20 jun 2014

[Grecia]: Continúa a Loita (fora e dentro dos muros) contra a creación de Prisións de Alta Seguridade

Recollemos (e traducimos) de Tokata esta información publicada en Non-fides.fr, onde se da conta da concentración nas aforas de Koridallos; un Comunicado dxs presxs e máis un texto de Anastasios Theófilos dende o cárcere de Domoko sobre o que se pretende con estes cárceres de Alta Seguridade:

O domingo, 15 de Xuño tivo lugar no exterior da prisión de Koridallos (Atenas) unha concentración contra a lexislación sobre os cárceres de tipo C que se via votar este verán no parlamento. A pesar do mal tempo, acudiron un centenar de persoas solidarias e estiveron durante unhas dúas horas berrando e cantando ante a prisión.

Comunicado dos presos

Nós, os presos, empezaremos o 18 de xuño unha folga de bandexas de tres días, como xesto de protesta contra o proxecto de lei fascista de creación de cárceres de alta seguridade de tipo C. O ministro quere crear un cárcere dentro do cárcere, sen dereitos, sen comunicacións, sen traballo, sen permisos de saída...

A súa finalidade non é a reinserción senón a vinganza e o castigo. O único seguro, cando se priva alguén do seu dereito á esperanza, é que se volverá peor aínda do que era. As prisións de tipo C non son prisións de alta seguridade, son prisións de alto desespero. Así que non é casualidade que o ministro de xustiza intente facer pasar o proxecto de lei durante o verán, para evitar as reaccións non só dos presos senón de todas as persoas conscientes e sensibles.

Esta folga de bandexas de tres días non é máis que o principio. Ante calquera mostra de intolerancia por parte do goberno ou do ministro, a loita intensificarase.

A pena de morte chámase agora en Grecia cárcere de tipo C.

LOITA, RESISTENCIA, DIGNIDADE


P. S.: Na Grecia da pobreza e da miseria, a única solución é a solidariedade entre a xente. Por iso decidimos que durante estes tres días en que nos privaremos das bandexas de comida, estas sexan entregadas a aqueles sen fogar, aos pobres e aos parados.

Texto de Anastasios Theófilos sobre as condicións especiais de encerro que se planean e a reestruturación das institucións penitenciarias gregas

Cárcere de Domokó, 11 de Marzo de 2014

De acordo coas publicacións en prensa, o Ministro de Xustiza ten intención de formular un proxecto de Lei ante o Parlamento, no cal se propón un endurecemento do funcionamento das prisións e en especial, a súa regulación interior en niveis graduados de control disciplinario e castigo, seguindo unha lóxica que aposta pola xestión represiva da poboación presa. Os cárceres, de acordo cos plans do ministerio, dividiríanse en tres categorías. Ás xa existentes penitenciarías de tipo B se agregarían as de tipo A, as cales aloxarían os delitos de «pescozo branco» (os debedores, así como os de delitos leves), e as de tipo C, que constituirán os modernos cárceres disciplinarios.

Os cárceres de tipo C, que en esencia constituirán unha «Kérkira» de alta tecnoloxía, funcionarán cun código penitenciario especial e ningún dos que estean encerrados alí terá dereito a permisos ou a liberdade condicional, as comunicacións serán vixiadas, controlarase o seu contido e poderá censurarse este, o preso manterase na cela durante 23 horas ao día, desprovisto de calquera práctica creativa, contacto ou interacción humana, condenado á absoluta inactividade. Un cárcere dentro do cárcere. Un tipo de encarceramento en contra do cal durante a década dos 90 se libraron duras loitas, centos de presos foron torturados e houbera decenas de ósos rotos. Un castigo de tipo medieval, mediante o cal o principal obxectivo non é o corporal, senón a amputación máxima do espiritual e «civilizado» do castigado.

