7 jul. 2014

[A Coruña] Stop Desafiuzamentos denuncia: "da represión a domicilio ao acoso personalizado. Recrúa a violencia do PP contra a liberdade de expresión.

Colamos Nota de Prensa recibida onde dan conta destes sucesos e convidan a sumarse á Manifestación organizada pola Plataforma contra a Represión (da que forman parte) e que terá lugar o vindeiro Sábado 12 de xullo ás 20.00hrs. con saída de María Pita baixo o lema “REPRÍMENNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI” (ver cartaz):

Desgraciadamente, no clima de represión e acoso á liberdade de expresión e manifestación sufrido na cidade da Coruña nestes últimos tempos por numerosas persoas e colectivos, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña temos que informar agora dunha volta de torca no acoso policial ao que o goberno do PP estanos a someter por defender o dereito a ter unha vivenda digna –recollido, como é sabido, no Art. 47 da Constitución-, un dereito cuxa vulneración por parte do Estado español a través de leis como a hipotecaria foi condenada polo Tribunal de Xustiza da UE no ano 2013.

Dende a semana pasada, a persecución policial do Subdelegado do Goberno Jorge Atán e o Delegado Samuel Juárez aumentou exponencialmente a súa dureza e estase a focalizar en persoas concretas: cinco persoas que participan habitualmente en STOP Desafiuzamentos A Coruña están a ser vítimas de multas por asistir a actos convocados por outros colectivos. Acúsaselles de ser “lider y convocante” de mobilizacións polo dereito ao aborto, concentracións de apoio á veciñanza de Gamonal, detidxs no 22M ou contra o desaloxo do CSO Palavea. Estas acusacións, que dito sexa de paso, corresponden a actos de solidariedade social que contan con todo o noso recoñecemento e apoio como colectivo, son totalmente arbitrarias e implican multas que oscilan entre os 300 e os 450€.


Neste acoso resulta especialmente grave o feito de que en ningún momento se identificou a estas persoas nese lugar, senón que segundo a policía foron detectadas por “recoñecemento” visual ou “filiadas”[ver foto]. Asemade, cómpre sinalar tamén que en ditas mobilizacións, a xuízo da policía, debéronse de empregar pancartas quilométricas dignas do récord Guinness, xa que á maioría da xente acúsaselles tamén de “portar pancarta”.

Non identificar no momento ás persoas asistentes ás mobilizacións sociais é a nova “moda” represiva do Goberno do Partido Popular –vindo a confirmar a sospeita da existencia de “listas negras”-, está a ser posta en práctica tamén noutras cidades do Estado español -como denunciaron recentemente diante da Fiscalía as e os activistas do 15M de Granada-, e enmárcase nunha situación de excepcional violencia administrativa e policial contra aquelas persoas que exercen o dereito á manifestación e á liberdade de expresión no Estado español, denunciada por entidades como Amnistía Internacional no seu informe “España: el derecho a protestar, amenazado”.

Forma parte tamén desta estratexia de amedrantamento dos últimos meses o vicio policial de chamarnos polos nosos nomes e/ou apelidos cando acudimos a algunha acción reivindicativa –non só na Coruña, tamén nos ten pasado en Compostela..., para deixarnos ben claro que estamos sendo “controladas”, así como o seguimento a persoas que acoden a mobilizacións polo dereito á vivenda ou outros dereitos humanos e sociais para, unha vez finalizados estes actos, realizar identificacións intimidatorias cando estas persoas atópanse soas e xa noutras zonas da cidade afastadas do lugar da convocatoria.

Aliás, a represión policial chega a extremos tan absurdamente abusivos que o pasado sábado 28 de xuño a policía local abordou a varias persoas que participan habitualmente no colectivo STOP Desafiuzamentos A Coruña para impedirlles realizar o mercadiño de troco do 15M que veñen facendo semanalmente dende fai tres anos no barrio de Monte Alto.

E todo isto acontece coa compricidade necesaria do Concello da Coruña, dirixido por un Partido Popular investigado por corrupción que prefire ignorar que nesta cidade a pobreza está a destruír as vidas de milleiros de persoas –máis de 14.000 coruñeses e coruñesas comen dos bancos de alimentos- e non dubida en gastar 22 millóns de euros en ir de festa este ano, case 7 millóns de euros máis que o orzamentado para a concellaría de servizos sociais.

Defender os dereitos humanos e sociais non é un crime. O que é un crime é permitir que nos últimos cinco anos os bancos deixaran sen fogar a máis de 12.000 familias galegas co beneplácido do goberno do PP, que ademais afonda na crueldade desta situación favorecendo que case 300.000 vivendas, máis de 100.000 delas novas ou case novas, fiquen baleiras e apodrecendo.

O aparato de Estado represivo orquestado polo Partido Popular, que non so elude cumprir ca súa responsabilidade de garantir o benestar social, senón que utiliza a violencia directa, o cárcere e a burorrepresión económica para acalar as críticas, evidencia a ilexitimidade dun poder político que leva toda a lexislatura empregando a súa forza para favorecer ás elites económicas e estrangular ás clases traballadoras.

Fronte á súa violencia, nós respostaremos con solidariedade. Non só seguiremos acudindo ás mobilizacións convocadas por outros colectivos, senón que a súa represión motívanos a traballar máis duramente por unir forzas, tecer alianzas e levar adiante accións conxuntas para loitar e defender con contundencia os nosos dereitos. Por iso STOP Desafiuzamentos A Coruña, integrado na Plataforma contra a Represión -creada na cidade da Coruña para denunciar o acoso policial e gubernamental-, participará na manifestación que terá lugar o vindeiro sábado 12 de xullo ás 20.00hrs. baixo o lema “REPRÍMENNOS A NÓS PARA ASUSTARTE A TI”.

Antecedentes represivos

Como vimos denunciando dende fai máis dun ano, ao igual que outros colectivos que evidencian publicamente a crise social provocada pola estafa bancaria e a corrupción política, STOP Desafiuzamentos A Coruña está a sufrir unha constante represión policial e económica que se visibiliza habitualmente no envío dunha cantidade desproporcionada de antidisturbios ás nosas convocatorias, así como o acribillamento constante en forma de sancións administrativas, que neste momento chegan á cifra de 7.142€ repartidos nun total de 18 multas. Atópanse tamén pendentes de xuízo tres persoas polo desafiuzamento de Aurelia Rey, vista que terá lugar o vindeiro xoves 10 de xullo, e seis máis polo desafiuzamento de Elisabeth Sanlés –xuízo datado neste momento para o 15 de outubro-.

Por multar, multáronnos ata por manifestarnos o verano pasado contra as multas, nunha acción enmarcarda na campaña “Múltannos a nós para asustarte a ti”, comunicada e totalmente pacífica, como foron até o dagora tódolos nosos actos, xa que por moito que a Delegación, Subdelegación do Goberno e Concello da Coruña tenten criminalizarnos, o certo é que o único violento nos nosos actos é a presenza de ducias de homes de negro armados denominados antidisturbios, con máis ben ordes de crealos que de evitalos.

Alertamos tamén o pasado mes de maio da sofisticación nas técnicas intimidatorias por parte do Delegado e Subdelegado do Goberno, Samuel Juárez e Jorge Atán, respectivamente, co envío de ameazas a domicilio que suxerían a existencia de “listas negras” na cidade, unha sospeita máis que confirmada a día de hoxe a tenor das últimas multas recibidas.

Moitas grazas pola vosa atención
STOP Desafiuzamentos A Coruña

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada