5 jun 2014

Sobre Can Vies - Panfleto do CRIT (Comité Revolucionario Internacionalista Testán)

Recollemos de Rebelión de las Palabras este comunicado feito público en Indymedia Barcelona, que traducimos ao galego:

QUE A REVOLTA EN SANTS SEXA SÓ O INICIO!

A rebelión social no barrio de Sants dos últimos días é un acontecemento que marca un antes e un despois. Unha importante parte da xente do barrio estase a rebelar contra o desaloxo de Can Vies e a demolición bárbara do edificio. Can Vies foi territorio contra o poder do Estado e do capital dende hai 17 anos e moita xente defendémolo como noso, porque é noso. En Can Vies defendemos un modo de vivir, de crear e de relacionarnos sen cobertura oficial, sen institucións, nin empresas nin subvencións. Agora ben, estes últimos días están a ser tamén a oportunidade para expresar o descontento xeneralizado pola violencia e a miseria que o capital nos impón en todos os niveis das nosas vidas.

A solidariedade activa de miles de persoas, como expresión dun desexo colectivo de vivir sen obedecer, supón un gran perigo para as autoridades políticas, mediáticas e económicas. E sábeno. A loita na rúa demostra que só organizándonos de forma colectiva podemos defender os nosos intereses e as nosas vidas. O suposto diálogo cos nosos inimigos só nos leva a onde eles queren: someternos e aceptar a súa lóxica.

Can Vies tivo tanta importancia non porque fose un proxecto cultural ou educativo valioso, senón porque era un proxecto que tiña como trazo constitutivo o non-pacto, a ruptura, a negación de cada goberno, de calquera representante. Negociar co Estado anula as bases da nosa loita: crear unha sociedade sen clases, sen explotación, sen relacións de dominación. A nosa acción cambia de carácter se obedece a un pacto coa autoridade ou se se nega a obedecer. Can Vies non era nin será un centro cívico. Non é nin pode ser parte do proxecto culturalista, "aberto", progre ou humanista de calquera profesional da política. É decisión de facer política sen este profesional e no seu contra. Polo tanto negociar equivale a desaparecer como actividade emancipadora. Xa hai moitas persoas que non ven ningún problema en encher un barrio con barricadas, atacar bancos ou tirar pedras á policía para defender unha forma de organización social autónoma sen mediadores. Os incontrolados e as incontroladas multiplicámonos, e ademais sabemos e aprendemos pouco a pouco a coidarnos.

Curiosamente o Estado e os medios de incomunicación intentan introducir as divisións do pasado entre manifestantes pacíficos e violentos. É evidente que tal división non existe. O conflito xa expandiuse e temos que facer que se estenda aínda máis. Xa non é a "cola" das manifestacións a que fai os seus rituais, senón moitos, moitos veciños do barrio e da cidade. Cada vez é máis evidente que o pacifismo resulta inútil, por iso a participación nos disturbios aumenta, e unha nova cultura da autodefensa crece, a de combater colectivamente. Pero non se trata da violencia pola violencia, senón de marcar obxectivos claros e atacar ao capital e os seus símbolos. Non hai que actuar de xeito aleatorio ou compulsivo, nin ter unha sensación difusa de responsabilidade sobre os acontecementos, senón asumir plenamente a tarefa de actuar xuntas, cos colectivos, as asembleas e as persoas que queren promover prácticas e proxectos en contra e fóra dos permisos e as normas dos nosos adversarios.

Outras formas de vivir encheron (e seguirán enchendo) as rúas de Sants, de Gamonal, de Istanbul, de Río, etc., con barricadas para defendernos daqueles que só pensan no beneficio económico e político, excluíndonos coas súas leis, reprimíndonos coa súa policía, manipulándonos cos seus medios. Estamos aí e seguiremos estando, opoñendo a nosa comunidade de loita ao mundo individualista, mercantilista e patriarcal, no que a vida decae en mera supervivencia. Os amos e os gobernos destrúen proxectos colectivos con 17 anos de historia e tamén destrúen miles de vidas cada día. Que ninguén se deixe enganar: cando a comunidade gaña, as leis opresivas dominantes perden. Cando estas leis gañan (se) perde a comunidade. Noutras palabras, nós ou o Estado, ou a vida común ou a barbarie. O que máis necesitamos neste momento é potenciar os lazos entre nós, as colaboracións e as coordinacións que nos permiten crear e defender o mundo no que queremos vivir.

Non máis desaloxos nin máis desafiuzamentos. Non máis detencións nin malleiras en comisaría nin nas furgonas. Multipliquemos as okupacións, internacionalicemos o conflito. Recoñezámonos nas loitas contra o capital en todo o mundo. Temos que seguir combatendo e, ao mesmo tempo, desenvolver e mellorar os nosos vínculos, organizarnos e coordinarnos. Estratexia común, estratexia do común. Por detrás de cada barricada, un proxecto colectivo. Por diante de cada proxecto colectivo, unha barricada.

Fora a policía dos barrios!
Liberdade para todos os detidos!
Liberdade para todas as presas por loitar!
Okupemos cen, mil Can Vies!
Longa vida ao espírito que incendia as rúas de Sants e de Barcelona!
Longa vida á Rosa de foc!
Isto non fixo máis que empezar...!

CRIT - Comité Revolucionario Internacionalista Testán

No hay comentarios:

Publicar un comentario