Nestes cárceres encerrarase a todos os acusados ou condenados sobre a base da lei «anti-terrorista», membros do crime organizado e todos aqueles que «se sublevan organizadamente» durante o seu encerro. Mediante esta brutal medida, a creación de cárceres disciplinarios, e tendo en conta por un lado o problema da superpoboación e polo outro a problemática da precariedade na alimentación, a calefacción e a atención sanitaria, o goberno intenta minimizar calquera posibilidade de mobilización e protesta dentro dos muros, pola mellora das condicións de encerro, creando un forte terror. A posibilidade para calquera preso de rematar sometido nestas condicións inhumanas condicionará calquera forma de resistencia fronte ás arbitrarias autoridades penitenciarias ao ser ampliada a todos os cárceres. Por outro lado, é unha medida que por suposto ten como obxectivo a exterminación dos presos políticos, aos cales se aplicará como proxecto piloto.

As novas cárceres disciplinarios de tipo C, funcionarán como os prototipos dos cárceres de EEUU, segundo a táctica do goberno de introducir constantemente coñecementos represivos especializados provenientes do estado que introduciu e aplicou por primeira vez o dogma de Lei e Orde, cuxa consecuencia foi o aumento da poboación reclusa nos cárceres estadounidenses ata o 1% do total da poboación do país (en Grecia, ao igual que no resto de Europa, a porcentaxe encóntrase máis ou menos no 0,15%).

Non é de pouca importancia que este método, que foi utilizado por primeira vez no cárcere de Pelican Bay en California en 1984, nun principio para «categorías especiais de presos» e posteriormente para un espectro máis amplo, recibise críticas tanto de organizacións políticas e humanitarias, as cales organizan campañas para a derrogación destes métodos, coma dos mesmos presos do cárcere, que loitan polo mesmo obxectivo. O exemplo máis próximo é a folga de fame de 30.000 presos nos cárceres de California no verán de 2013 que conseguiu visibilizar a cuestión a nivel internacional.

Este tipo de encerro, que como media dura uns 7,5 anos e que en moitos casos pasa da década, en esencia inutiliza o preso creándolle un conxunto de enfermidades psicosomáticas. Ao mesmo tempo funciona como unha profecía autocumprida para os partidarios desta doutrina xa que baixo estas condicións o preso se deshumaniza e vólvese cada vez máis violento. As violentas rupturas que provocan no preso estas condicións condénano esencialmente ao círculo vicioso do castigo disciplinario, o cal o imposibilita poder saír deste réxime de encerro. É demostrable que, de acordo co informe de Amnistía Internacional, estas condicións de encerro violan os acordos internacionais para a protección dos dereitos humanos.

No marco dun continuo, inxenuo e morboso "copia e pega" das prácticas americanas, a extrema dereita camorrista de Athanasiou-Déndias, calca tal cual outra medida do país que fundou Guantánamo. Segundo as publicacións na prensa, unha parte do coidado e a xestión dos presos pasará á policía, na que actualmente se están a crear grupos policiais do tipo EKAM (GEOS), adestrados na represión de desordes nos cárceres, os cales terán o permiso das autoridades para disparar armas de fogo, cando o consideren «necesario». O corpo semellante en EEUU, os grupos SERT, está caracterizado polos «delicados» escándalos en relación ás súas armas que os responsabilizan de decenas de asasinatos de presos.

Ao igual que o traballo, a saúde, a educación e o transporte, tamén o encarceramento se volve un campo que entra no punto de mira dos axustes do memorando, de maneira que se adapte aos novos termos do capital. Por un lado endurécese e polo outro privatízase. Actualmente transfórmase no vértice dun modelo de xestión política baseado no dogma de Lei e Orde. Un modelo de xestión política que dá sentido e xustifica ao Poder idolatrando a lei e a orde en contraposición coa desintegración e depreciación do benestar social. Un modelo de xestión política que concentra a parte máis conservadora da sociedade e traspasa a responsabilidade de arriba a abaixo, considerando que o problema social non é a pobreza en si mesma, senón a delincuencia dos pobres e querendo dicir que problemas sociais, como a pobreza, inflúen negativamente sobre os suxeitos e que non están conectados coa política social senón coa política de loita contra a delincuencia.

Igual que se abandona o modelo keynesiano, a represión penal en Grecia adáptase ás condicións de crise sistémica xeralizada, expandindo e afondando a súa función, responsabilizándose do papel de único asegurador da cohesión social. Por un lado, expándese incluíndo parte da destruída clase media, aos novos pobres e aos debedores e, por outro lado, afonda aumentando a intensidade da represión, aumentando as penas e endurecendo as condicións de encerro ao seu «tradicional» público, de encerrados e delincuentes. O encarceramento e a represión convértense inmediatamente na única resposta aos problemas que deberían considerarse sociais, substituíndo o Estado de benestar. O cárcere vólvese a única solución e o seu papel é xa o de acoller a todos os que non conseguiron facer fronte ao actual axuste capitalista e ás novas condicións de vida que formulan os memorandos.

Polo tanto deste xeito, a reestruturación dos cárceres e da represión cara a un maior endurecemento non concirne só a activistas políticos e delincuentes. Non é unha cuestión simplemente de sensibilidade elemental e humanidade se unha sociedade deixa a súa parte máis delicada, os presos, presa dos plans dos dous ministros siameses con ton Napoleónico. Concirne a todos aqueles que ven a súa forza laboral degradada quedando por iso expostos a unha represión penal cada vez máis estrita. A actual xestión política baseada no dogma de Lei e Orde proveuse de formas de castigo máis leves, cos brazaletes-GPS, e os penais de encerro tipo A, para incluír baixo control directo da represión penal unha gran gama social, cuxos integrantes ata hai pouco -mentres funcionaba o modelo keynesiano- se consideraban privilexiados.

A reestruturación dos cárceres que emprenden en común o Ministerio de Xustiza e o de Orde Pública (Interior), prevé ser o tiro de graza a unha sociedade que se arrastra baixo a pobreza e os memorandos, xa que o endurecemento ata o límite do inhumano que se vai impoñer, se unirá á extensión da pobreza social.

O cárcere é unha institución vergonzosa para a humanidade. Unha institución que será derrocada xunto coa transformación revolucionaria da sociedade. Xunto coa superación da organización social que ten necesidade de tan salvaxe institución. Non obstante, ata entón dáse por suposto que existe a necesidade de reformas, pero non naturalmente cara a unha maior brutalidade senón cara a algo máis humano.

Por suposto que os cárceres en Grecia teñen problemas, por suposto que son vergonzosas mesmo para os mesmos cárceres. O problema nos cárceres gregos non é que cada dous anos se realice unha fuga, senón que miles de persoas son amontoadas como ratos, desnutridas, desprovistas de auga e de calefacción. O problema nos cárceres gregos é a especulación por medio dos elevados custos das chamadas telefónicas e dos materiais de primeira necesidade. O problema é a imposibilidade de visitas regulares debido a que a maioría dos cárceres son construídos centos de quilómetros afastadas dos centros urbanos e centos de metros de zonas habitadas.

O problema é que non existe previsión dun lugar para visitas privadas entre cónxuxes como acontece mesmo en países terceiromundistas. O problema é que no ano 2014 se lles prohibe aos presos o acceso a internet.

O problema é que unha gran parte dos presos se encontra no cárcere sen probas, simplemente sobre a base do monstruoso-artigo 187 sobre organizacións criminais. O problema é que centos de presos son privados de permisos de saída aos que teñen dereito porque existen fiscais e directores de prisións cagados de medo, aínda que a porcentaxe de violación de permisos de saída nos cárceres gregos se encontra entre os máis baixos a nivel mundial. Existen millóns de problemas nos cárceres gregos e seguramente non se encontra entre eles ningunha forma de «indulxencia».

No hay comentarios:

Publicar un comentario