante a compra dos corpos de mulleres, contribuíndo así á reificación/ cousificación destas últimas. En segundo lugar, a meirande parte de mulleres que traballan na prostitución proceden de eidos socioeconómicos marxinais que as sitúan nun contexto extremo de vulnerabilidade social que as levan a prostituirse, podéndose apreciar claramente a posición subalterna da muller con respecto ao home nunha orde social, económica e política. Que opina sobre esta visión da prostitución? É posíbel disociar prostitución de explotación sexual?

E.R.: É unha visión que fala dende prexuízos e o descoñecemento real do que é o intercambio de sexo por diñeiro. Si que é certo que a maioría de mulleres que exercemos a prostitución vimos de eidos de pobreza, pero non é menos certo que por iso sexamos, máis parvas, non teñamos capacidade de decidir e asumir riscos, o feito de saber que se gaña máis diñeiro e dun xeito máis rápido que noutros traballos fai que asumamos estes riscos. Logo xa depende de varios factores que ese risco que asumimos indo contra toda norma, saia ben ou mal, (caer en mans de delincuentes, non se deixar bloquear polo medo, a vergoña ou a culpa, ter constancia, saber aforrar, etc.); e por certo, aínda non se conveu o que se debe entender por "explotación sexual".

E.R.: Desde unha perspectiva anarquista, feminista e, consecuentemente anticapitalista, é prioritaria unha loita pola desmercantilización de todas as capacidades humanas (cognitivas, afectivo-sexuais e físicas), loitando contra o Estado e o Capital, sempre presurosos de institucionalizar e regular as diversas formas nas que se manifesta a explotación (racial, de clase, xénero...). Desde esta perspectiva, a regulamentación da prostitución non contribúe á institucionalización e, xa que logo, á normalización social dunha violencia estrutural exercida contra as mulleres?

M.N.: Que tal se antes de todo rematamos con este sistema capitalista e despois falamos? Dígoo porque mentres eu para cubrir as necesidades vitais como: comer, unha vivenda, a saúde, necesite diñeiro, mentres non fagamos dano a terceiras persoas, intercambiar sexo/afecto por diñeiro é un pacto que soamente atinxe a dous adultos.

E.R.: Que opinión lle merecen determinadas correntes do feminismo burgués que abogan pola abolición da prostitución, pero calan ante outras formas de explotación laboral? Poderíamos falar de dobre moral?

M.N.: Ignoro cal é realmente o que os motiva a manterse nesta posición. Soamente podo afirmar que realmente lles importamos un pemento, a cuestión é que non nos prostituamos despois dá o mesmo que unha se mate a traballar doce horas diarias gañando 600 euros ao mes.

E.R.: Vostede participa e colabora activamente con asociacións que loitan contra a trata de mulleres. De feito, donará os beneficiós do seu novo libro (Unha mala muller, Plataforma Editorial) a iniciativas que permitan abolir esta forma de escravitude, que todavía pervive no S.XXI. Ao longo da súa vida, considera que o tráfico de mulleres como mercadorías para fins sexuais diminuiu ou está en aumento?

M.N.: En realidade só poño un graniño de area, coñezo a realidade da escravitude en varios sectores como o téxtil, o servizo doméstico, e a alimentación. É dicir, denuncio a escravitude, que aínda que foi abolida, non desapareceu. Millóns de seres humanos son escravos, esa é a realidade, en termos relativos non creo que aumentase, en termos absolutos si, porque somos moita máis poboación con necesidades vitais que cubrir e que queren mellorar as súas condicións de vida e progresar, e tamén hai xente sen escrúpulos que sacan beneficios destas necesidades. Na escravitude sexual, o que hai é moita máis visibilización, (visibilización que procede do feminismo) permanecendo invisibilizadas as outras formas de escravitude, algo que me parece moi grave. Tal e como dixen antes ignoro por que non denuncian coa mesma forza e paixón todas as formas de escravitude.

E.R.: Por que titulou o seu libro: "Unha mala muller"? Cre que as mulleres que exercen a prostitución son percibidas así socialmente?

M.N.: Fai referencia ao binomio, putas e santas, as santas son as boas e as malas as putas. As santas seguen as normas morais, (comportamiento sexual, o vestido, a maquillaxe, a forma de falar etc), as putas non. Saltámonos todas as normas...

E.R.: Como valora as políticas represivas do Concello de Barcelona contra as prostitutas desde a aprobación dunha ordenanza cívica que permite aos corpos represivos do Estado multar con 100-300 euros a prostitutas por ofrecer servizos sexuais na rúa?

M.N.: Non soamente en Barcelona senón, en múltiples localidades de todo o territorio do estado español e as multas son de até 750 euros. Estas medidas, criminalizar ás mulleres e transexuais, é totalmente denunciábel porque vulnera os dereitos fundamentais que numerei antes. Criminalizar persoas, pobres, e emigrantes maioritariamente. Iso si, danlles como alternativa cursos de formación ocupacional e posibilidade de traballos mal pagados e non cualificados.

E.R.: Ti es unha das poucas mulleres que exercen a prostitución en España que atende a persoas con diversidade funcional psíquica (parálise cerebral, síndrome de down, etc.) ou motórica (paraplexia, tetraplexia, etc.). Existe unha carencia afectivo- sexual moi acusada neste colectivo? A que cree que é debida?

M.N.: As carencias sexuais e afectivas afectan a todas as persoas en maior e menor medida, porque como seres humanos non as temos resoltas (amor romántico con efectos perversos tóxicos, control de prácticas sexuais e con quen se teñen que ter, etc), o que lles pasa a estas persoas é que se tende a crer que son asexuadas e que non teñen as mesmas necesidades afectivas e sexuais que as demais persoas, e a esta visión hai que engadir que moitas delas non resultan atractivas como parella sexual e afectiva para a maioría, a min dixéronme barbaridades, do seguinte tipo: "que noxo, como te podes deitar con homes así?".

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada