10 jul. 2014

A prisión aféctanos a todas.

Reproducimos este interesante texto repartido na X Mostra del Llibre Anarquista de Barcelona como folleto de presentación da Asociación de apoio a persoas presas Clivella que recollimos do Tokata:

"Se tocan a unha, tócannos a todas". É unha das consignas máis recorrentes entre os movementos en loita cando estes reciben os efectos da represión. Unha represión que, nestes ámbitos, afortunadamente chega poucas veces ao seu último estadio, a prisión. Así, encontrámonos a miúdo con que as campañas que teñen por obxectivo a absolución ou a liberdade de persoas militantes represaliadas, se centran en solucionar o caso en cuestión, omitindo calquera cuestionamento ao sistema penal. É dicir, non se incide no uso e a finalidade da prisión, nas dinámicas da estrutura carceraria, obviando así unha reflexión sobre o importante papel que a prisión xoga dentro do sistema capitalista e democrático actual. Este feito pode ser debido á carencia de coñecemento da realidade carceraria ou, quizais, á non consideración da prisión como un problema social de interese común ao que dar unha resposta colectiva. En calquera caso, é evidente que a realidade carceraria queda lonxe da cotianidade da maioría de movementos en loita, posto que a práctica totalidade de poboación reclusa o está como consecuencia de situacións de pobreza, marxinalidade e desigualdade social.

As poucas veces que a situación carceraria se trata nos movementos en loita, adóitase facer para reivindicar un status político da persoa encarcerada ou para poñer de relevo certas medidas de aínda máis excepcionalidade como a dispersión, os réximes especiais e de illamento ou a propia Doutrina Parot. Estas últimas, presentándoas como especificidades dirixidas unicamente a presos políticos e obviando que afectan e se aplican tamén ao resto de poboación reclusa. A diferenciación de status entre as persoas privadas de liberdade reflicte a carencia de identificación do sistema punitivo como a ferramenta de control que usa o Estado para perpetuar as desigualdades sociais e manter os privilexios das clases dominantes. Con esta afirmación non negamos, en ningún caso, que os motivos do encarceramento sexan políticos no sentido de exercer represión cara a certa loita ou movemento ideolóxico.

Un exemplo de loita anticarceraria potente encontrámolo no movemento contra as prisións para persoas emigrantes coñecidos como CIEs (Centros de Internamento para Estranxeiros). Nos últimos anos puidemos ver como, froito da loita dos presos e da tarefa de apoio solidario e denuncia de colectivos diversos, este conflito se achegou a sectores amplos da sociedade, ao mesmo tempo que se conseguiron pequenas reformas en beneficio das condicións de vida das presas. A loita contra os CIEs é unha experiencia anticarceraria que avanza, pero a pesar de compartir as formulacións abolicionistas de fondo, vemos que certos discursos poden ser contraproducentes á hora de crear diferenzas entre os diversos espazos de reclusión. A comparación entre as condicións de vida dos CIEs cun "centro penitenciario" pode crear, en certa medida, conformismo e aceptación coa existencia de prisións máis normativizadas e relativizar as duras condicións que se dan dentro destas. Ademais, o discurso de "non cometeron ningún delito e están encerrados" pode reforzar a lexitimidade do castigo na delincuencia, sen achegar unha análise profunda do sistema punitivo en xeral.

Recentemente, tamén, e no marco da Reforma do Código Penal e o anteproxecto de Lei de Seguridade Cidadá, puidemos ver como non callou unha resposta real e contundente para parar dende a rúa un ataque tan preocupante como este. Non obstante, houbo grupos que intentaron tirar do carro desta loita sen que o groso da xente o considerase prioritario. Ademais, a maioría de críticas e presión social en contra destas medidas represivas limitáronse a poñer de relevo as medidas que afectarían principalmente ao activismo, deixando na escuridade da marxinalidade novamente os aspectos máis preocupantes como a prisión permanente revisable, a custodia de seguridade ou o uso dos diagnósticos médicos como agravante e elementos de perigosidade social.

Fai falta que os movementos en loita e antirrepresivos valoren e reconceptualicen o sistema punitivo; dende o delito ata a pena; dende quen fabrica as leis ata a persoa que delinque; dende o elemento que se protexe ata a condena imposta; dende o medo e o control ata a dor e a rabia. Se non se fai este exercicio, córrese o risco de crear enormes incoherencias no discurso anticapitalista que se promove, máis alá das mesmas incoherencias entre teoría/práctica. Aceptar a prisión e o sistema punitivo actual é apoiar a idea que son necesarios grandes colectores onde abocar os "residuos sociais" que esta sociedade enferma xera. É pechar os ollos ante os graves efectos e consecuencias da privación de liberdade. Pechar os ollos ante este dique de contención e amplificador de desigualdades sociais. Neste sentido a institución carceraria é un reflexo do sistema e as relacións sociais normativas onde reverbera e se perpetúa a pobreza, o racismo e o patriarcado. A ferramenta máis eficiente ao alcance dos estados para regular a marxinalidade e a pobreza, excluíndoas permanentemente e alimentando deliberadamente este círculo vicioso.

Así pois, é necesario repensar colectivamente o sistema punitivo, a pesar de ser conscientes que isto non se materializará ata que non haxa unha ruptura e transformación social profunda. Pero entre todas podemos facer pequenas gretas para poder desenmascarar as ferramentas do poder que controlan, vixían e castigan a todo movemento desobediente.

Clivella (Associació de suport a persones preses), Barcelona, xullo de 2014
.......................................
Clivella-Associació de suport a persones preses é un colectivo independente de ámbito catalán que ten como finalidade poñer de relevo a situación de desigualdade, discriminación e exclusión que sofren as persoas privadas de liberdade e o seu ámbito máis próximo. Solidarizámonos coas diversas loitas existentes para denunciar as condicións de vida nas prisións e facémolo cun obxectivo de fondo: o fin dos espazos de privación de liberdade.

Partimos dunha visión oposta ao rol socializador que o estado outorga aos espazos de privación de liberdade. Non recoñecemos as prisións como unha ferramenta útil para conseguir finalidades socializadoras e moito menos educativas. Ao contrario, consideramos que o encarceramento e o actual sistema punitivo son obstáculos para resolver os conflitos sociais e pensamos que coa aplicación destas medidas se conseguen efectos totalmente contrarios.

Algúns dos obxectivos de Clivella son:

-Facer visibles e denunciar as condicións degradantes ás que están sometidas as persoas privadas de liberdade.

-Dar respaldo xurídico, legal e psicosocial na denuncia de abusos de poder, tratos degradantes e torturas.

-Fomentar un espazo de solidariedade e o apoio mutuo entre familiares, persoas presas, ex presas e solidarias.

-Investigar e sacar á luz as denuncias das persoas presas.

-Xerar coñecemento sobre a actual situación dentro das prisións.

-Xerar debate e discurso sobre o modelo punitivo dende unha perspectiva abolicionista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada